ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 8 de marzo de 2008

O luns 10 de marzo presentarase unha denuncia no xulgado
do Social

A Fundación Valdegodos incumpre a lei no referido ao dereito a descanso mínimo das/os traballadoras/es

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Residencia da terceira idade Viana do Bolo; clic para aumentar
Na Fundación Valdegodos hai traballadores e traballadoras que entre xornada e xornada só descansan sete horas, e isto durante sete días seguidos, vulnerando de forma continuada os dereitos laborais dos traballadores e os dereitos dos residentes a unha asistencia de calidade.
 
A CIG de Valdeorras vén de denunciar que na Fundación Valdegodos séguense a vulnerar os dereitos máis fundamentais das traballadoras e traballadores. O secretario local, Adriano Brito, sinala, en concreto, o incumprimento da lei no referido ao descanso mínimo que debe mediar entre xornada e xornada, que o Estatuto dos Traballadores marca en, cando menos, 12 horas.

Se o cumprimento desta norma é fundamental en calquera actividade laboral coa finalidade de previr accidentes de traballo, mais o é nunha actividade que conleva o coidado de persoas maiores, en moitos casos con mobilidade moi reducida ou mesmo con falta de mobilidade, onde non só hai que prever a accidentalidade do traballador ou traballadora senón a da persoa maior á que se asiste.

Brito explica que na Fundación Valdegodos hai traballadores e traballadoras que entre xornada e xornada só descansan sete horas, e isto durante sete días seguidos, vulnerando de forma continuada os dereitos laborais dos traballadores e os dereitos dos residentes a unha asistencia de calidade. “Se a esta práctica engadímoslle os cambios semanais nos calendarios de quendas podemos atoparnos diante dun cóctel explosivo de imprevisíbeis consecuencias para a calidade asistencial dos residentes e para a saúde dos traballadores e traballadoras”, matiza.

O secretario local da CIG de Valdeorras anuncia que, posto que os continuados requirimentos feitos pola Confederación Intersindical Galega (CIG) á dirección da citada fundación para arranxar esta situación “pola vía do diálogo e da cordura que debe imperar nas relacións laborais caeron en saco roto, o próximo luns demandaremos no Xulgado do Social á Fundación Valdegodos por varios destes abusos, amais de presentar as denuncias correspondentes na Inspección Provincial de Traballo”.


Tres meses de requirimentos

“Como organización sindical de clase non podemos demorar a nosa intervención diante das agresións que están a sufrir os traballadores por parte de quen dirixe a citada fundación, que o fai con maneiras máis propias dos anos corenta que con actitudes e métodos propios dos tempos actuais”, sinala Brito. E é que logo de tres meses de requirimentos ao diálogo por parte da CIG, a dirección da Fundación Valdegodos segue sen decatarse da situación e das consecuencias que a súa actuación pode ter sobre traballadores e residentes.

As anunciadas demandas e denuncias son un primeiro paso no camiño de forzar á fundación a iniciar un camiño de diálogo. Porén, se este non se produce e séguese a vulnerar a legalidade por parte da empresa, “verémonos na obriga de actuar con todos os medios lexítimos que a organización dos traballadores pon ao noso alcance para rematar coas arbitrariedades e abusos da empresa e facer cumprir tanto o convenio colectivo polo que, na actualidade, se rexen as relacións laborais nos establecementos da Fundación Valdegodos como as leis de ámbito xeral que regulan as relacións entre empresas e traballadores”, sostén.

 
 
Informacións relacionadas
05/03/2008 Sempre que conten co apoio maioritario das traballadoras e traballadores
A CIG de Valdeorras adoptará medidas de presión na Fundación Valdegodos para que se cumpra o Convenio
08/02/2008 Xa se denunciara a actitude antidemocrática da dirección da empresa en decembro a raíz do proceso de eleccións
A CIG de Valdeorras adoptará medidas se non frean as presións nos centros da Fundación Valdegodos
27/11/2007 Con motivo do proceso de eleccións sindicais
A CIG-Ourense denuncia presións aos traballadores da Residencia da Fundación Valdegodos en Viana do Bolo
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/03/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta