|
Actualidade CIG-Comunicación-
Arredor de 100 persoas -entre as que se atopaban ademais do secretario xeral da CIG, Suso Seixo e membros do secretariado Confederal da central, mulleres representantes de organismos relacionados coa loita pola igualdade e mulleres con responsabilidades dentro da central sindical, tanto das federacións como das comarcas, participaron no acto de entrega do Premio do Día da Muller Traballadora. Un Premio dirixido, segundo explicou a propia secretaria de Muller e Servizos Sociais da CIG, Mª Carme López Santamariña, “a recoñecer o labor de mulleres e colectivos de mulleres traballadoras na loita por dignificar as súas condicións socio laborais e salariais, e por superar a situación de discriminación que, pola súa condición de mulleres, adoitan padecer”.
Nesta II Edición, as galardoadas foron as traballadoras da empresa concesionaria do servizo de limpeza do Concello de Santiago, ISS Facility Services, multinacional que ten tamén a concesión da limpeza doutras entidades da comarca, de Galiza e do Estado. López Santamariña sinalou que o premio recaeu nestas compañeiras “pola loita exemplar que mantiveron durante case 60 días de folga (en concreto 58), nos que non só sufriron ameazas de despedimento senón que mesmo 6 delas foron despedidas”. Esta folga, alén de ser unha das máis longas das que se teñen vivido en Galiza deuse nun sector, o da limpeza, cun elevado grao de precariedade e que se caracteriza por unhas retribucións máis baixas nas categorías inferiores, ocupadas nun 100% por mulleres. A súa mobilización constante permitiu xa que logo, visibilizar as condicións laborais que padecen as mulleres nun sector como este e converteuse nun claro exemplo de enfrontamento contra as políticas de contratación dunha multinacional. Respecto das presións que padeceron, López Santamariña sinalou que “foron valentes e non se renderon. Foron solidarias entre elas ao proceder ao reparto do fondo de solidariedade entre as traballadoras afiliadas e as non afiliadas e un claro exemplo para todas e todos nós de que un colectivo pequeno de mulleres ten a suficiente forza para, a través das súas reivindicacións, acadar o cambio”. A secretaria confederal da CIG aproveitou tamén a súa intervención para facer referencia á prohibición de celebrar actos e mobilizacións o propio día 8 de marzo, por coincidir coa xornada de reflexión. Así afirmou que “desde a CIG, a través da súa Secretaría da Muller, facemos pública a nosa crítica pola politización dunha data que leva conmemorándose desde hai moitísimos anos por parte de mulleres de todo o mundo, con independencia da súa nacionalidade, idade ou clase. A vindicación dos nosos dereitos non pode ser aproveitada por parte de organizacións políticas e mesmo do poder xudicial para calar as nosas bocas, nós estamos a reclamar os nosos dereitos como cidadás, por iso parécenos denunciábel e condenamos a prohibición, aproveitando a actual conxuntura electoral”. No decurso do acto tamén se lembrou a campaña que con motivo do Día da muller traballadora vén desenvolvendo a Secretaría da Muller da CIG, baixo o lema “Loitando contra a dobre presenza: dobre loita, dobre resposta”. Unha campaña de denuncia das condicións laborais ás que se enfronta a muller galega e coa que se pretende alertar das graves repercusións que, para a súa saúde ten a dificultade de conciliar a vida laboral e familiar. No acto lembrouse tamén que o pasado día 5 de marzo foi inaugurada a exposición “Mulleres no sindicalismo nacionalista da Galiza”, no Fórum Metropolitano de A Coruña, onde permanecerá até o próximo día 10. Trátase dunha mostra na que se fai un percorrido en imaxes por aquelas loitas sindicais, concentracións, cartaces e publicacións protagonizadas fundamentalmente por mulleres, desde os inicios da CXTG e INTG até a actualidade. A mostra é itinerante e percorrerá distintas cidades e comarcas do país. |
||||
Informacións relacionadas
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 08/03/2008 |
||||
|