|
Actualidade CIG-Comunicación-
Desde as dez da mañá máis de cen persoas comezaban a analizar a actualidade sindical, e outros temas de importancia no salón de actos do local sindical de Ourense. Antolín Fernández, secretario de Organización da Comarca, presentaba este acto, no que Xosé Lois Freire, secretario comarcal de Negociación Colectiva, comezaba presentando o documento de negociación colectiva para o ano 2008. Freire sinalou que “de 21 convenios que hai en Ourense, este ano negócianse 10 que afectan a máis de 20.000 traballadores e traballadoras, polo que a negociación colectiva non é unha cuestión menor, porque nos vai permitir atacar á carestía da vida que sofre a clase traballadora”. Freire aportou unhas liñas xerais que se apuntan neste documento desde a confederación “pero que haberá que adaptalas ás condicións de cada sector”. A continuación, Etelvino Blanco, secretario comarcal da CIG de Ourense, tratou a “medida escandalosa” que o pasado mes de xullo se aprobaba por unanimidade no Parlamento galego para reformar a Lei da Función Pública e outorgar a aquelas persoas que durante dous anos desenvolveran un alto cargo un plus que pode chegar aos 15.000 euros anuais. O secretario comarcal salientou que entre 2.000 e 4.000 persoas poden verse beneficiadas por este plus, xa que se aplica con efecto retroactivo desde o ano 1982. Blanco cualificou esta medida de “inxusta, discriminatoria e desproporcionada”, xa que discrimina dentro do propio corpo de funcionarios, porque se crea unha “elite de funcionarios”, porque é discriminatorio co resto de cidadáns (xa que é unha medida só para funcionarios), e sobre todo discrimina ao resto de traballadores, que non teñen acceso “a eses cargos públicos privilexiados”. Blanco subliñou que “esta medida supón unha falta de ética por parte dos que tomaron esta decisión, e o que é máis grave é que isto se faga cando CCOO e UGT asinan todos os anos pactos de contención salarial”. Etelvino Blanco manifestou que a CIG fixo pública a súa oposición desde o primeiro momento, con mobilizacións e toda unha campaña pública, que agora se concretaba nesta ILP, para modificar esta lei desde esta iniciativa, e facer unha defensa no Parlamento galego da derrogación do plus dos altos cargos. Blanco engadiu que “é preciso facer un esforzo importante para chegar ao maior número posíbel de traballadores e traballadoras no menor prazo de tempo”. Despois desta asemblea, instalouse unha mesa no Parque de San Lázaro para recoller sinaturas, así como distribuír entre os delegados e delegadas os pregos para levar ás empresas e recoller estas sinaturas. |
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 14/03/2008 |
||||
|