ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 14 de marzo de 2008

Demandan un plano de formación para o profesorado e a promoción da lei
CIG-Ensino, A Mesa e AS-PG denuncian a “pasividade” de Educación ante o incumprimento do decreto do galego

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Xoán Costa, Anxo Louzao e Carlos Callón; clic para aumentar
A CIG-Ensino, A Mesa e a AS-PG consideran que o departamento que dirixe Laura Sánchez Piñón ten que pór ao dispor dos equipos e dos centros todos os recursos e materiais didácticos necesarios en galego para todas as áreas. Así mesmo, demandan que a Inspección educativa realice un seguimento da aplicación do decreto, así como o apoio e asesoramento para cantas iniciativas de galeguización e normalización se realicen. (Na foto, de esquerda a dereita, Xoán Costa, Anxo Louzao e Carlos Callón antes da conferencia de prensa. ©galizacig.com 13/03/2008).
 
A CIG-Ensino, A Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) reclamaron á Consellaría de Educación, en rolda de prensa conxunta, que faga cumprir o Decreto 124/2007, que regula o uso e a promoción do galego no ensino, ante o “incumprimento masivo” que as tres organizacións veñen denunciando desde o comezo do curso escolar.

Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino; Carlos Callón, presidente da Mesa; e Xoán Costa, presidente da AS-PG, anunciaron que, a iniciativa da CIG, as tres organizacións se van reunir cos equipos de normalización lingüística dos centros educativos o vindeiro 1 de abril nas sete principais cidades galegas para coñecer as súas reivindicacións e proporlles asinar un modelo de escrito, aberto ás súas propostas, para presentarlle á Consellaría. Esta iniciativa, segundo o secretario nacional de CIG Ensino, Anxo Louzao, está “motivada pola constatación nas tres organizacións da total pasividade de Educación e da inspección educativa para facer cumprir o decreto”.

Neste documento, entre outras medidas, reclámaselle á Consellaría que arbitre as medidas necesarias para avaliar o cumprimento da lei e que se faga un labor de promoción do mesmo entre toda a comunidade educativa e, especialmente, entre o profesorado, unha tarefa, que, segundo as tres organizacións, aínda non se levou a cabo.

Para poder cumprir co mencionado decreto, tamén se demanda un plano de formación para os ensinantes, de xeito específico en cada materia. A creación dunha Dirección ou Subdirección Xeral de Normalización Lingüística dentro da propia Consellaría de Educación, para asesorar, coordinar, promover e impulsar o emprego do noso idioma e apoiar os equipos de normalización é outra das medidas propostas polas tres organizacións.

A CIG-Ensino, A Mesa e a AS-PG consideran que o departamento que dirixe Laura Sánchez Piñón ten que pór ao dispor dos equipos e dos centros todos os recursos e materiais didácticos necesarios en galego para todas as áreas. Así mesmo, demandan que a Inspección educativa realice un seguimento da aplicación do decreto, así como o apoio e asesoramento para cantas iniciativas de galeguización e normalización se realicen.

Segundo Xoán Costa, “o máis grave é que teñan que ser entidades privadas as que reclaman que se cumpra a lei, cando a Consellaría ten a responsabilidade de velar polo decreto que eles mesmos promoveron”.

O presidente da Mesa, Carlos Callón, subliñou a importancia do cumprimento da lei recordando que “un de cada cinco alumnos que rematan a ESO é analfabeto funcional en galego, cando hai que garantir que saian desa etapa coas mesmas competencias en galego e en castelán”. Xoán Costa, pola súa parte, asegurou que “nun colectivo tan amplo como é o do ensino pode haber reticencias a esta nova lei, mais o pouco que se fixo até o de agora foi pola vontade do propio profesorado”, polo que considera que “a responsabilidade é da Consellaría”.

Neste mesmo senso se manifestou Anxo Louzao quen asegurou que “tan só unha minoría do profesorado ten unha postura de insubmisión ante o galego, mais a meirande parte dos incumprimentos veñen de profesores cunha postura máis ben pasiva e da falta de materiais, por iso é preciso que a Consellaría poña mecanismos para que se efectivice o decreto, dándoo a coñecer, explicando o seu significado e a súa aplicación”.

O presidente da Mesa, Carlos Callón, recordou que catorce entidades e colectivos, entre os que se atopan os sindicatos que representan o 90 por cento do profesorado galego, ademais de asociacións de nais e pais e de estudantes, asinaron un manifesto no que se reclama a aplicación do decreto.

Callón anunciou así mesmo que no mes de maio a asociación que preside vai presentar un informe con todas as queixas de incumprimento chegadas á Mesa, que teñen a súa orixe tanto en centros privados e concertados como públicos, sen haber grandes diferenzas tampouco entre as zonas rurais e as urbanas.

Xa o pasado 20 de febreiro o propio Callón entregou no rexistro da Consellaría un documento no que se recollen os cincuenta casos máis graves de incumprimento dos cales A Mesa tivo constancia, moitos dos cales “seguen sen solucionarse”. O presidente da Mesa recordou que “hai centros nos que nin sequera a materia de galego se imparte nesta lingua”. “Do que se trata”, sinalou o presidente da Mesa, “é de garantir o dereito a unha educación de calidade”.

 
 
Informacións relacionadas
29/02/2008 Demanda de Educación a creación dunha Dirección ou Subdirección Xeral específica
A CIG reclama medidas urxentes para que se cumpra o Decreto de Normalización Lingüística no Ensino
22/02/2008 Presentou en Educación unha listaxe de cincuenta centros cos casos máis graves
A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia no ensino un “incumprimento masivo” do decreto de galeguización
26/01/2008 A punta do iceberg dos graves incumprimentos do Decreto de galeguización do ensino non universitario
A Mesa denuncia o “desleixo da Consellaría de Educación” ante casos de aulas de Lingua Galega en castelán
09/01/2008 Afirma que o decreto 124/2007 debe cumprirse en todos os centros de ensino non universitario
A Mesa pola Normalización Lingüística úrxelle a Educación un plan de formación en galego para o profesorado
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/03/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta