ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 4 de marzo de 2008

A empresa sanciona ás/aos traballadoras/es simplemente por ser demasiado amábeis
Concentracións simultáneas nos Supermercados Lidl en Santiago, Ribeira, A Coruña, Ferrol e Betanzos

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Traballo digno en LIDL, nóminas ao día xa!; clic para aumentar
Concentración en A Coruña.
Traballo digno en LIDL, nóminas ao día xa!; clic para aumentar
Concentración en Betanzos.
Traballo digno en LIDL, nóminas ao día xa!; clic para aumentar
Concentración en Compostela.
Traballo digno en LIDL, nóminas ao día xa!; clic para aumentar
Concentración en Ferrol.
Traballo digno en LIDL, nóminas ao día xa!; clic para aumentar
Concentración en Ribeira. (Fotos: ©galizacig.com 03/03/2008).
 
O Comité de Empresa de Supermercados Lidl SA convocou, na mañá do luns 3 de marzo, concentracións simultáneas diante dos centros de venda da Rocha en Santiago, de Elviña en A Coruña, de Ferrol, de Ribeira e de Betanzos para demandar melloras nas condicións de traballo. A convocatoria foi apoiada só pola CIG ao descolgarse CCOO no último momento.

Desde o Comité de Empresa explican que o conxunto de traballadoras e traballadores de Supermercados LIDL levan máis de dous anos cobrando entre 20 e 100 euros ao mes menos do que estebelece o Convenio Colectivo de Comercio e Alimentación.

Por iso, tras constituírse o Comité de Empresa, en setembro pasado, o primeiro que se fixo foi contactar coa dirección da empresa para que confeccionara correctamente as nóminas e aboara as diferenzas xeradas durante todo este tempo. Porén, malia recoñecer o “erro” nun primeiro momento, agora a empresa, segundo denuncia o Comité, “nin se pon ao teléfono para contestar se vai pagar ou non”.

Diante desta situación o Comité de Empresa viuse na obriga de reclamar legalmente estas cantidades e denunciar publicamente os graves incumprimentos aos que Lidl somete a todo o cadro de persoal.

Tamén denuncian que, alén de non pagar o salario que lles corresponde polo seu traballo, o grupo LIDL -famoso en Europa pola súa nefasta política laboral- mantén unhas das condicións de precariedade máis graves dentro do sector de Comercio de Alimentación que resumen nos seguintes feitos:

  • Máis do 90% da plantila está contratada a tempo parcial.

  • Hai unha falla de persoal evidente nos centros de traballo.

  • Existe unha grande flexibilidade horaria e non se recoñece a existencia das horas extraordinarias.

  • Os medios e uniformes cos que contan para realizar o traballo son moi precarios.

Por iso, exixen a solución inmediata a estes problemas e o pagamento das cantidades adebedadas pola empresa. Así mesmo reclaman respecto ás representantes dos traballadores e traballadoras e a todo o cadro de persoal, facilitando o diálogo para mellorar as condicións laborais e sociais.


Produtividade por riba de todo

A obsesión pola produtividade en Lidl chega a tal punto que para pór a proba ás/aos traballadoras/es, desde a dirección da empresa contratouse a outra para que envíen a persoas que se fan pasar por clientes, nuns casos para intentar sacar produtos sen pagar polas caixas e sancionar á traballadora ou traballador que non os descubra e noutros para mesmo comprobar o cumprimento das ordes.

As/os traballadoras/es teñen orde de informar aos clientes de onde están os produtos, pero en ningún caso acompañalos para evitar que se perda tempo de traballo. Estes falsos clientes informan á dirección da empresa se as/os traballadores incumpren esta orde. E é que en Lidl, por ser amábel tamén se sanciona.

O obxectivo destes controis é garantir uns determinados índices de produtividade co mínimo de perdas. O caso é que para conseguir este obxectivo, na vez de mellorar as condicións salariais e laborais o que se fai é sancionar.

As concentracións estaban convocadas polo Comité de Empresa e apoiadas incialmente pola CIG e CCOO. Malia estar tanto os cartaces como os panfletos asinados polos dous sindicatos, na mesma mañá do luns, CCOO decidiu descolgarse da convocatoria.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/03/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta