|
Actualidade CIG-Comunicación- Durante o ano 2006 rexistráranse un 62,4% máis de contratos convertidos en indefinidos que no ano anterior; porén e segundo sinala Natividade López Gromaz, autora do informe, “durante o 2007 esta modalidade descendeu un 12,2% con respecto a 2006, o que sen dúbida está influído pola fin das bonificacións”. Ademais, a responsábel do Gabinete Técnico de Economía explica que os contratos indefinidos iniciais tiveron un bo comportamento neste último ano; medraron un 25,07% mercé ao incremento de preto dun 50% dos indefinidos ordinarios (bonificados e non bonificados), xa que os indefinidos de fomento do emprego descenderon un 7,87% con respecto a 2006. A isto López Gromaz engade que, se sumamos todos os indefinidos, tanto os iniciais como os convertidos en indefinidos, o incremento anual foi do 3,2%, fronte a un 0,52% dos de duración temporal advertindo que “a pesar deste maior incremento relativo dos fixos, a proporción entre ambos permanece máis ou menos estábel: 11,4% de fixos en 2007 e 11,1% en 2006, tres décimas máis”. Analizando todas as variábeis, López Gromaz, afirma que “os datos son claros. Non se produciu ningún cambio na contratación no que vai de século, con algunhas décimas de diferenza a tendencia mantense; feito que debería servir para reflexionar xa que neste período se implantaron dúas reformas laborais (2001 e 2006), cun esforzo orzamentario moi importante e sen incidencia real na contratación. Sen dúbida cómpre modificar as políticas destinadas a aumentar a estabilidade no emprego; o sistema de axudas directas á contratación indefinida non está funcionando e aos datos hai que se remitir”.
|
|||||||||
|
|
|||||||||
|