|
Actualidade CIG-Comunicación-
Nos últimos meses, Caixanova está despedindo a persoal fixo recoñecendo os despedimentos como improcedentes optando por indemnizar ao persoal, o que en gran medida dificulta a mobilización sindical. Dende a CIG Banca e Aforro denuncian que, se os despedimentos se converten nunha simple cuestión económica, nos bancos e caixas haberá “despedimento libre” de facto. Ante esta situación a Sección Sindical da CIG en Caixanova iniciou o 25 de marzo un proceso de mobilizacións pola readmisión do último traballador despedido, un traballador da oficina de Sarria. Dende as 10 da mañá, sindicalistas da CIG percorrían as rúas deste pobo repartindo centos de comunicados as persoas que pasaban polas rúas ou estaban no interior dos diferentes negocios, ao tempo que informaban da concentración convocada para as 12 da mañá en contra dos despedimentos inxustos en Caixanova e pola readmisión do traballador da oficina desta localidade no seu posto de traballo. As 12 da mañá comezaba a concentración convocada pola CIG, pouco a pouco veciños e veciñas achegábanse primeiro con curiosidade, para posteriormente sumarse á concentración. Durante a mesma coreáronse diversos berros en contra da política laboral de Caixanova e denunciando a política retributiva da cúpula directiva, pero sen dúbida foi o berro “Fernando readmisión” o máis coreado por sindicalistas e xentes do pobo, rompendo en aplausos en máis dunha ocasión. Aproximadamente as 12:30 da mañá as persoas alí congregadas cortaron o tráfico durante uns minutos para disolverse entre novos berros de apoio ao último despedido. Con esta mobilización a CIG quixo deixar claro e patente que Fernando é un traballador honrado despedido inxustamente pola dirección de Caixanova. A súa figura foi hoxe reivindicada tanto polos seus compañeiros e compañeiras, como por todos os veciños e veciñas que asistiron á concentración. Maña día 26 de marzo está previsto o acto de conciliación no SMAC (Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación) en Lugo, tendo anunciado a CIG novas mobilizacións en apoio a este traballador de Caixanova inxustamente despedido.
|
|||||||||||
|
|
|||||||||||
|