Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 7 de marzo de 2008

Entrevista a Ignacio Ramonet
“As autoridades cubanas non contemplan unha evolución do tipo da ‘glasnost’ ou a ‘perestroika’ de Gorbachov”
 

José Zepeda-

El Grano de Arena


Todo o que vai haber é unha evolución á cubana porque, precisamente, esta é a singularidade da experiencia política cubana e en particular coa intensificación das relacións cos demais países latinoamericanos. Hai que se decatar de que o contexto das relacións cubano-latinoamericanas nunca foi tan favorábel para Cuba.



  Rúas cubanas; clic para aumentar
Ignacio Ramonet: “Non penso que en Cuba, mentres a presión dos Estados Unidos se manteña, os cubanos -as autoridades cubanas- acepten debilitar a fronte de resistencia tal como eles a conciben. É dicir, coa idea de que o que permite a resistencia cubana desde hai 50 anos é a unidade e a unidade pasa polo partido único”.
 
José Zepeda: Era de agardar esta mensaxe de Fidel Castro?

Ignacio Ramonet: Digamos que non é unha sorpresa. Todas as persoas, todos os analistas, que estaban seguindo a evolución da situación política en Cuba, sabían que era unha decisión que se tiña que tomar. Por que agora? Sinxelamente porque acaba de haber eleccións lexislativas en Cuba. O novo Parlamento reúnese por primeira vez o vindeiro domingo, 24 de febreiro, e era importante saber a decisión que ía tomar Fidel Castro. Porque, obviamente, se se presentaba no Parlamento, sería elixido como membro do Consello de Estado, e ao ser membro do Consello de Estado, sería naturalmente elixido presidente do Consello de Estado. É dicir, para un novo mandato, e agora está terminando o seu último mandato de 5 anos.

Era o momento decisivo. Ademais, xa ouviramos e leramos, en textos que acaba de publicar Fidel Castro nas semanas precedentes, en particular un no que dirixíndose aos seus electores -que o acababan de elixir-, e agradecéndolles a súa elección, dicía que se desculpaba porque non puidera facer campaña electoral no terreo -el é elixido por unha circunscrición de Santiago de Cuba-, en razón do seu estado físico. E engadía, "o meu estado físico non me permite, neste momento, máis nada que escribir". Era obvio que recoñecer esta limitación física, facía deducir que non ía aceptar de novo o cargo de Xefe de Estado, que supón, evidentemente, o ter todas as súas facultades físicas, non só mentais, senón físicas, para desprazarse, ver os problemas, verse coa xente, etc. Coido que por conseguinte, honesta e loxicamente, tomou esta decisión no bo momento.

José Zepeda: Se un tivese que buscar algún mínimo común denominador do que foron as primeiras reaccións á carta de Fidel Castro, podería dicir que reproducen un sentimento que veu crecendo fóra do país, non só dentro, no sentido de que veñen cambios. Vostede comparte esta impresión de que vai haber cambios na illa?

Ignacio Ramonet: Coido que é unha obviedade dicir que cando cambia un presidente hai cambios. É evidente. En Estados Unidos, calquera que sexa o próximo presidente será diferente do precedente, pero tamén haberá unha gran continuidade. En Francia houbo unha elección na continuidade do mesmo partido, pero en realidade é unha política diferente a que se está facendo con respecto ao mandato anterior. Por conseguinte, en Cuba, é obvio que vai haber cambios. Se iso significa que vai haber un cambio espectacular, e que as novas autoridades van darlle as costas, digamos, á política que se está levando a cabo desde hai anos, evidentemente é un erro.

Todo o que ocorre en termos políticos en Cuba está moi determinado pola presión cotiá que exercen os Estados Unidos sobre a illa.

En cambio, o que si podemos afirmar é que se as eleccións americanas conducen á elección, por exemplo, dun candidato ou unha candidata demócrata, é posíbel que se cre unha atmosfera diferente neste contexto, que permita avanzar, cara á proposta que Raúl Castro, neste período de exercicio provisional da xefatura de Estado, fixo varias veces cando, dirixíndose ás autoridades americanas, lles pediu que senten coas autoridades cubanas nunha mesa de negociación e que se poña sobre ela o conxunto dos problemas que dividen, separan e enfrontan a estes dous países, para resolver de xeito civilizado e negociado esas diferenzas. Para avanzar cara a unha etapa nova. Se isto se fai, obviamente podemos imaxinar que se o candidato demócrata, Barak Obama, é elixido, el que declarou de xeito público que se é elixido discutirá, conversará cos "adversarios", os "inimigos" dos Estados Unidos -e citou a Irán, e citou o presidente Chávez de Venezuela, e citou ás autoridades cubanas-, entón, si que podemos imaxinar que esta elección pode traducirse en cambios importantes en Cuba.

José Zepeda: Mentres iso non ocorra, non vai suceder o que por exemplo, di o partido socialista español, de que oxalá que esta renuncia vaia acompañada de apertura democrática na illa...

Ignacio Ramonet: Non penso que en Cuba, mentres a presión dos Estados Unidos se manteña, os cubanos -as autoridades cubanas- acepten debilitar a fronte de resistencia tal como eles a conciben. É dicir, coa idea de que o que permite a resistencia cubana desde hai 50 anos é a unidade e a unidade pasa polo partido único. Por conseguinte, se se entende por democracia o discutir abertamente todas as dificultades e todos os problemas que poden existir en Cuba -en particular na vida cotiá, económica, política- iso xa se está dando porque sabemos que, neste momento, en Cuba hai milleiros de encontros, de debates e de intercambios. E algúns foron retomados pola súa espectacularidade, pola súa claridade de abordar problemas concretos fronte ás autoridades máis importantes do país. Isto si que se pode dar. Agora, se se entende por apertura democrática, por exemplo, a creación, a autorización de partidos políticos diferentes, eu penso que isto non se vai dar no actual contexto.

Evidentemente, nun contexto en que non existise o bloqueo económico exercido polos Estados Unidos, ou o embargo económico, no que as relacións de Cuba cos Estados Unidos, cos aliados dos Estados Unidos, fosen moito máis normalizadas, quizais se podería imaxinar unha evolución diferente. Penso que as autoridades cubanas abandonaron e apartaron calquera evolución de tipo, digamos, para pór un exemplo, do que ocorreu na Unión Soviética co que se chamou a ‘glasnost’ ou a ‘perestroika’ de Gorbachov.

Por iso moitos observadores din, "pode haber unha evolución como a de China ou a de Vietnam". É posíbel. Pero, sobre todo o que vai haber é unha evolución á cubana porque, precisamente, esta é a singularidade da experiencia política cubana e en particular coa intensificación das relacións cos demais países latinoamericanos. Hai que se decatar de que o contexto das relacións cubano-latinoamericanas nunca foi tan favorábel para Cuba. É dicir, nunca Cuba se viu nunha situación de política internacional na que hai a posibilidade de ter relacións moi intensas, económicas, culturais, de todo tipo, con países latinoamericanos da importancia de Venezuela, Brasil, Arxentina, Bolivia, Ecuador, Uruguai, Chile e Nicaragua, na medida en que Cuba ten boas relacións, pero, ademais, intensificou relacións comerciais, culturais e de intercambio de servizos, con Venezuela, Bolivia e Nicaragua, no marco do ALBA. Por outra banda, é un país que está asociado hoxe día ao MERCOSUR, que reúne evidentemente a Brasil, Arxentina, Uruguai e Paraguai, e que ten como membros asociados a outros países como Chile.

José Zepeda: Mencionaba vostede estes milleiros de encontros onde se discuten as interioridades da vida en Cuba, e efectivamente, tal como di, hai algúns momentos espectaculares que retomou a prensa internacional. Vostede é moi consciente de que en moitos destes encontros, hai unha demanda de cambios e que non son precisamente aqueles disidentes aos cales se sinala coa punta do dedo, dicindo que poden estar comprados polo diñeiro dos Estados Unidos. Estamos falando de cidadáns do común de Cuba que están a pedir un cambio...

Ignacio Ramonet: Si, absolutamente. Cidadáns do común, traballadores, estudantes, que en todos estes encontros expuxeron o inventario completo das dificultades da vida en Cuba. Dificultades en termos de alimentación, en termos de aloxamento, no sector do transporte, económico -na existencia da dobre moeda-, no desprazamento para viaxar ao estranxeiro. Todos eses temas foron abordados e coido que as autoridades, en particular no período que acabamos de vivir, e no novo que se abre, esencialmente quixeron darlle máis importancia a tratar de resolver eses aspectos que a consideracións de política internacional ou de xeopolítica.

O que caracterizou estes 18 meses de goberno, presidido na práctica por Raúl Castro, foi iso esencialmente. E houbo varios discursos nese sentido, é dicir, hai que facer cambios, hai que facer cambios estruturais, hai que corrixir unha serie de actitudes que non están en acordo co que convén ao país. En particular, por exemplo, hai que poñer o agro a producir. A agricultura cubana non está producindo suficientemente para alimentar. Non hai por conseguinte soberanía alimentaria, hai toda unha serie de problemas concretos e o transporte segue sendo unha dificultade cotiá.

Nese sentido houbo a importación de milleiros de autobuses de China, e que están transformando xa a vida cotiá dos cubanos. Eu penso que se entra agora nun período novo no que un equipo, moi pragmático, nun contexto máis acougado, no que aínda que Cuba segue sometida ao embargo comercial dos Estados Unidos, con todo ten moitas e moi variadas relacións, en particular con América Latina.

Pero non só excelentes relacións comerciais con China, excelentes relacións económicas e comerciais con Vietnam, con Irán, con moitos países europeos tamén. Entón, nun contexto máis acougado. Nun contexto que permite precisamente agora atacar a estes problemas concretos da vida cotiá. E é posíbel, evidentemente, que estes problemas tamén teñan que ver como se resolven. Se cadra un pedimento non só de bens materiais, senón tamén doutro tipo de aspiracións da sociedade cubana.


[Entrevista tirada do sitio web ‘El Grano de Arena’, num. 438, marzo de 2008]

 
 
As opinións vertidas nos artigos de opinión, enviados polos nosos colaboradores ou tiradas doutros meios, non teñen porque ser necesariamente compartidas pola CIG.
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 07/03/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apóntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta