|
Actualidade CIG-Comunicación-
Foron moitas as persoas que se xuntaron na asemblea coa que comezaba o Día da Clase Obreira Galega, no cine Salesianos, pasadas ás dez da mañá. Nesta asemblea tratáronse temas de actualidade sindical e déronse a coñecer datos sobre afiliación e eleccións sindicais. En primeiro lugar Anxo Ferreira, membro da Executiva Comarcal da CIG, lembrou a historia da data do 10 de Marzo, e extraeu a conclusión de que “é preciso ter organizacións propias e xenuínas para defender os nosos intereses”. Placer Vila, secretaria de Organización da Comarca de Vigo, analizou os resultados das eleccións sindicais a nivel confederal, e nomeadamente na Comarca de Vigo. Nesta comarca escollíanse 5.098 delegados, dos que 1.838 son da CIG. A secretaria de Organización realizou unha pormenorizada análise destes datos, e finalmente agradeceu a toda a estrutura sindical, así como a todos os delegados e delegadas o traballo realizado neste período electoral, polo que dixo que había que dar “os parabéns” a todos os e as participantes neste proceso.
Despois, Consuelo Lago, da Executiva Comarcal da CIG de Vigo, informou de que na actualidade a Comarca de Vigo conta con máis de 17.500 afiliados e afiliadas, o que supón unha evolución estábel e unha porcentaxe de incremento moi importante na afiliación. Así mesmo, manifestou que nos próximos meses comezará unha campaña de afiliación a nivel confederal para mellorar aínda máis estes datos e “para ter máis peso nas seguintes eleccións sindicais”. Xerardo Abraldes, secretario comarcal da CIG de Vigo, interveu ao longo da asemblea para dar a coñecer que nos próximos días estarán dispoñíbeis nos locais sindicais da Comarca de Vigo as follas para recoller as sinaturas da Iniciativa Lexislativa Popular para derrogar o plus dos altos cargos. Ademais Abraldes amosou a solidariedade da comarca co traballador e delegado despedido por presentarse ás eleccións sindicais na candidatura da CIG no campo de Golf de Domaio, que neste 10 de Marzo tiña o xuízo para que se declarara o seu despedimento nulo.
Xerardo Abraldes explicou finalmente os contidos
deste 10 de Marzo, que volve ser como en 1972 “a demanda de convenios xustos e aquí, e salarios dignos”.
Abraldes denunciou o engano do cálculo do IPC, e criticou o papel de CCOO e UGT, polo que se preguntou “como
poden pedir salarios dignos cando asinan pactos de contención salarial”.
Pasadas ás doce da mañá, máis de 600 persoas saían do cine Salesianos, desde a rúa Venezuela, e percorrerían as principais rúas da cidade de Vigo até chegar á Praza da Estrela fronte á Delegación da Xunta en Vigo. Ao longo desta marcha berraron consignas como “Convenios aquí e non en Madrid”, “Non á represión”, ou gritos na lembranza de Amador e Daniel, traballadores da Bazán asasinados en Ferrol o 10 de marzo de 1972. A mobilización rematou con unhas palabras do secretario comarcal, Xerardo Abraldes, que denunciou de novo a criminalización “de todo o que cheire a nacionalismo”. Tamén lembrou que o 11 de marzo, Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva, e Miguel Malvido, secretario nacional da CIG Metal declararán polo expediente xudicial aberto pola ocupación da Xunta durante a folga do Naval, pola denuncia realizada pola Consellaría de Presidencia. Abraldes reiterou as súas críticas pola “represión xudicial como nunca antes tivemos e coa que se tenta criminalizar a aquelas persoas que pelexan polos dereitos dos traballadores e traballadoras e do país”. Abraldes engadiu que “vamos esixir que se arquiven os expedientes, xa que cos dereitos dos traballadores non se xoga, e en todo caso, non imos deixar sos aos nosos compañeiros, e imos estar máis organizados e traballar máis para denunciar esta situación que vivimos”. Por último, Abraldes afirmou que esta mobilización “era a primeira visualización do noso apoio e unha mostra de que a CIG non se vende, e ao final deste proceso, imos vencer nós”. Despois destas palabras, o acto rematou co canto do himno galego. |
||||
Informacións relacionadas
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 11/03/2008 |
||||
|