|
Actualidade CIG-Comunicación-
Os actos públicos comezaron a media mañá diante da estatua que no barrio ferrolán do Inferniño teñen dedicada Amador e Daniel. Os secretarios xeral e comarcal do sindicato, Suso Seixo e X.A. López Pintos, depositaron ao pé do monumento un centro floral elaborado a modo e semellanza da bandeira da Patria. Os dous sindicalistas, posteriormente, dirixiron discursos ante o medio centenar de delegados e delegadas que participaron na ofrenda, que rematou co cántico, por parte dos presentes, da vella consigna de: “Amador, Daniel, a loita continúa!”. A manifestación partiu pasadas as 19:30 horas do local do sindicato, nas proximidades da Avenida de Esteiro, e percorreu varias rúas céntricas da cidade até concluír no Cantón de Molíns. “Convenios aquí e non en Madrid!”, “Traballo digno na nosa terra!”, “Comisións e UGT, sindicatos do poder!”, “Galiza ceibe, poder popular!”, ademais doutras palabras de orde soberanistas, foron as consignas que máis se ouviron no decurso da marcha.
O secretario xeral comezou a súa intervención lembrando cifras arrepiantes: máis de 640.000 cidadáns galegos viven con menos de 570 euros ao mes. Nesta mesma liña, Seixo denunciou que os traballadores do país levan dez anos perdendo poder adquisitivo, situación da que responsabilizou o Goberno español e os sindicatos estatais, que asinaron novamente coa patronal un acordo interconfederal de negociación colectiva que estabelece como referencia un incremento nos salarios do 2%, moi por baixo do IPC real do ano pasado, taxado no 4%. Suso Seixo non aforrou críticas cara a política económica e fiscal do Executivo do Estado, ao que acusou de favorecer as rendas máis altas en detrimento das dos traballadores. O máximo responsábel da CIG avogou por fomentar un sistema fiscal progresivo para que coticen máis as persoas con ingresos máis elevados. O secretario xeral animou a seguir rachando coas dinámicas que pretenden implantar as centrais estatais, de contención salarial e de sindicalismo de cúpulas que ignora a participación dos traballadores. No outro extremo situou a CIG, “sindicato combativo, de clase e participativo”. Seixo defendeu na súa alocución a soberanía para Galiza, con plenas competencias en materia social, laboral ou económica, para que non decidan por nós “organismos alleos ao país como os parlamentos español e europeo”. Ademais, o secretario xeral avogou por avanzar nun sistema democrático, “fronte ao modelo alegal e antidemocrático que representa a monarquía”, en clara alusión á visita que Juan Carlos de Borbón e a súa dona fixeron o 10 de marzo a Ferrol.
“As verdadeiras familias reais son as que perden poder adquisitivo e non as que nos mandan aquí a solapar o movemento obreiro”. Deste xeito expresou López Pintos o rexeitamento da CIG ferrolá perante a visita dos Borbóns á cidade o 10 de Marzo. O secretario comarcal, ademais, manifestou a súa solidariedade cos máis de 70 traballadores do Metal e da Construción de Vigo imputados pola súa participación nas mobilizacións realizadas en ambos sectores durante o ano pasado: “Estas son as armas que emprega agora o capital contra nós para reprimirnos”. López Pintos, asemade, relacionou esta vaga represiva co aumento de apoios que está a obter a CIG entre os traballadores, pois a central, pese a medrar e consolidarse como primeira forza na comarca e converterse na segunda da nación, “non renuncia aos seus principios de sindicato combativo e solidario”. Os actos do 10 de Marzo finalizaron co canto da Internacional e do Himno Galego. |
|||||||||||||||||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 12/03/2008 |
|||||||||||||||||||||
|