Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 14 de marzo de 2008

O sindicalismo galego, a nosa realidade e retos
 

Manuel Mera-

fs@galizacig.net


Neste momento histórico é necesario ter en conta ás clases populares no seu conxunto (por moi fragmentadas que se atopen); só así se poderá asegurar que os avances da clase obreira realmente se cumpran na empresa e se legalicen en leis e normas, e deste xeito tamén se irá fortalecendo a reivindicación laboral e o peso dos traballadores como clase, acumulando avances para o proxecto estratéxico, e irase construíndo o poder popular.



  CIG, en defensa do movimento sindical; clic para aumentar
A Confederación Intersindical Galega (CIG), reúne a traballadores e traballadoras de todos os sectores. Son 65.000 afiliados cotizantes, e 5.600 delegados sindicais (o 28,6% do total en Galiza), sobre un total de 910.000 asalariados e asalariadas, e 160.000 desempregados máis. Hai outras dúas centrais sindicais, de ámbito estatal, con peso en Galiza, a UGT -co 31,2% dos delegados- e CCOO -co 28,3%-. É dicir, a CIG é a segunda central sindical en número de delegados (que indica a composición das mesas de negociación colectiva e representación institucional), pero a primeira en capacidade mobilizadora, máis que as outras dúas xuntas desde hai décadas, e tamén en afiliación, aínda que desde hai menos tempo.
 
Compañeiros e compañeiras das distintas delegacións internacionais, amigos do Partido do Traballo de México, ante todo quero agradecer ao convite a este evento, ao que é a segunda vez que concorremos, e que xa o ano pasado avaliamos como enormemente necesario e un contributo importante á acción e o pensamento para a transformación da sociedade.

O noso país é unha antiga nacionalidade, libre durante algúns períodos da súa historia, hoxe dependente (un proceso con semellanzas ao irlandés). A nosa nación, Galiza, foi sometida a un proceso de asimilación, e o tempo demostrou que non son instrumentos válidos para contrarrestala tanto a autonomía, como o Parlamento, o goberno propio, algunhas competencias exclusivas e o recoñecemento de nacionalidade histórica. Dise que os celtas e os suevos foron os pobos invasores que máis influíron no noso carácter, ademais do clima chuvioso e a brétema, as rías, as montañas, os montes e o verde da paisaxe. Agora ben, sen dúbida nada incide tanto como séculos de colonización, de persecución e marxinación da nosa cultura e lingua, de negación da nosa historia, de atraso económico, en fin: de dependencia.

Hai tres décadas aínda a metade da poboación tiña como actividade principal a agricultura, familiar e de autoconsumo, aínda que eramos xa naquela época os primeiros subministradores ao Estado español de leite e carne, pesca, madeira, granito, lousa, electricidade, etc. Un país rico de xente pobre, forzada a emigrar; recoñecía un informe das Nacións Unidas a primeiros da década dos sesenta. Máis de 1.200.000 de persoas naquel momento, a gran maioría en América Latina, sobre unha poboación de 2.700.000, a mesma que hoxe en día. O desenvolvemento posterior fíxose á conta de forzar o éxodo rural, que foi absorbido só en parte polo sector secundario e terciario, dando lugar a un novo proceso de emigración (seguen saíndo entre 15.000 e 20.000 persoas ao ano, e 45.000 máis o fan de xeito temporal). Cada ano entran, ao mesmo tempo, sobre 30.000 inmigrantes e algúns millares de retornados; evidentemente non é por falta de man de obra, xa que ademais o paro é superior ao 12% da poboación activa.

Este proceso, agravado pola globalización neoliberal e a integración na Unión Europea -que fai menos transparente o poder político- tivo e ten contestación popular. Non quero cansar os participantes neste evento, pero é bo que saiban que desde a caída da ditadura franquista se fixeron en Galiza dez folgas xerais. A primeira en 1984, convocada só pola nosa central sindical. A última realizouse no ano 2002. Todas foron un éxito. Durante o 2003 e 2004 en contestación ao desastre do Prestige e á guerra e ocupación de Iraq realizáronse inmensas mobilizacións en todo o país. Nos últimos anos aumentaron as folgas a todos os niveis. Para dar un exemplo, en Vigo, a cidade máis grande de Galiza -pouco máis de 300.000 habitantes-, hai unha media de dous actos de protesta ao día. Non é a nosa unha sociedade pasiva, non se acepta con resignación a inxustiza e a dependencia. Pero, como en tantos outros lugares do mundo, hoxe falta articulación e un proxecto capaz de recoller todo este descontento. A hexemonía das clases dominantes, tamén na formación e información, e se fai falta tamén a represión, fan o resto.


O contexto

Nos últimos anos houbo unha gran expansión económica no Estado español, tamén en Galiza, que no noso caso modificou profundamente a estrutura de clases. Hoxe máis do 75% da poboación ocupada está formada por asalariados e asalariadas, e nas aldeas máis pequenas e illadas (hai unhas 30.000) o traballador rural autónomo deixou paso á clase obreira. Aqueles que se dedican á agricultura e gandería non chegan hoxe ao 6%, e á pesca menos dun 3%. Pero ao mesmo tempo a sociedade rural moi igualitaria transformouse nunha sociedade estratificada e moi desigual. Algúns datos: o 32% dos asalariados teñen contrato temporal, máis de 60% nos menores de 30 anos. A xornada laboral normal supera as nove horas diarias, e aumentaron os ritmos de traballo. Un dato máis que dá unha idea xeral da situación: en 1981 as rendas dos asalariados, que constituían o 47,25% da poboación ocupada, viñan sendo o 62,06% do total dos ingresos en Galiza. No ano 2005 os asalariados e asalariadas representaban o 79.9% dos ocupados, e a súa participación no PIB retrocedeu ao 45.87%. Aínda sendo os métodos de medición distintos, a diferenza é abismal (datos Banco Bilbao e INE).

O 65% das familias teñen problemas para chegar a final de mes. A vida encareceuse, comprar un piso é hipotecarse de 35 a 50 anos. Consecuencias: a mocidade tarda en emanciparse, casar, en ter fillos, por iso (se a isto se engade a emigración) ben se pode entender o motivo porque hai máis dunha década que morre máis xente da que nace. Hai outros problemas que tamén derivan desta realidade: menos participación da clase obreira nas organizacións sociais e políticas (dedicada agora en exclusiva ao traballo e saír adiante), un espazo que cobren as clases medias acomodadas, con todo o que iso significa en materia ideolóxica e o tipo de militancia. Claro que hai excepcións e en determinados momentos, cando se ve o cambio, a incorporación pode ser masiva, pero conxuntural; falta máis estrutura intermedia organizada, politizada, que manteña a tensión do debate, que concéntranse e centralizan nunha pequena franxa da poboación e do territorio. O déficit comercial é inmenso, e a sobrevaloración do euro unha arma de dobre fío. A construción de vivendas, motor da economía, supera en moitos lugares as necesidades, é un elemento investidor e especulativo, pero hai millares de familias que non poden adquirir un piso porque están sobrevalorados e, o máis grave, moitos dos que compraron un quedan hipotecados para sempre, aínda que caia o seu valor no futuro. A destrución de grandes áreas naturais, consumidas polo cemento e o ladrillo, o problema do lixo e os refugallos, os límites enerxéticos, o cambio climático, o desemprego estrutural nalgúns territorios e a marxinación das maiorías (tamén na participación política real), son unha barreira ao sistema de desenvolvemento actual, que non se pode superar co voluntarismo interesado da publicidade mediática. A globalización neoliberal chegou ao seu límite, así como o papel do imperialismo europeo, xaponés e norteamericano. A esta altura é hora de permita ampliar a militancia activa.

A etapa de expansión económica no Estado español, e polo tanto en Galiza, parece que chegou ao seu remate, aínda que é cedo para saber se o proceso que se abre será de caída en picado ou un retroceso moderado, pero constante e con dentes de serra. En todo caso o sistema ten grandes problemas, fai augas por todos os lados, aínda que isto non quere dicir que caia polo seu propio peso. Creceu a economía pero os beneficios pensarmos nos novos escenarios posíbeis, tamén desde o ámbito sindical.

Os malos tempos no económico non significa que as clases dominantes retrocedan; pola contra, hai signos evidentes de que pensan que a situación é transitoria e que a deben superar mediante mecanismos máis duros contra a contestación social e política (máis control da información, métodos represivos, estreitar os dereitos democráticos, etc.), e non mediante un novo pacto social, como na transición logo da ditadura franquista, que lle asegure unha base máis ampla. Isto é así, ademais, porque na última década, unha parte importante da clase media se sumou ao proxecto da gran burguesía. En moitos casos, son asalariados con bos ingresos ou pequenos empresarios que á súa vez contratan man de obra, especialmente inmigrante, en pequenas empresas ou no fogar, e polo tanto convertéronse á súa vez en cómplices do sistema, e ás veces nos máis duros explotadores aínda que non sexan os que obteñen maiores beneficios.

A utilización da loita contra o terrorismo para encubrir a criminalización da protesta social, especialmente a laboral, e suprimir os movementos de liberación nacional en Euskal Herria, Catalunya e Galiza, son o mellor exemplo de cal é o camiño escollido. Hoxe a dereita e o centro esquerda asimilan os seus discursos nestes temas e tamén no referente ao intervencionismo fóra das fronteiras para asegurar materias primas, produtos enerxéticos, mercados submisos e os ofensivos beneficios dos grandes grupos empresariais propios. A actitude do PP ou do PSOE non ten matices importantes cando se trata, por exemplo, de defender os negocios de ENDESA, FENOSA, REPSOL, Telefónica, Banco Santander ou BBVA, etc., en calquera país de América Latina.

En resumo, débese afirmar que, dentro do Estado español, a política económica, laboral e territorial do Partido Popular e dos “socialistas” é moi similar (regresividade fiscal, grandes subvencións aos empresarios, privatización de servizos públicos, non recoñecemento do carácter plurinacional do Estado, etc.); a diferenza fundamental está en determinados dereitos individuais (aborto, homosexualidade, etc.) e nunha maior sensibilidade do PSOE no trato da marxinalidade social. Porén, continuaron as políticas que favorecen a explotación laboral, a internacionalización empresarial e a cesión de poder á burguesía. Unha aclaración con respecto ao tema fiscal. Tanto con gobernos conservadores como “socialdemócratas” aumentou a presión fiscal e tamén se reduciron os impostos directos (favorecendo aos grandes ingresos) e aumentaron os indirectos, que afectan ao consumo.


A nosa potencialidade

Querémonos centrar no que mellor coñecemos, o sindical, ao falar de como enfrontarmos este novo período. Unha etapa na cal a crise do sistema, o cambio nas relacións de poder entre os estados, a aparición de novas referencias de desenvolvemento e participación social, se producen nun contexto no que se mantén a hexemonía ideolóxica e económica da burguesía e todo o seu poder represivo. Por iso, é tan complexo o proceso, con pasos adiante e atrás, modificacións constantes no suxeito político pola gran estratificación, polo que empurrar os cambios necesita como nunca antes dunha enorme base militante formada e organizada. O ideolóxico debe pasar a primeiro plano, tanto para expandir a mobilización como para que esta teña unha finalidade estratéxica.

Indo ao concreto. A nosa central sindical, a Confederación Intersindical Galega (CIG), reúne a traballadores e traballadoras de todos os sectores. Son 65.000 afiliados cotizantes, e 5.600 delegados sindicais (o 28,6% do total en Galiza), sobre un total de 910.000 asalariados e asalariadas, e 160.000 desempregados máis. Hai outras dúas centrais sindicais, de ámbito estatal, con peso en Galiza, a UGT -co 31,2% dos delegados- e CCOO -co 28,3%-. É dicir, a CIG é a segunda central sindical en número de delegados (que indica a composición das mesas de negociación colectiva e representación institucional), pero a primeira en capacidade mobilizadora, máis que as outras dúas xuntas desde hai décadas, e tamén en afiliación, aínda que desde hai menos tempo. Somos a primeira central en sectores estratéxicos como o metal, a educación pública e a sanidade, e nas cidades máis industriais, como Vigo e Ferrol. Somos, ademais, unha central sindical moza, tanto pola media de idade dos dirixentes, como pola composición da afiliación e os delegados sindicais. Un sindicato moi representativo, se falamos das fábricas e centros privados, do traballador e traballadora de produción, cun peso anecdótico entre os técnicos e mandos. Isto tamén marca unha diferenza, importante neste momento histórico. Cómpre saber que a nosa central sindical non ten máis obxectivos que dar información e apoio legal, e potenciar a loita da clase traballadora. Non temos hospitais, nin centros de vacacións, nin outro tipo de actividades complementarias.

Vainos ben, se quedamos só nunha análise simple dos resultados. Aumentamos constantemente en delegados e afiliación real. Somos referencia dunha central sindical combativa, non pactista. Como exemplo, negámonos a asinar o pasado ano un pacto polo emprego -sen contido-, que foi aceptado pola patronal, CCOO e UGT (estas centrais están integradas na Central Sindical Internacional). Un acordo propiciado pola Xunta de Galiza, que está integrada polo PSOE e o BNG (organización política coa que temos relacións históricas e un proxecto estratéxico con grandes converxencias). Opuxémonos aos sucesivos pactos que realizaron nos últimos anos CCOO e UGT coa patronal limitando os aumentos salariais, e outros que asinaron co argumento de “evitar un mal maior e favorecer o emprego” que desregularon máis as condicións laborais e as indemnizacións por despedimento. Sabemos manter a nosa autonomía, evitar favorecer á dereita, e empurrar no que podemos a un goberno progresista que temos en Galiza, pero que non vai rachar co sistema, cando menos coa composición e no momento actual. Non é doado mantermos coherencia e responsabilidade; saber acumular con tantas contradicións, ten dificultades, xera debates e dúbidas, non é unha liña recta, polo que a análise debe ser estratéxica e contextualizada. Vainos ben, pero darnos por satisfeitos sería un erro; pódenos levar ao estancamento e mesmo a retroceder.

Con esta capacidade, coa correlación de forzas actual, e neste escenario, temos que enfrontar desde o sindical en Galiza os retos inmediatos e estratéxicos da clase obreira, aproveitando as fortalezas e superando as debilidades..., que tamén as temos. Comezarei neste documento por analizar os obxectivos que nos temos marcados, para ver despois como podemos superar as debilidades internas e que afectan á clase.


Tarefas desde o sindical

Entre os obxectivos para esta etapa, no eidos laboral, desde a CIG témonos fixado dous como fundamentais: que se cree máis emprego e que sexa de calidade (contratos fixos, que se cumpran os ritmos de traballo e xornada laboral establecidos, salarios xustos, igualdade de xénero, non discriminación lingüística -a utilización normalizada do galego-, condicións de traballo seguras e adecuadas, etc.). A nosa experiencia neste campo é que só a través da mobilización e a folga pódese avanzar nestas reivindicacións, evidentemente sempre acompañada da negociación, porque estamos condenados (neste sistema) a buscar acordos coa patronal e conseguir un avance na lexislación e asegurar a súa aplicación cando é progresista.

Pensamos que a negociación colectiva e as reivindicacións en materia de emprego e calidade e seguridade no traballo, servizos públicos e fiscalidade, son a base da actuación do sindicato. Especialmente importante é a negociación colectiva porque nela participa unha gran parte dos traballadores. A asemblea para tomar as decisións sobre o convenio, a mobilización para presionar, o protagonismo de novos cadros, a discusión sobre o contido do convenio e como actuar, poden ser unha escola de formación sindical, pero tamén política. A rutina ou o derrotismo neste caso sempre son negativos.

Agora ben, aínda para avanzar e consolidar nestes limitados obxectivos é necesario ir máis aló do estritamente laboral, ou do ámbito sindical. Primeiro, como xa comentei, porque o sistema dominante (a globalización neoliberal, o imperialismo desta etapa) degrada en todas partes as condicións laborais, facendo competir a nivel planetario uns traballadores con outros. Segundo, porque aínda que se fala moito na Unión Europea de relacións autónomas entre traballadores e patronal, na práctica os gobernos, mediante leis e normas, actúan a favor dos empresarios, especialmente dos máis poderosos. Por exemplo, as sucesivas reformas fiscais e as transferencias de grandes sumas aos empresarios, co argumento de incentivar a creación de emprego (aínda que se trate de proxectos no exterior).

As leis e os convenios colectivos non se cumpren en moitas empresas, e o Goberno e o Poder Xudicial non o garanten máis que en casos extremos. O Poder inclínase ao lado dos poderosos. Multitude de sentenzas realizan unha interpretación neoliberal da lexislación laboral, outras criminalizan o dereito de folga e os piquetes informativos. Só onde existe unha gran forza sindical hai garantía de que se cumpra a lexislación e os convenios colectivos, pero é difícil nas pequenas empresas. Demostrando que non se pode avanzar se non existe organización, forte presenza de afiliados, e capacidade mobilizadora nas empresas e sectores. Pero, ademais fai falta que as organizacións sindicais, a clase traballadora, conte con respaldo partidario nas institucións, e un amplo armazón de simpatías no conxunto da sociedade, e moi especialmente organizacións políticas propias que defendan intransixentemente os seus intereses.

A tendencia a illarse nas empresas é un suicidio, e só nos conduce a deixar todo, comezando pola participación partidaria e institucional, en mans dos poderosos e clases medias acomodadas. Máxime cando a maioría dos asalariados e asalariadas, aqueles que máis necesitan un cambio radical, traballan xornadas diarias de dez ou doce horas, tamén nos países do Norte, cando menos esa é a nosa realidade. A militancia partidaria, e os cargos nas institucións, aínda en representación da esquerda, están ocupados hoxe case en exclusiva por sectores de asalariados da franxa superior e profesionais, sobre todo da educación. Non se pode dubidar da entrega de moitos deles, pero isto é un problema non menor, porque crea estamentos, grupos de poder, e illa partido e loita parlamentaria da realidade diaria da maioría da clase traballadora. Fortalece no movemento obreiro organizado as tendencias economicistas (tamén nos partidos de esquerda, que o afastan do proxecto estratéxico), pero ademais dá forza, no outro extremo, ás actitudes ultraesquerdistas, pasionais e desarticuladoras, que illan as militantes da clase.

Neste momento histórico é necesario ter en conta ás clases populares no seu conxunto (por moi fragmentadas que se atopen); só así se poderá asegurar que os avances da clase obreira realmente se cumpran na empresa e se legalicen en leis e normas, e deste xeito tamén se irá fortalecendo a reivindicación laboral e o peso dos traballadores como clase, acumulando avances para o proxecto estratéxico, e irase construíndo o poder popular. Non podemos caer en esquematismos; nin as leis garanten todo nin a mobilización pode manterse permanentemente nos niveis necesarios para garantir o conquistado, neste marco de hexemonía do capital. Para non avanzar e retroceder constantemente, cómpre a loita en ambos os escenarios a un tempo e, repito de novo, alianzas amplas que aseguren unha nova hexemonía, pero cun programa transformador, e iso pasa polo debate e eliminación da explotación de clase, e no caso concreto de Galiza, ademais, pola liberación nacional, que garanta a identidade e o protagonismo do noso pobo secularmente oprimido.


O ideolóxico en primeiro plano

Entendemos que un dos puntos máis débiles do movemento obreiro é neste momento o da formación e a comunicación; neste ámbito a hexemonía do capital, do neoliberalismo, é total. Darlle importancia a estes temas non pasa só por debatelos en xornadas e reunións, e reflectilos en textos, se despois para a súa execución non se poñen os medios necesarios. Se é estratéxico, fundamental!, é urxente dedicarlle moitos recursos, máxime cando conseguir resultados nestes aspectos leva tempo; é tamén un proceso acumulativo e de irradiación. Hai unha hexemonía ideolóxica do capital, que se fortaleceu coa caída do “socialismo real”, aínda que o sistema non sexa capaz de solucionar (nin sequera parcialmente) os grandes problemas da humanidade. Isto incidiu moito sobre a fragmentación e retroceso da esquerda e os movementos de liberación, sobre a perda de identidade ou o conservadorismo, e por suposto sobre afastamento partidario dos movementos de masas. Pero ademais actuou tamén sobre estes, sobre o seu xeito de facer política e construír o suxeito colectivo.

Formación e información son a mesma materia pendente. Non valería de nada formar os militantes e afiliados a un sindicato (ou partido) se ademais non temos en conta que hai unha hexemonía comunicacional, tamén na cultura de masas (no ideolóxico), do capitalismo na sociedade, que condiciona non só a linguaxe senón como actuar socialmente. Hoxe a formación non pode ser tan sinxela como hai varias décadas; debe contemplar múltiples aspectos das relacións sociais, da historia, da cultura, do patrimonio, do ecosistema, porque en todos eles existen contradicións que debemos clarificar, tensionar, radicalizar, e deben servir de nexo entre todos os que cuestionan o sistema: o imperialismo. Hai que volver unir as organizacións dos traballadores con aqueles que desde o campo intelectual analizan e elaboran. A ruptura conduce a uns ao practicismo e aos outros ao teoricismo. A unidade de ambos fai a praxe. Neste momento é esencial a loita no campo das ideas, unida á realidade concreta e xeral, tanto para dar a nosa visión dos feitos históricos, como para analizar o presente, ou defender o noso modelo de sociedade para o futuro. Se non conseguimos avanzar neste terreo será moi difícil dar un salto cualitativo, evitar a fragmentación e o derrotismo.

O nacionalismo galego sempre foi un movemento de liberación das clases populares, desde que na Revolución de 1846 Antolín Faraldo no boletín Revolución, escribiu que Galiza era unha colonia das Cortes españolas, e dixo que o levantamento armado era para “que nos temesen e respectasen”. Por iso pensamos desde a CIG que as propias experiencias, e a súa análise, son insubstituíbeis. Pero que o coñecemento doutras realidades, movementos sociais e políticos, de como dan solucións aos seus problemas é un contributo que non se pode nin debe ignorar ou desprezar. Ademais a solidariedade, o coordinar potencialidades, é básico para poder derrotar o imperialismo nesta etapa histórica, e fundamental para a construción dun mundo con xustiza social, respectuoso con todos os pobos, e defensor da pluralidade cultural, sen paternalismos, en pé de igualdade. Por iso son tan importantes as relacións bilaterais ou encontros amplos como este en México, xa que son unha ferramenta máis para a construción dunha nova hexemonía, dunha nova sociedade, para facer realidade o socialismo. Despois dependerá de cada un de nós que a usemos ou non con eficiencia, que a multipliquemos. Adiante compañeiros e compañeiras!


[Relatorio presentando no XII Seminario “Os partidos e a nova sociedade”, organizado polo PT de México, marzo de 2008].

 
 
  Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e
Comunicación da CIG.
(Máis artigos...)
  Manuel Mera
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/03/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta