|
Actualidade CIG-Comunicación-
A inseguridade segue a rondar aos traballadores da obra pública por mor da presión política e social que se lle imprime en canto a prazos de execución e posta en funcionamento. Os traballos na estrutura do AVE son boa mostra diso. Mais alá da investigación das causas do accidente grave producido na xornada do 12 de marzo na zona do Irixo, a CIG de Ourense subliña que “segue a preocuparnos as condicións de traballo nas que se están acometendo as obras. Basta observar os traballos na fin de semana para comprobar que o ritmo é desenfreado nos diferentes tramos, coma se dun dia laborábel se tratase”. Todo iso dáse “a pesares de que o Convenio Colectivo da Construción na nosa provincia establece claramente que a xornada laboral é de 40 horas semanais de luns a venres. Nin que dicir ten que o persoal da fin de semana é o mesmo que o do resto da semana, e que a duración da xornada diaria sobrepasa con moito das oito horas”, engade Etelvino Blanco, secretario comarcal da CIG de Ourense.
Estes incumprimentos son permitidos tacitamente pola Inspección de Traballo, que “pasado o apuro ao que se viu sometida cando se derrubaron varios piares dun viaduto en setembro pasado (accidente no que morreu un traballador e resultaron feridos graves outros catro) semella que volveu adoptar a acostumada relaxación da que fai gala nos asuntos relacionados coa seguridade dos traballadores”. E finalmente, Etelvino Blanco rematou subliñando que “reclamamos unha vez máis a convocatoria, por parte da Delegación de Traballo, da reunión pendente entre Inspección, Fiscalía e Sindicatos, reunión que tiña que terse celebrado no pasado mes de xaneiro, na que proporemos que se trate a problemática da grande obra pública en materia de prevención de riscos e condicións de traballo”. |
|||||||||||||||||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 13/03/2008 |
|||||||||||||||||||||
|