ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 14 de marzo de 2008

A iniciativa nacionalista foi aprobada por unanimidade
O Parlamento de Galiza recoñece o labor sindical dos despedidos polo conflito do “Casón”

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Naufraxio do buque Casón; clic para aumentar
“O conflito do Casón convertíuse no conflito de Alúmina-Aluminio, un problema que afectou a toda Galiza mais só os 23 membros do Comité o padeceron”, concluíu o parlamentar, ao tempo que amosou a súa solidariedade cos compañeiros e compañeiras, “sabemos que chegamos tarde, pero é peor non chegar”.
 
O Parlamento de Galiza aprobou por unanimidade, o pasado mércores 12 de marzo, unha proposición non de lei na que se insta a recoñecer o labor sindical dos representantes da empresa Alúmina-Aluminio, despedidos polo conflito do “Casón”. O deputado nacionalista Fernando Blanco Parga, que defendeu a iniciativa, lembrou que “os traballadores non poden ser quen paguen por un conflito que tiveron que padecer milleiros de galegos e galegas”.

A iniciativa nacionalista insta a estudar “a apertura dunha mesa de negociacións para acadar solucións individuais aos problemas laborais e de cotizacións dos traballadores/as despedidos por este conflito”.

Fernando Blanco Parga, na súa intervención, reivindicou ademais o papel xogado por estes sindicalistas hai 20 anos “hoxe, cando hai dous días que se celebrou o Día da Clase Obreira Galega”, lembrando que estamos a falar “dun tema de represión sindical que aínda non está pechado”.

Blanco Parga fixo tamén un relatorio cronolóxico dos feitos desencadeados o 5 de decembro de 1987 “cando o ‘Casón’ enviaba unha chamada de SOS fronte á Costa da Morte”.

Ese SOS abríu, tal e como explicou o parlamentar, “unha crise histórica en Galiza que rematou na Mariña luguesa” despois de feitos tan significados como incongruentes nos que se sucedían decisións contraditorias por parte do goberno e da direción da empresa Alúmina-Aluminio, a onde se decidíu trasladar a mercadoría perigosa que trasladaba o buque.

“Ésta foi a primeira vez que un Comité de Empresa integrado por sindicatos de todo signo decidíu por unanimidade acollerse ao artigo 19.5 do Estatuto dos Traballadores, procedendo a evacuar a factoría, se os camións coa carga entraban nestas instalacións”, explicou Blanco Parga.

Após unha falsa manobra na que os camións coa carga se achegaron á factoría, os traballadores desaloxan a fábrica e ao día seguinte a direción da empresa comunica verbalmente o despedimento duns 104 traballadores.

Finalmente, xa en xaneiro de 1988 todo o Comité de Empresa recibíu a carta de despedimento por estes feitos, ratificado despois polo Tribunal Supremo.

“O conflito do Casón convertíuse no conflito de Alúmina-Aluminio, un problema que afectou a toda Galiza mais só os 23 membros do Comité o padeceron”, concluíu o parlamentar, ao tempo que amosou a súa solidariedade cos compañeiros e compañeiras, “sabemos que chegamos tarde, pero é peor non chegar”.

Blanco Parga non amosou ningunha oposición a retirar da iniciativa a petición de indulto solicitada polos propios traballadores xa que, segundo el mesmo comentou, “non son culpábeis de nada”.


Texto da resolución aprobada por unanimidade

1. Un recoñecemento explícito do labor sindical dos representantes despedidos da factoría de Inespal de San Cibrao, polo conflito do Casón.

2. Se estude entre Administración galega e as organizacións sindicais, coa posíbel colaboración da empresa e da Administración central, a viabilidade de acadar solucións individuais aos problemas dos traballadores despedidos polo conflito.

 
 
Informacións relacionadas
26/01/2008 Foran despedidos en xaneiro de 1988 durante o conflito ocasionado polos bidóns do Casón
O BNG demanda que se “faga xustiza” co antigo Comité de Empresa de Alúmina-Aluminio
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/03/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta