|
Actualidade / Artigo Ruptura diplomática con Colombia tras
a agresión a Ecuador Heinz Dieterich-
Non se trataría dunha resposta extremista senón dunha medida de prevención, para conservar a paz dos países latinoamericanos. A secuencia de violacións ás soberanías de Ecuador e Venezuela, mediante incursións militares aéreas e terrestres, secuestros de persoas e, agora, bombardeos e ataques de artillería, non é máis que o compoñente militar do proxecto de Washington, de destruír os gobernos progresistas da Patria Grande. Neste plan de ataque militar, as dúas puntas de lanza son: Colombia e a nacente Cuarta Flota da Mariña de Guerra do Imperio. Este proxecto de Bush e o seu monicreque Uribe avanza como un cancro e é vital para o futuro de América Latina que os países latinoamericanos, non só os lindeiros con Colombia, digan o seu seu “ata aquí” a Uribe. Se os gobernos latinoamericanos non lle aumentan o custo político, económico e diplomático desta política ao goberno da oligarquía colombiana, poñen en perigo a súa propia subsistencia política. A oligarquía colombiana e os seus patrocinadores en Washington, que durante douscentos anos nunca fixeron concesións ás forzas populares, non queren negociar a paz con xustiza social en Colombia. Non a quixeron cando asasinaron a Eliécer Gaitán, cando asasinaron a máis de dous mil cadros da Unión Patriótica, cando asasinaron a decenas de millares de colombianos coas súas forzas paramilitares e non a quixeron o día de onte, cando asasinaron, guiados polos militares do Pentágono, o líder guerrilleiro Raúl Reyes; sabendo que este asasinato pecharía definitivamente o momento de distensión cara á paz, que se logrou coa liberación unilateral dos reféns das FARC. A decisión imperial-oligárquica, de non negociar coas FARC, senón procurar a súa destrución física ou rendición incondicional, pon a estas nunha situación extremadamente difícil. Para romper o illamento político que Washington logrou, cómpre actuar mediante negociacións sobre os reféns e, posteriormente, unha paz con xustiza. Pero todo paso político deste tipo acerca a súa destrución militar, porque cada contacto co exterior para xerar a liberación dos reféns, proporciona a Washington a intelixencia necesaria para destruír as columnas e a infraestrutura guerrilleira. Nese sentido, as prolongadas negociacións en San Vicente do Caguán foron unha xigantesca trampa de intelixencia, porque proporcionaron aos ianquis as impresións dixitais, os retratos fotográficos, a identidade de importantes cadros que saíron do anonimato da selva, a identificación dos móbiles, relacións de Internet e a estrutura de comunicación da guerrilla, e, inclusive, nalgúns casos, o perfil de ADN. E o mesmo é válido para as negociacións de liberación dos reféns. É correcto dicir que a morte de Raúl Reyes e da columna guerrilla é o prezo militar que se pagou pola liberación dos reféns. A intelixencia electrónica do Pentágono é tan avanzada hoxe en día, que nin o constante cambio de teléfonos móbiles protexe o anonimato, porque logrou desenvolver unha tecnoloxía que identifica o perfil de voz dunha persoa entre millares de chamadas de móbiles en cuestión de segundos. Do mesmo xeito, a intelixencia satelital e de avións espías -como aqueles que están estacionados na base militar de Manta, Ecuador, cerca do Putumayo- é tan sofisticada que é imposíbel pasar as coordenadas da extracción de reféns ao goberno venezolano, sen deixar unha infinidade de pegadas informáticas para o Comando Sur. Este é o prezo que pagan as FARC por emprender a vía política de resolución do conflito. Pero se tratan de evitar ese alto custo militar, evitando a esfera das negociacións internacionais, íllanse máis aínda no político. E illarse na política significa emprender o camiño da derrota. Ante este dilema, os gobernos latinoamericanos teñen só dúas vías para parar a expansión da estratexia militar de Wáshington en América Latina. Illar diplomaticamente a Bogotá, ou conceder en bloque ás guerrillas colombianas o status de forza belixerante. Esta é a única posibilidade de defender os seus intereses e os das forzas democráticas-populares de América Latina fronte ao eixo monroeísta de Washington-Bogotá.
|
||||
| As opinións vertidas nos artigos de opinión, enviados polos nosos colaboradores ou tiradas doutros meios, non teñen porque ser necesariamente compartidas pola CIG. | ||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 04/03/2008 |
||||
|