ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 27 de marzo de 2008

Satisfacción pola sentenza de nove anos de inhabilitación
Ana Lois, funcionaria acosada de Dozón, reclama amparo das institucións políticas para que remate a súa situación de “maltrato”

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Asemblea de delegados/as en Ourense; clic para aumentar
 
Ana Lois Navaza, funcionaria acosada do concello de Dozón e delegada de persoal da CIG, e Carlos Davila, avogado da mesma, deron este mércores 26 de marzo unha rolda de prensa no local da CIG de Pontevedra para avaliar e analisar a sentenza do xulgado nº3 do Penal de Pontevedra, que inhabilita por nove anos ao alcalde de Dozón, Adolfo Campos, por prevaricación.

Ana Lois realizou en primeiro lugar unha exposición persoal sobre o conflito no que leva máis de nove anos, que nace de ir nunha candidatura do BNG nas eleccións municipais de 1999 do concello de Dozón, que se agrava pola súa condición de delegada de persoal da CIG, e desde aquelas como subliñaba Ana Lois “levo nove anos sufrindo un maltrato dun culpábel principal e tamén dos seus colaboradores locais, e nacionais, porque o grupo de goberno ampara ao Alcalde, e esta situación é coñecida polos responsábeis do PP en Galiza e a nivel estatal”.

Imprescindíbel dimisión do alcalde

Ana Lois manifestou que “é imprescindíbel a dimisión do alcalde, e máis aínda desde esta última sentenza, e está en mans do seu partido, porque parece que a única maneira de rematar con esta situación está en mans da política, porque até o momento o único que funcionou sempre foi a xustiza, que en todas as xurisdicións nos deron a razón, pero non se soluciona o problema porque hai recursos, os camiños son lentos, e isto alongase no tempo, e xa van nove anos”.

A funcionaria acosada explica que “a situación real é que eu teño danos permanentes físicos e psíquicos, tiven que estar case 900 días de incapacidade temporal por accidente de traballo, e por ese motivo, tamén foi condenado co 50% de recargo por falta de medidas de seguridade e hixiene no meu posto de traballo. Non se me permite traballar, e atópome nunha situación na que os médicos non me permiten continuar no concello, polos danos irreparábeis que ten para a miña saúde”.

Chamamento aos gobernos

Ana Lois quixo realizar un chamamento: “Apelo ao goberno galego e ao goberno do Estado español a que actúen porque a miña saúde non pode aguantar moito máis. Eu quero traballar, pero hai nove anos que non me deixan, e é durísimo, non lle quero a ninguén esta situación, nin sequera ao Sr. Campos. Eu defendin a xustiza, a legalidade, a democracia e os ideais, e os maltratadores buscan a rendición total e sen condicións, e eu non estou disposta, custe o que custe”.

Ana Lois salientou a súa satisfacción pola sentenza e engadiu que “estou contenta por esta sentenza, que é un grande logro despois de nove anos, e que é a terceira sentenza penal que condena ao alcalde de Dozón”.

Ana Lois lembrou especialmente ao seu amigo e compañeiro no concello José Manuel Lorenzo, que finou, e que “non puido coñecer que toda esta tortura non queda impune”. Ademais agradeceu “a dignidade e a valentía” de Jesús Otero, Gonzalo Vila e Jesús García, veciños de Dozón, que sabendo as consecuencias que pode ter o seu xesto de dicir a verdade no xulgado, dixérono. Ademais agradeceu aos seus compañeiros de traballo no concello, José Areal, Carme Failde, asi como a Henrique García, “por estar sempre ai”, e ao seu avogado Carlos Davila.

Explicación xudicial

Carlos Davila subliñou que esta condena “ven motivada por unha situación que ven desde o ano 1999, que é cualificada na sentenza como unha represalia contra unha opción política ou sindical, ou por unha opinión que tiña Ana Lois”.

Davila explicou que orixinariamente a demanda foi interposta “só por prevaricación, e posteriormente presentáronse os outros cargos,como o de lesións, polo que a xuiz na sua sentenza afirma que non pode xulgar algo posterior ao que deu orixe esta causa, e por iso só sanciona o delito de prevaricación, polo que temos aberta novamente a posibilidade de volver denunciar por estes outros delitos non sancionados nesta ocasión, dado que a situación continua”.

Engade o avogado que a sentenza é “tecnicamente correcta”, xa que non xulga eses outros delitos para que non sexa nula a totalidade do proceso xudicial, “pero deixa ver entre liñas que existen eses delitos e que poden ser xulgados, xa que non están prescritos, porque é unha situación que continúa”.

Davila afirmou que “os únicos que están a cumprir co seu papel neste caso até o de agora foron os xuíces”. Davila reclamou tamén do PP que “quite a este acosador da súa lista de afiliados, que o repudie, porque non é só esta sentenza senón que son máis de trinta as que asi o sinalan”.

O avogado de Ana Lois adiantou que presentaran rapidamente outra querela por lesións, delito contra o dereito dos traballadores e pola falta de medidas de seguridade no posto de traballo polo Penal, que xa non será como unha ampliación dunha querela, senón unha querela propia.


 

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta