ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 1 de marzo de 2008

VI Xornadas da Muller
Unha reflexión sobre a prevención da violencia sexista desde a educación

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Violencia? Non, grazas; clic para aumentar
Na VI edición das Xornadas da Muller máis de media ducia de investigadoras e investigadores achegarán diferentes experiencias sobre a prevención da violencia sexista desde as aulas.
 
No marco das VI Xornadas da Muller, organizadas pola AS-PG e a CIG-Ensino (coa colaboración da Deputación de A Coruña e da Obra Social de Caixa Galicia) máis de media ducia de investigadoras/es achegan experiencias sobre a prevención da violencia sexista nas aulas.

As xornadas comezaron o venres 29 de febreiro e rematan este sábado 1 de marzo e desenvólvense en Santiago de Compostela, no local da Obra Social de Caixa Galicia (Carreira do Conde, 18). O horario do sábado é de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:30 horas.

Na edición deste ano máis de media ducia de investigadoras e investigadores achegarán diferentes experiencias sobre a prevención da violencia sexista desde as aulas. Trátase de combinar a exposición daquelas propostas innovadoras e frutíferas na Educación de Xénero coa análise da problemática social.

Cada ano vén asistindo a elas un importante número de profesorado (neste edición máis de 200) de distintas áreas e niveis educativos.


Na tarde do venres contouse coa presenza de:

Fernando Barragán Medero, que expuxo un proxecto interestatal sobre a promoción da construción non patriarcal da masculinidade e da redución das expresións máis comúns de violencia.

Francisco Nebril e Celso Taboada do Colectivo de Homes Galegos para a Igualdade (18:30-19:30) ofreceu unha radiografía sobre a situación da igualdade e a implicación dos homes na súa consecución.

• A maxistrada Ana López-Suevos Fraguela revisou os problemas que padecen as traballadoras pola súa condición de mulleres e valorou as solucións normativas que se están dando a estas cuestións, así como o papel dos axentes sociais.


Na xornada do sábado, 1 de marzo, os relatores/as e as actividades son:

Azucena Arias Correa (10:00-11:00) que tratará o tema dos mitos que aumentan a tolerancia cara á violencia machista.

• Proxección do documental (11:00-12:00) “Simone de Beauvoir, unha muller actual”.

• Mesa redonda: Gobernar para a igualdade (12:30-14:00): Participarán as representantes dos diferentes grupos parlamentares, Ana Luísa Bouza Santiago, do Bloque Nacionalista Galego, Susana López Abella, do Partido Popular de Galicia, e Laura Seara Sobrado, do Partido Socialista de Galicia-PSOE, e será moderada por Dores Fernández Abel, responsábel da Muller da CIG-Ensino.

Esther Mato e Rogelio Yebra Puig, premios Irene (16:30-17:30) falarán da concienciación e da prevención da violencia de xénero contra as mulleres no eido educativo a través da súa introdución nos currículos escolares como tema transversal.

Eulalia Lledó Cunill (18:00-19:00) analizará as causas e a orixe da linguaxe androcéntrica, amosará como esta linguaxe se concreta en diferentes ámbitos e mostrará os usos lingüísticos que permiten visualizar as mulleres sen problemas e reflectir de xeito fidedigno a realidade.

Xoán Carlos Mejuto pechará as xornadas con “A boneca de trapo, monólogo para un tango” (19:30-20:30). Unha boneca, un home, un diálogo imposíbel. Baixo o xogo dunha boneca sentiremos como a incapacidade para comunicar, amar e entender ao outro nos pode levar a unha viaxe sen volta, a unha historia sen final, a un amor maldito... a unha realidade que seguen a padecer centos de vítimas da violencia de xénero e de calquera xénero de violencia.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/03/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta