Actualidade / ArtigoVolver


A Coruña, 7 de marzo de 2008

Cinco anos sen Egunkaria
 

Xurxo Martínez Crespo-

xurxomartinez@cantv.net


  Euskadi'k Bear Zaitu; clic para aumentar
Euskadi'k Bear Zaitu. Cartaz de Eusko Gaztedi Resistencia Vasca de Euzkadi Iratia 1972. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
Pecharon o Euskaldunon Egunkaria e aínda hoxe, cinco anos despois, non saben como xustificar o peche. Neste Estado de “benestar”, “democrático” e de “dereito”, eludiron por razóns obvias a palabra xusto, se cadra, pola relación directa coa palabra Xustiza que brilla pola súa ausencia nun Estado que inventa delitos, ou que culpa e condena, moitas veces sen xuízo, a todos os que pensan distinto.

O mesmo día que se cumprían os cinco anos do peche do Egunkaria, dous delincuentes (“quinquis” na fala popular) de gravata cara, perfume caro, e vida suntuosa e untuosa, Alberto Cortina e Alberto Alcocer, eran liberados por unha sentenza ditada polo Tribunal Constitucional que consideraba prescritos os delitos de estafa e falsidade polos que foran condenados a tres anos e catro meses de cadea.

Estes disparates xudiciais (que a verdade non son disparates porque non son erros senón probas patentes e potentes da relación do poder económico co político e a submisión da xustiza), nunha sociedade-suciedade-Estado cómplice do rico-ladrón e inimiga do disidente económico e político, non fan máis que dubidar de calquera condena contra aqueles que son condenados polas súas ideas baixo o amplo paraugas, á medida do tramposo que fai a lei, de pertenza ou colaboración con banda armada.

Abraiada a xente (os informados) mira como uns saen por un lado e outros entran polo outro. Mentres Zapatero e Rubalcaba puñan cara de circunstancias ante a tortura sufrida polos detidos do comando Elurra; Rajoy, Zaplana e Acebes calaban con respecto á inxustiza e iniquidade que supón que dous delincuentes confesos e sentenciados non pasen nin unha soa noite de cárcere.


Egunkaria

Egunkaria, Ardi Beltza, Egin son tres exemplos dunha cadea de falsidades e montaxes (mal feitas) dunha xustiza torta cómplice dun Estado que hai tempo que deixou de representar os cidadáns.

Estes tres casos mostran como se pode acusar baixo leis inxustas, sen probas, sen razóns, sen máis apoio que a mentira e o desexo de liquidar e borrar o distinto, o disidente.

Esa iniquidade, esa falta de razóns é a que ao final dará a razón e a forza a todos aqueles que tratan de combater exterminándolles os seus medios de expresión libre.

Os traballadores que quedaron sen traballo co peche inxustificado e baseado en “medidas cautelares” que duran xa cinco anos. Os traballadores que despois de cinco anos non se puideron defender, aínda despois de seren retirados os cargos polo único fiscal que fixo a acusación, son xa, sen xuízo, culpábeis e condenados sen xuízo.

Quen responderá por esas inxustizas? Quen contestará as acusacións dunha xustiza politizada e escrava do poder económico e do principal partido político español que se presenta ás eleccións con dúas siglas para disimular?

Alfonso López Tena, vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial, facíase a seguinte pregunta: “A isto chegou a Xustiza española, a 46º do mundo en imparcialidade e a 64º en independencia, por debaixo de Malawi ou Turquía. E aínda falan de Guantánamo”.

Unha das probas para ilegalizar o Partido Comunista das Terras Vascas, segundo a prensa española, foi unha transferencia de 477.000 mil euros que fixera a Batasuna no Estado francés. Por que non aclara a prensa española que Batasuna é un partido legal no Estado francés, que non ten problemas para defender as súas ideas e que legalmente non é ningún delito transferir dun partido legal a outro legal fondos? (sobre todo se sabe que é o inimigo o que vai quedar con ese patrimonio a partir dunha orde ilegal e inxusta).

Até cando a sociedade estará narco-sedada con hipotecas e telelixo?

Egunkaria é a punta dun iceberg nun mar de mentiras; algún día acordará o dragón e derreterá o iceberg. Nós estaremos para lle botar unha man.

 
 
  Xurxo Martínez Crespo.
(Máis artigos...)
  Xurxo Martínez Crespo
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 07/03/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta