Actualidade / ArtigoVolver


A Coruña, 6 de marzo de 2008

Elisa Lois, periodista fantasma
 

Xurxo Martínez Crespo-

xurxomartinez@cantv.net


  Edificio fronte ao busto a Castelao en Rianxo; clic para aumentar
Edificio fronte ao busto a Castelao en Rianxo. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
Edificio fronte ao busto a Castelao en Rianxo; clic para aumentar
Cabina telefónica en Porto. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
O mércores 5 de marzo aparecía publicado en El País de Madrid un artigo co título “Resistencia Galega, un grupo fantasma”. A maior resistencia galega que existe é a de ler as crónicas e escritos dos entendidos en “terrorismo” dos principais xornais españois. Non existe diferenza cando escriben en El País, El Mundo, La Voz de Galicia, La Razón, o nivel é baixo e os coñecementos do tema aínda peores.

Unha chea de insensateces adubian estas crónicas onde semellase que o profesor Bacterio e Mortadelo (Filemón sería un nivel máis alto) conceden entrevistas á prensa e analizan a situación dos grupos que eles chaman terroristas.

A primeira cita é un poema. “É un ente abstracto (Resistencia Galega) sen estrutura nen infraestrutura, que tenta recompoñer as correntes ideolóxicas afíns ao independentismo máis fundamentalista. E colocar bombas é unha saída para logralo”. Colocar bombas... para lograr o “recompoñemento” das correntes ideolóxicas ou a independencia?


Os “achados”

O achado en Portugal de 26 bombas de fabricación caseira, folletos, propaganda e manuais para a fabricación de bombas “puxo en alerta aos investigadores”. Para Elisa Lois Resistencia Galega intenta, infrutuosamente, ser “recoñecido como grupo activista-terrorista”.

Daquela as declaracións anteriores da Garda Civil, segundo as cales o que procuraba RG era o “recompoñemento das correntes ideolóxicas” ou a independencia pasa a un segundo ou terceiro plano. Resistencia Galega sofre a sindrome de Eróstrato, e a súa finalidade, última, é a de ser recoñecida como grupo terrorista.

Despois ven a aberta e sesuda identificación entre independentismo e terrorismo baixo o axioma de que todos os terroristas son independentistas, daquela todos os independentistas son terroristas.

Sen medo comeza a cuspir no papel siglas. Movemento de Liberación Nacional Galego (MLNG), “no que se integra a á máis extremista do independentismo”. Aquí outro axioma servido: todos os extremistas son independentistas, ergo, todos os independentistas son extremistas”.

Pónlle nome e propietario ao “brazo armado” do MLNG e ademais, como xa non existe o mencionado MLNG, coloca como herdeiros a Bases Democráticas Galegas e a Causa Galiza que verán unificadas as súas posturas e militancia na medida en que máis potas a presión exploten contra intereses urbanísticos.

Este último postulado é propio do profesor Bacterio despois de probar un dos seus inventos.

Elisa Lois asegura que “antigos membros do Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive, xa fichados e buscados pola xustiza, estarían detrás da colocación dos explosivos”. Maila falar en plural, “antigos membros”, só dá o nome de Toninho, libre baixo fianza e que se supón que dirixe as accións de RG clandestinamente en Portugal.

Unha das probas da “evidente conexión portuguesa” era que as potas utilizadas nas explosións estaban fabricadas en Portugal, e como Toninho non aparece, pois debe estar en Portugal comprándoas por dúcias. Garzón pechará en breve as fábricas de potas a presión de Portugal.

Se o “cerebro” da organización, le estas letras recoméndolle ir urxentemente a un bazar chinés e comprar todas as potas a presión fabricadas en China, Taiwan ou India. Sería un pasaporte para que a súa pista fose, “habilmente”, levada aos máis altos niveis da desaparición xeográfica e os artigos de Elisa Lois e outros xornalistas “especializados” aos máis altos niveis da fantasmagoría.

 
 
  Xurxo Martínez Crespo.
(Máis artigos...)
  Xurxo Martínez Crespo
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 06/03/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta