Actualidade / ArtigoVolver


Compostela, 22 de abril de 2008

Italia: o crepúsculo do comunismo parlamentario

 

Massimo Modonesi

Actualidade GalizaCIG

O balance político amosa o fracaso da estratexia combinada de partido de goberno e de movemento adoptada polos comunistas italianos. O ‘gobernismo’ comeu o ‘movementismo’ e o regreso á oposición careceu de credibilidade. A disolución do discurso e a simboloxía comunista marca un paso cara a unha modernización que ten sabor a moderación

  Billetes de 50 reais; clic para aumentar
 

As eleccións do 13 e 14 de abril marcan un acontecemento histórico na política italiana: a fin da presenza parlamentaria dos comunistas.

Desde a segunda posguerra, o PCI fora o principal partido de oposición e un alicerce, para ben e para mal, da democracia italiana, chegando a ter un terzo dos votos. A partir da súa disolución en 1991, a fouce e o martelo seguían aparecendo nos símbolos do seu sucesor, o Partido Democrático de Esquerda (PDI), e do Partido da Refundación Comunista (PRC), dous partidos que encabezaban a oposición ao primeiro e segundo goberno de Silvio Berlusconi en 1994 e 2001 e participaron na formación do primeiro e segundo goberno de Romano Prodi en 1996 e 2006.

A involución centrista do PDI culminou na desaparición de toda relación simbólica e política coa tradición comunista italiana e na formación do Partido Democrático inspirado no “progresismo” norteamericano e Walter Veltroni, candidato a primeiro ministro en 2008, pasou explicitamente da referencia a Berlinguer á de Kennedy.

O Partido da Refundación Comunista, pola súa banda, mantivo até 2006 a bandeira comunista e a consecuente postura política antisistémica e logrou non só sobrevivir senón ampliar a súa presenza política grazas a tres recursos fundamentais. En primeiro lugar, participou e apoiou os movementos sociais antineoliberais -e en particular os altermundistas- o cal lle permitiu remozar a militancia comunista, a diferenza dos principais partidos europeos, con excepción da Liga Comunista Revolucionaria en Francia. En segundo lugar, contou coa popularidade dun liderado intelixente que combinaba a crítica radical cunha gran capacidade comunicativa, o de Fausto Bertinotti. Para rematar, mantivo a súa independencia no seo dunha fronte anti-Berlusconi, é dicir, conservaba unha diversidade e unha especificidade político-ideolóxica sen marxinarse da loita política nacional.

Con todo, a partir de 2006, Refundación Comunista aceptou ser parte dunha alianza de goberno e non só dunha coalición electoral e viuse enguedellada na experiencia do segundo goberno Prodi. En menos de dous anos perdeu a credibilidade acumulada ao longo de máis de quince. Á súa esquerda, foi criticada por apoiar un exercicio de goberno que non cumpriu as súas promesas de reformas sociais e asumiu eventualmente posturas francamente conservadoras, en particular en relación cos temas do pacifismo. Todo iso mentres Bertinotti asumía a presidencia da Cámara de Deputados e dirixentes de Refundación ocupaban postos en Secretarías de goberno. Á súa dereita, foi cuestionada por non ser un factor inestábel da alianza de goberno ao tratar de presionar a Prodi e ao PD para que asumisen políticas que non correspondían ao seu perfil moderado. Máis aló da fráxil maioría parlamentaria, as dereitas e os medios de comunicación salientaron a “chantaxe” das esquerdas (xunto ao PRC, os verdes, a disidencia esquerdista do PD, agora chamada Esquerda Democrática, e outra agrupación menor de denominación comunista, o Partido dos Comunistas Italianos). Esquerdas que non puideron cambiar a orientación “natural” do goberno e foron acusadas da súa caída e de abrir as portas do regreso de Berlusconi e as dereitas.

En coincidencia coa fin do goberno de Prodi a inicios de 2008, o PD decidiu rachar coa alianza con Refundación Comunista (e viceversa) e esta convocou os seus aliados menores a formar unha coalición electoral chamada ‘Sinistra Arcobaleno’ (Esquerda Arco da vella) coa promesa de transformala nun novo suxeito político, un partido á esquerda do centro ocupado polo PD.

Os resultados electorais amosan, ademais da esperada vitoria das dereitas, a concentración dos votos cara ás opcións de goberno encarnadas por Berlusconi e Veltroni e unha distribución das preferencias cara aos partidos menores que favorece á dereita extrema de corte fascista (La Destra) e unha disidencia católica conservadora (UDC).

Fráguase así un desastre da presenza electoral e, polo tanto, parlamentaria dos comunistas en Italia, os cales non alcanzan a ter senadores e deputados ao non obteren o mínimo requirido do 8% e 4% respectivamente.

Os resultados dan un 3% que resulta o mínimo histórico baixo o cal nin sequera nos peores tempos da lenta refundación se caeu. Un 3% obtido por unha formación agora declaradamente poscomunista. As tres agrupacións trotskistas que se presentaron -feito inédito en Italia- obtiveron sumando os seus votos ao redor do 1%, canalizando o descontento esquerdista cara á política institucionalista de Refundación Comunista.

Por outra banda, o comunismo esváese non só cuantitativamente senón cualitativamente. No seo da Esquerda Arco da vella, aínda que a forza de Refundación e dos Comunistas Italianos é determinante, decidiuse facer desaparecer a fouce e o martelo do símbolo e Bertinotti declarou que o comunismo ía ser unha “corrente cultural” no interior dunha organización plural suscitando as respostas polémicas dalgunhas correntes do seu partido.

O balance político amosa o fracaso da estratexia combinada de partido de goberno e de movemento adoptada polos comunistas italianos. O ‘gobernismo’ comeu o ‘movementismo’ e o regreso á oposición careceu de credibilidade. A disolución do discurso e a simboloxía comunista marca un paso cara a unha modernización que ten sabor a moderación. Con todo, os resultados electorais probabelmente non fosen mellores sen a creación da Esquerda Arco da vella.

Máis ben, o que resulta deles é a conclusión dunha estratexia política. Non deixa de sorprender como nun país con fortes tradicións esquerdistas, con sólidos recursos culturais, no cal existen movementos e mobilizacións, onde o neoliberalismo fixo estragos que os gobernos de centro-esquerda non puideron e/ou non souberon reverter, non haxa unha reacción electoral cara á esquerda. Os comunistas pagan o erro de acubillar a un goberno moderado e conservador e, con iso, enterran toda unha estratexia político-institucional.

Con estas eleccións péchase un ciclo do comunismo italiano. No entanto, vistos as desigualdades e os conflitos que atravesan o país, os camiños dunha esquerda radical de orientación comunista non desaparecen senón que, inevitabelmente, teñen que se forxar á marxe das institucións, rompendo coa subalternidade, recuperando, no terreo do antagonismo, a forza da crítica e a potencialidade da protesta, o conflito social, a mobilización e a politización dos sectores populares, incluíndo os inmigrados, para volver expor un desafío antisistémico e ocupar o lugar socio-político fundamental que o comunismo italiano foi perdendo nos seus percorridos institucionalistas. Un 3% de votos, pouco máis dun millón, significa unha presenza electoral testemuñal e un nula representación parlamentaria, pero podería ser unha base de centos de millares de militantes e simpatizantes que vertebren os movementos en contra do neoliberalismo italiano, na súa versión dura ou branda, empezando pola que promoverá o terceiro goberno de Silvio Berlusconi.

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’ (www.rebelion.org/noticia.php?id=66062), do 15 de abril de 2008]

 

 



 
 
As opinións vertidas nos artigos de opinión, enviados polos nosos colaboradores ou tiradas doutros medios, non teñen porque ser necesariamente compartidas pola CIG.
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/03/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apóntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta