Actualidade / ArtigoVolver


Compostela, 14 de abril de 2008

O Estado ao servizo dos bancos ou do interese xeral?
 

Eric Toussaint e Damien Millet

Actualidade GalizaCIG

Se o tren neoliberal prosegue a súa carreira demencial, o ‘crash’ está garantido. Os que o embalaron nesta vía queren velo aínda máis acelerado. A proba máis recente: logo das últimas eleccións en Francia, Nicolas Sarkozy declarou que quería acelerar as reformas, mentres que os electores expresaron con claridade o seu rexeitamento ás opcións actuais

  Billetes de 50 reais; clic para aumentar
 

Durante estes últimos anos, o discurso dominante proclamaba que todo ía moi ben na fronte da débeda. Mercé aos novos produtos financeiros, tales como a titularización das créditos, o risco espallouse entre unha multitude de actores. Ningunha crise á vista, os beneficios eran marabillosos e o crecemento sostido.

Agora a súa construción dá en esfarelarse. Como podería ser doutro xeito cando algúns grandes bancos efectuaban enormes operacións fóra de balance, construíndo un castelo de naipes cuns créditos dubidosos e contribuíndo á creación dunha burbulla especulativa no sector inmobiliario, que finalmente estourou? O sistema, lonxe de espallar o risco, fixo todo o contrario, e os grandes bancos acumularon as fraxilidades. Cada un destes esforzouse entón en pasar a pataca quente ao seu veciño, que xa estaba enredado coa súa.

No canto de recoñeceren os seus erros e de asumiren todas as consecuencias, os grandes bancos chamaron entón na súa axuda ao Estado, a acción do cal, por outra banda, non cesan de denigrar: non vacilaron en reclamar ao Estado, ao que, en xeral, consideran demasiado intervencionista, que tomase medidas públicas enérxicas. En efecto, os ‘lobbies’ da gran banca privada repiten que o poder público debe dobregarse ás leis do mercado, que son as únicas que poden xestionar con eficacia os recursos e fixar os prezos ao seu xusto valor.

Como simples subordinados, os poderes públicos de Estados Unidos e de Europa puxéronse mans á obra de boa gana: non se pode negar nada aos directivos dos grandes bancos que sosteñen aos principais candidatos na elección presidencial, e que se moven nos mesmos círculos pechados. Así, os gobernantes apresuráronse a saír en rescate do sector privado. No menú: nacionalización dos bancos en dificultades, cambio de títulos devaluados por diñeiro fresco (200.000 millóns de dólares en Estados Unidos), inxección de liquidez, plans de salvamento, redución da taxa de xuros...

En Gran Bretaña, país punteiro da mundialización neoliberal, a crise fixo que caese o banco Northern Rock en setembro de 2007, que finalmente foi nacionalizado en febreiro de 2008. Ao que a empresa sexa reflotada á conta da colectividade, será devolta ao sector privado. Do mesmo xeito, en Estados Unidos, cando o Bear Sterns, quinto banco de negocios do país, se viu en dificultades de pagamento, o 13 de marzo deste ano, as autoridades monetarias organizaron unha montaxe financeira, co concurso do banco JP Morgan Chase, o cal comprou a continuación o Bear Sterns a prezo de saldo.

Esta crise demostra con claridade que someter a xestión da economía mundial á lóxica do máximo beneficio representa un custo enorme para a sociedade. Os bancos xogaron co aforro e os depósitos líquidos de centenares de millóns de persoas. Os seus erros conducen a perdas enormes e a dramas humanos, como foi o caso da quebra da multinacional Enron en 2001. Uns 25.000 asalariados de Enron víronse cun retiro irrisorio porque os fondos de pensións da empresa foran descapitalizados polos directivos, que venderon discretamente as súas accións por máis de mil millóns de dólares.

Entre o Norte e o Sur, as semellanzas son evidentes. No Sur, a crise da débeda, producida a principios dos anos 80, foi provocada polo aumento unilateral dos tipos de xuros por Estados Unidos, o que produciu unha explosión dos desembolsos esixidos aos países do Terceiro Mundo aos que os bancos incitaran a tomar empréstitos a tipo de xuro variábel. Ao mesmo tempo, o afundimento dos prezos das materias primas impedíalles afrontar os pagamentos, sumíndoos brutalmente na crise.

O Fondo Monetario Internacional (FMI), teledirixido por Estados Unidos e outras potencias, impuxo entón aos países en desenvolvemento endebedados uns drásticos programas de axuste estrutural. No menú, como nos países do Norte, recorte dos orzamentos sociais, liberalización total e inmediata da economía, abandono do control dos movementos de capitais, apertura completa dos mercados, privatizacións masivas.

Pero, a diferenza do que ocorre actualmente no Norte, aos Estados do Sur impedíuselles a redución dos tipos de xuros e a achega de liquidez aos bancos, o cal provocou unha enxurrada de bancarrotas e fortes recesións. Finalmente, como agora, o Estado tivo que reflotar os bancos en dificultades antes de privatizalos, a miúdo en beneficio das grandes sociedades bancarias estadounidenses ou europeas.

En México, o custo do salvamento dos bancos na segunda metade dos anos 90 representou o 15 % do produto interior bruto (PIB). En Ecuador, unha operación similar realizada no 2000 custou o 25 % do PIB. En todos os casos, a débeda pública interna tivo un forte crecemento, pois o custo do salvamento dos bancos foi soportado polo Estado.

A desregulamentación económica das últimas décadas terminou nun fracaso. A única saída válida é un investimento total das prioridades: regulamentacións moi estritas para as empresas privadas; investimento público masivo nos sectores que permitan garantir o goce dos dereitos humanos fundamentais e protexer o ambiente, a recuperación polos poderes públicos das pancas de decisión para favorecer sen excepcións o interese xeral.

Se o tren neoliberal prosegue a súa carreira demencial, o ‘crash’ está garantido. Os que o embalaron nesta vía queren velo aínda máis acelerado. A proba máis recente: logo das últimas eleccións en Francia, Nicolas Sarkozy declarou que quería acelerar as reformas, mentres que os electores expresaron con claridade o seu rexeitamento ás opcións actuais.

Ninguén dubida de que unha viraxe económica importante no nivel internacional non poderá suceder sen unha forte mobilización popular. Corenta anos logo de maio do 68, esta é cada vez máis urxente, para lograr por fin cuestionar o capitalismo.


[Artigo tirado do sitio web da ‘Red Voltaire’ (http://www.voltairenet.org/article156387.html), do 8 de abril de 2008]


 
 
As opinións vertidas nos artigos de opinión, enviados polos nosos colaboradores ou tiradas doutros medios, non teñen porque ser necesariamente compartidas pola CIG.
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/03/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apóntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta