|
Actualidade CIG-Comunicación-
Este informe, que foi enviado ao Consello de Europa, recolle tamén algunha das reivindicacións centrais da manifestación nacional que, baixo o lema “Polo dereito a vivirmos en galego”, percorrerá as rúas de Santiago de Compostela o vindeiro 18 de maio, e que, segundo manifestou o presidente da Mesa, “se espera que sexa histórica”. Carlos Callón recordou que no ano 2005 o Comité de Expertos do Consello de Europa encargado de avaliar o cumprimento da CELRM aseguraba que o Estado español estaba aínda moi lonxe de cumprir os obxectivos con respecto ao galego, e asegurou que “a maioría das recomendacións elaboradas por este Comité aínda non foron levadas á práctica, agás con algunhas liñas, como coa creación das galescolas ou coa aprobación do novo decreto para o ensino non universitario, que marca un mínimo dun cincuenta por cento da docencia en galego e que progresivamente debe achegarse ao cumprimento da Carta”. En canto á educación superior, Callón recordou que o Estado español asumiu neste epígrafe a parte máis baixa de aplicación da Carta, consistente simplemente en “fomentar e/ou permitir o ensino universitario ou outras formas de educación superior nas linguas rexionais ou minoritarias ou facilitar o estudo desas linguas como materias no ensino universitario ou superior”. O presidente da Mesa asegurou que “a realidade é que moitos alumnos poden empezar e rematar a carreira sen escoitar unha palabra de galego”. Segundo os datos elaborados polas propias universidades, na da Coruña tan só se imparten un dez por cento das aulas na nosa lingua, unha porcentaxe que sube até o 16 por cento na Universidade de Vigo e que na USC alcanza o 20 por cento. “O feito de que o profesorado non teña que cumprir co requisito de coñecer o galego non está permitindo o dereito do alumnado de se expresar na súa lingua”, lamentou Callón, e engadiu que “moitos teñen que renunciar ao idioma para non ter problemas coa avaliación”. No informe presentado esta mañá na Coruña, A Mesa reclama como medidas urxentes para o cumprimento da Carta Europea das Linguas que se estabeleza un “plan de formación lingüística para o profesorado” e que se garanta a “existencia de materiais pedagóxicos en galego para todas as etapas educativas, algunhas delas con especiais carencias, como educación infantil, o primeiro ciclo de primaria e os ciclos formativos”. Callón puntualizou que “a lei estabelece que na FP se debe acadar cando menos un cincuenta por cento do ensino en galego, tanto a nivel de docencia como de material didáctico, e a realidade é que apenas hai libros en galego”. Máis unha vez, o presidente da Mesa denunciou publicamente o “incumprimento masivo” do novo decreto do ensino, e foi máis aló: “Hai algúns centros nos que se están a impartir materias en castelán que se tiñan que impartir en galego xa desde os anos oitenta, como é o caso de Xeografía e Historia”.
|
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 14/03/2008 |
|||||||
|