|
Actualidade CIG-Comunicación- A continuación reproducimos a crónica dos feitos realizada desde a sección sindical, e que desde o 12 de marzo pasado xa se puña a traballar para denunciar como a seguridade está en risco nesta planta viguesa. Dia 12: sobre as 18 un traballador sufría un accidente por atrapamento dun útil na zona de Embutición. Día 13: a CIG, ante a gravidade deste novo accidente recaba información do Servizo de prevención, presentando, á súa vez, unha denuncia ante a Inspección de Traballo pedindo a súa intervención. Día 14: preséntase no lugar dos feitos o Xefe da Inspección de Traballo. Día 17: a CIG publica no taboleiro o seu primeiro informe dos feitos. Día 20: ante o empeoramento das lesións sufridas polo traballador, os facultativos vense na necesidade de amputarlle o pé. Segundo accidente grave Este é o segundo accidente grave en poucos meses, e desde a CIG de Citroën subliñan que “isto nos obriga a todas e todos a realizar unha seria reflexión e ir ao fondo das causas principais”. A CIG de Citroën pregúntase: “se hoxe as máquinas e ferramentas que manipulamos contan cos mecanismos máis avanzados en materia de seguridade, se hoxe contamos tamén coas EPIS, equipos de protección individual, que nos protexen de calquera posíbel dano, onde está o déficit?”. Para a CIG “non hai dúbida, a resposta está no incumprimento sobre as planificacións dos postos de traballo, onde o factor humano non está no centro das planificacións”. Tanto no accidente grave que aconteceu o pasado verán no M2, ao ser atropelado un traballador por un carro elevador, como este de embutición, teñen “o mesmo denominador que é un mal estado dos lugares de traballo, onde se incumpre a normativa en materia de prevención”. Lugares de traballo Sobre este deseño de postos de traballo a CIG denuncia que “estamos nun centro de traballo cun espazo físico limitado, onde aos traballadores e traballadoras se nos foi quitando espazo vital, tanto no propio posto como nos accesos”. Por exemplo critican que en montaxe, ao igual que noutras zonas, para favorecer os novos sistemas produtivos, como a loxística alternativa, hoxe os traballadores e traballadoras ademais de ver reducida a superficie dos seus postos de traballo, teñen que compartir corredores cos “carretillos”, que ademais multiplicaron a súa presenza. Deseño do posto Ademais, sobre a cuestión do deseño do posto, sendo o Servizo de Prevención quen ten que avaliar a posta en marcha de todos os postos de traballo, así como nas súas modificacións, en Citroën encóntranse con dous escenarios de accidentes e con evidentes irregularidades. Por exemplo, denuncian o emprazamento de postos de traballo en zonas de risco (desprazamento de útiles, tránsito de carros, etc). Se a estes dous factores básicos de risco, sumámoslle un terceiro, como é o maior ritmo nos comportamentos dos traballadores e traballadoras como consecuencia dos recortes de tempos nos repartos, nos de descanso, o recorte do tempo de fatiga, “elévanse inexorabelmente as posibilidades de favorecer estes acontecementos”. A CIG de Citroën conclúe que “a produtividade é importante, a calidade é necesaria pero a seguridade é imprescindíbel”. |
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 14/03/2008 |
||||
|