|
Actualidade
Santiago, 21 de abril de 2008
Secundarán tanto as concentracións dos días 23 e 28 como a folga do 29 de abril
O profesorado que participou nas 10 asembleas convocadas pola CIG-Ensino apoian as mobilizacións previstas
A CIG-Ensino valora como moi positiva a participación do profesorado nas asembleas celebradas o 17 de abril, non só polo importante número de asistentes, senón tamén polo apoio ás mobilizacións previstas para o día 23 e 28 de abril e á folga do día 29 de abril. A CIG-Ensino ten presentadas 71 emendas no Consello Escolar de Galiza que defenderá no Pleno do día 28 de abril.
CIG-Ensino reitera que é totalmente inaceptábel a actitude que está a amosar a Consellaría de Educación, rexeitando abrir calquera vía de negociación ou de diálogo e urxente a intervención da Conselleira ante a falta de receptividade e cerrazón mostrada pola Directora Xeral de Ordenación e Centros que, unicamente, se limitou, na Mesa Sectorial, a dicir que recollía as propostas e que as estudaría sen estar disposta a convocar máis Mesas Sectoriais para negociar o Decreto que fixa os currículos de Bacharelato en Galiza.
Coa proposta da Consellaría estase impedindo que o alumnado teña un Bacharelato compensado, de calidade e laico. Estamos ante un proxecto no que é imposíbel impartir o seu currículo en dous cursos e exclúe calquera perspectiva de galeguización dos contidos.
De todo isto deriva que se vaian levar a cabo as seguintes mobilizacións:
concentración diante da Consellaría de Educación, o 23 de abril, ás 12:00 horas;
concentración diante do Consello Escolar de Galiza, o día 28 de abril, ás 16:30;
folga para o día 29 de abril e manifestación ese mesmo día en Santiago, ás 11:30, con saída da Praza do Toral até a Consellaría de Educación.
Para a CIG-Ensino, a necesidade de abrir a vía de negociación e diálogo da que se falaba anteriormente, baséase na necesidade de que se teñan en conta as seguintes propostas:
- Acadar o maior consenso posíbel na futura ordenación e currículo de Bacharelato.
- Reclamar o incremento dunha hora na carga lectiva prevista das materias de Filosofía e Cidadanía (3 horas), Educación Física (2 horas) e Historia (4 horas) mantendo a distribución horaria que ten na actualidade; do contrario privaríase ao alumnado dunha formación axeitada, impediríase o desenvolvemento do currículo, non se podería abordar o ensino desde unha perspectiva galega e comportaría graves prexuízos para a calidade do ensino e para as condicións laborais do profesorado.
- Exíxese un ensino laico, polo tanto que a materia de relixión non forme parte do currículo. En todo caso, requirimos que estea fóra do horario lectivo ordinario dos centros. (Deste xeito, todo o alumnado tería 32 horas lectivas en 1º e 2º, agás o que opte por recibir relixión que o vería incrementado en 2 horas, pero á marxe do horario ordinario do centro).
- Reclámase que todos os centros que dispensen ensinanzas de Bacharelato deben impartir, como mínimo, dúas modalidade e garantir que o alumnado poida cursar calquera materia propia da súa modalidade. Así mesmo, débese ampliar a oferta da modalidade de Artes a un número maior de centros.
- Todos os centros que impartan a modalidade de Bacharelato de Ciencias e Tecnoloxía terán que ofertar todas as materias propias da súa modalidade, incluídas Electrotecnia e Tecnoloxía Industrial I e II.
- Todos os centros ofertarán como optativa Música, tanto en primeiro curso como en segundo, podendo ser cursada nos dous cursos polo alumno/a. Así mesmo, deben incluírse como optativas de oferta obrigatoria nos centros as materias de Historia e Xeografía de Galiza, Literaturas Hispánicas, Literatura galega do século XX, Filosofía da Ciencia e Tecnoloxía, Historia da Música e unha materia optativa vinculada á Educación Física.
- Reclámase a dotación suficiente de profesorado en todos os centros para que o alumnado que non ten que repetir curso completo, non comporte incrementar o número de alumnado por aula que, para nós, non debe exceder de 25 alumnos/as.
|