|
Actualidade CIG-Comunicación-
Pasadas as dez da mañá comezaba a asemblea comarcal de delegados e delegadas da CIG de Vigo, que tivo lugar no Salón de Actos do Concello de Vigo. Nesta asemblea participaron máis de seiscentas persoas, polo que quedou pequeno este espazo. Xerardo Abraldes, secretario comarcal da CIG de Vigo, interveu nesta asemblea para dar a coñecer a concentración que terá lugar o 23 de abril ás 20 da tarde diante da Cope, que apoia a CIG e convocada polo Movemento polos Dereitos Civís, para manifestar o “noso rexeitamento á política de agresión contra o galego practicada polo grupo mediático da Conferencia Episcopal”. Ademais, Abraldes introduciu cuestións organizativas da mobilización do 1 de maio, sobre reparto e difusión do materia da campaña deste 1 de maio, e anunciou que este ano a mobilización da CIG sairá da Doblada ás 12 da mañá, e rematará na Porta do Sol. Intervención do secretario xeral Suso Seixo, secretario xeral da CIG, desprazouse até Vigo para participar desta asemblea na que explicou o contido da campaña deste 1 de maio, que leva como lema “Por un modelo socioeconómico xusto e sustentábel”. Para Seixo “nesta campaña tentamos ir á raíz do problema, que para nós está no modelo socioeconómico neoliberal no que temos que vivir a clase traballadora”. O secretario xeral explicou pormenorizadamente as características deste modelo como “a sacralización da lei do mercado, a privatización das empresas e servizos públicos, un sistema de política fiscal regresivo, acompañado da redución de salarios e unha política de moderación salarial, coa colaboración das centrais sindicais estatais, que asinan co goberno e coa patronal pactos nese sentido”. Seixo destacou tamén outras das consecuencias do neoliberalismo como “a precarización das condicións de traballo, coas que se favorece o dumping social; prímase a liberdade de circulación do capital e hai unha especulación brutal dos bens”. Fronte a isto, Suso Seixo presentou as propostas que a CIG ten para facer fronte a crise financeira, e subliñou a importancia de “termos este debate e tomar conciencia de que este sistema non é o noso modelo social, e promover modelos alternativos”. Asi, Seixo destacaba como ferramentas a utilizar que se realizara un control dos paraísos fiscais, vencellar o sistema financeiro co sistema produtivo, taxar os movementos do capital, reducir o IVE nos produtos básicos, mudar a política fiscal para que pague quen máis gaña, apoio á vivenda social, mellora dos servizos públicos e maior protección social, apoio decidido aos sectores produtivos do país, sen esquecer a protección do medioambiente. Por último, Suso Seixo, engadiu que “todas estas reivindicacións teñen que ir máis alá, xa que o noso país precisa ter todas as competencias a nivel político, porque demandamos termos soberanía como país para decidir sobre o que nos afecta”. Servizo de atención técnica de Igualdade Tamén se deron a coñecer nesta asemblea outros temas de interese, como a consolidación do servizo de atención técnica de Igualdade para a aplicación, desenvolvemento e tramitación dos dereitos de igualdade na CIG de Vigo. Neste sentido, para dar a coñecer este servizo, participou na asemblea a técnica de igualdade da comarca, Ester Mariño, que tamén realiza un traballo de información, asesoramento e atención, en materia de igualdade no ámbito laboral, aos afiliados e afiliadas, así como aos comités de empresa que así o solicitan, como outros temas de conciliación da vida laboral e familiar, e axudas á dependencia. Ademais, Ester Mariño anunciou unha campaña de denuncia e información para a prevención dos riscos de embarazo e a lactancia nas empresas.
|
|||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 14/03/2008 |
|||||||||
|