ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 22 de abril de 2008

Por fin, xustiza
A CIG de Ourense avalia a sentenza condenatoria contra Benigno Moure

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


 
 
A central sindical CIG, con motivo de facerse público o fallo da sentenza no proceso seguido contra Benigno Moure, presidente do Padroado da Fundación San Rosendo, fixo públicas a súa avaliación da sentenza que recollemos a continuación.

A través dun comunicado de prensa a comarca da CIG de Ourense achéganos a súa avaliación da sentenza condenatoria a Benigno Moure, que expón nestas liñas:

“1.- Hai perto de dez anos que o noso sindicato, ante as testemuñas das que tivo coñecemento, denunciou distintas prácticas que se viñan seguindo nesta entidade, tanto no que respecta ás persoas usuarias: malos tratos, insuficiencia sanitaria, falta de persoal, atención deficiente, etc., como o que tiña a ver coas persoas que na mesma traballaban: falta de liberdade sindical, malas condición laborais, etc. e incluso co negocio que escondía a actividade da Fundación.

2.- Como consecuencia de dita denuncia, esta central e, nomeadamente, algunhas das persoas que a representan, foron vítimas dunha dura campaña de menoscabo da súa honra e incluso de certas prácticas represivas por parte da administración da xunta –en mans do PP naquela altura- e da administración de xustiza que, ante as denuncias realizadas, actuou con desleixo contra o hoxe condenado, en contraste coa dilixencia coa que se empregou contra a CIG e os seus dirixentes.

É preciso lembrar que no seu momento Etelvino Blanco Rodríguez, secretario comarcal da CIG, foi condenado polo xulgado, á pena de 7 meses de prisión menor e 150.000 pesetas de multa (950€), á suspensión do dereito de elixir ou ser electo para cargos públicos e ao pagamento das costas do proceso e a unha indemnización para o hoxe condenado de 1.000.000.-pts. (6.000€) por, entre outras aseveracións de teor similar, dicir que estaba disposto a descubrir “todo o negocio sucio que esconde” ou que a CIG investigará as posíbeis irregularidades existentes para “descubrir o negocio sucio que se esconde tras unha asociación que se aproveita dos desvalidos para o seu lucro particular”, tal como recollen os feitos probados da sentenza.

3.- A sentenza condenatoria de D. Bengino Moure demostra que as denuncias da CIG tiñan fundamento e que o feito de non seren atendidas no seu día, foi un grave erro e unha inxustiza.

4.- Celebramos que por fin se comece a facer xustiza, tanto con quen delinquiu como con quen non fixo máis que cumprir o seu deber cívico a pesar das duras presións que tivo que soportar.

5.- A CIG entende que esta sentenza debe servir como reflexión para toda a cidadanía do que significa negociar co benestar dos nosos maiores, así como da necesidade de pular polos servizos públicos de calidade en detrimento das asistencia privada e concertada.

6.- Agardamos que a autoridade en materia de asistencia social tome boa nota da sentenza e realice as auditorías asistenciais necesarias, tanto nesta como no resto de fundacións da provincia e do país, para garantir unha correcta atención ás persoas maiores e discapacitadas, así como á realización de auditorías económicas que garantan o bo fin do diñeiro público do que se nutren este tipo de institucións.

7.- Instamos á autoridade laboral e inspectora a que fiscalicen as condicións de traballo que se dan neste tipo de organizacións privadas.

8.- Instamos a administración da Xunta, nomeadamente á Vicepresidencia, a que abandone este nefasto modelo de xestión privada e concertada e  camiñe cara un modelo público, construíndo residencias públicas e non renovando os concertos que vaian vencendo, fiscalizándoos eficientemente mentres non se extingan”.

 

 
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/03/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta