|
Actualidade CIG-Comunicación-
A Lei de Prevención estabelece que nas enfermidades profesionais diagnosticadas, para protexer a saúde do traballador, é obrigatorio o cambio de posto de traballo. Porén, malia estar detectados casos de silicose desde o ano 2005 e de existir un Plan de Actuación nesta materia desde 2007, non se ten adoptado, desde a Xunta de Galiza, medida algunha. Entre mentres, a enfermidade segue avanzando e Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva e Saúde Laboral, sinala que a Xunta de Galiza ten unha clara responsabilidade política por manter unha actitude “neglixente” ao non ter actuado para atallar un problema de semellante gravidade. Alcántara apunta fundamentalmente á consellaría de Sanidade, pero fai extensiva esta responsabilidade tamén á consellaría de Traballo e á propia Inspección de Traballo. O secretario confederal de Negociación Colectiva e Saúde Laboral lembra que no ano 2006 a Confederación Intersindical Galega, que xa levaba tempo alertando sobre a situación, presentou unha demanda pola posíbel responsabilidade penal das mutuas. Estas entidades teñen, por lei, a obriga de facer recoñecementos específicos sobre riscos para a saúde relacionados co posto de traballo. Porén, curiosamente, nos recoñecementos médicos realizados “non detectaron nin un só caso o que demostra que non estaban facendo este tipo de recoñecementos”. Nesa ocasión, a demanda foi desestimada polo fiscal ao non existiren denuncias preliminares por falta de medidas de prevención. Antolín Alcántara explica que o problema é que a Inspección de Traballo non ten competencias para facer controis nas canteiras, ao ser unha actividade de minería e, polo tanto, competencia da Inspección de Minas. Porén, até o de agora tampouco había inspectores de Minas en Galiza por mor da escasa dotación de persoal da consellaría de Industria. Unha situación derivada do anterior goberno e que aínda agora se está intentando subsanar creando as prazas necesarias desde a actual consellaría de Industria. En todo caso, o secretario confederal de Negociación Colectiva e Saúde Laboral afirma que malia desestimarse a demanda, a CIG segue a considerar que por parte das Mútuas hai responsabilidade penal. Responsabilidade que tamén fai extensíbel á Xunta de Galiza, máis cando xa transcorreu case un ano desde que se aprobou o famoso Plan de Actuación. Este Plan asinábase tras dun prolongado proceso de debate do grupo de Traballo do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, polas consellarías de Sanidade, Traballo e Industria, xunto coas centrais sindicais CIG, UGT e CCOO e máis as patronais da pedra. Como prioridade estabelecíase o seguimento e control da saúde dos traballadores e traballadoras do sector da pedra natural de Galiza. O acordo adoptábase tras coñecer os resultados dos estudios realizados polo Instituto da Silicose de Oviedo, dos que se tiraba que nas canteiras galegas, no ano 2005 había un 17% de traballadores afectados, en algún grao, de silicose, e en 2006 o 13%. Para un coñecemento máis en profundidade desta realidade acordábase, ademais, que o Instituto da Silicose de Oviedo elaborase un estudio enfocado, desta volta, aos traballadores do sector da lousa da zona de Valdeorras. Outra vez os resultados confirmaban a existencia dun 6,3% de traballadores que presentan a enfermidade, nestas explotacións. O estudio, realizado sobre 398 traballadores, amosa que un 6,3% deles presentaba a enfermidade. En concreto, que 25 deles estaban enfermos de silicose, 21 deles na fase inicial e outros catro nunha fase avanzada. Pero se nestes a enfermidade tiña unha clarísima confirmación, os datos sinalan que outros 89 amosan indicios deste mal con presencia de “opacidades pulmonares” pequenas e medianas. O Plan de Actuación As propostas de actuación relativas á situación dos traballadores das canteiras de Galicia afectados por silicose –pendente de se pór en marcha- inclúe un plan de inspeccións, coa intención de programar e coordinar a actuación da Dirección Xeral de Industria Enerxía e Minas e dos Servizos Provinciais de Minas (Servizos de Policía Mineira, cando estea creado) para velar polo cumprimento da legalidade e prever e combater as infraccións en materia de seguridade e saúde no traballo. De xeito especial incidiríase na documentación obrigatoria que ten que ter a empresa en materia de prevención; revisión e control dos resultados das medicións de po e ruído; centros de traballo e pistas interiores; frontes de explotación; equipamento en xeral e maquinaria móbil, como equipos de loita contra o po, utilización de auga en pistas, bancos... e hermeticidade de cabinas, ademais dun incremento do cadro de persoal de inspección da autoridade mineira. Neste apartado a responsabilidade recaería na Consellaría de Industria. Pola súa banda a Consellaría de Traballo sería responsábel de instar ao goberno central para que se levasen a cabo actuacións administrativas ou normativas como: revisar os actuais coeficientes redutores de xeito que se equiparen os coeficientes asignados ás categorías da minaría exterior –ceo aberto- aos das categorías da minaría interior; a racionalización dos códigos de cotización para os efectos de que nos informes da vida laboral se identifique automaticamente a actividade mineira, de xeito que o traballador acredite unicamente o posto de traballo desempeñado e non a actividade da empresa á hora de efectuar o cálculo da idade de xubilación e a solicitude de novas medidas referidas a outros subsectores de actividades relacionados, sempre que concorran análogas circunstancias de penosidade, toxicidade, perigosidade ou insalubridade. Segundo este Plan., ambas consellarías (Industria e Traballo) terían que ter desenvolvido un plan de emprego alternativo creando unha bolsa de emprego específica para aqueles afectados polo grao 1 e 2 de silicose para que se puideran incorporar a outras actividades exentas de risco. Tamén estaba prevista a creación dunha comisión de seguimento no seo do Consello galego de Seguridade e Saúde Laboral; extremar a vixilancia na adopción de medidas de protección persoal e protección técnica; o estabelecemento de medidas de reparación aos traballadores afectados. Pois ben, tal e como denunciaron Antolín Alcántara e o secretario nacional de prevención da federación de Construción, Alberte Fernández Campos, nada disto se ten feito. Demanda de solucións e da aplicación de medidas inmediatas Por iso a CIG segue a demandar das autoridades competentes “solucións eficaces para as persoas afectadas e medidas que impidan que ningún traballador/a poida desenvoñver a enfermidade”. Entre outras, exixe:
|
||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 14/03/2008 |
||||||
|