Actualidade / ArtigoVolver


A Coruña, 11 de abril de 2008

Entrevista a Javier Díez Canseco
 

Xurxo Martínez Crespo

Actualidade GalizaCIG

Javier Díez Canseco é un histórico da esquerda peruana. Opositor á ditadura militar sufriu exilio en América e Europa e voltou ao Perú en 1978. Elixido deputado e senador en todas as lexislaturas desde a volta á democracia no Perú (1980) tamén foi candidato á presidencia do país nas eleccións de 2006.

Foi un dos retidos durante o secuestro á embaixada xaponesa polo Movimiento Revolucionario Tupac Amaru e avogou polo diálogo co grupo guerrilleiro unha vez liberado. Para as eleccións de 2006 funda o Partido Socialista con base no Partido Unificado Mariateguista co que obtivo unha moi baixa porcentaxe de votos. Dedicouse desde as últimas eleccións a reforzar o partido para as eleccións municipais, e organizar unha campaña contra o Tratado de Libre Comercio

 
Javier Díez Canseco.
Abimael Guzmán, camarada Gonzalo, lider de Sendero Luminoso.
Velasco Alvarado dá un discurso diante dun mural de Tupac Amaru
Alan García na última campaña eleitoral.
Billetes de 50 reais; clic para aumentar
Av. Arequipa en Lima.
Foto de 1928 do pensador marxista José Carlos Mariategui. Se cadra o máis importante pensador marxista de Latinoamérica.
Fujimori dirixindo o aslto á embaixada xaponesa en Lima. Todos os guerrilleiros foron masacrados malia rendirse moitos deles.
Policia antidisturbios peruana
 

Xurxo Martínez Crespo: De onde ven o Perú?

Javier Díez Canseco: O Perú é un país que encarou fraturas históricas de enorme significación. O Perú foi o centro do imperio incaico. Unha das seis civilizacións milenarias do mundo. Cun desenvolvemento do manexo das augas e a agricultura que lle permitiu naquel entonces soster e abstecer unha poboación de gran significación e con cidades máis grandes que Babilonia na época de Babilonia.

Hoxe estanse a descobrir centros urbanos de alta densidade poboacional coma Karal, por exemplo, que evidencian un desenvolvemento moi importante, interrompido e fraturado coa denominada conquista descobremento e o estabelecemento dun réxime colonial que mudou o eixo do desenvolvemento do país, dunha sociedade cun alto desenvolvemento en materia agrícola, de manexo de augas e tecnoloxía neste terreo, cun manexo do ecosistema extraordinariamente desenvolvido cara a unha sociedade na que se impuso un patrón de extración de recursos naturais, fundamentalmente mineiros, que diezmou à poboaciòn na explotaciòn desas minas de ouro, prata, mercurio e outros e abndonou a columna vertebral dese desenvolvemento que era o desenvolvemento agrícola e a evolución dunha sociedade que non só manexaba augas e terras senón que domesticara algunhas das plantas máis importantes coma a “papa” (pataca) que salvou a Europa de moitos andazos de fame que encarou en determinados momentos históricos, e así o recoñece a Organización de Nacións Unidas ao bautizar este ano coma o ano dedicado á memoria da “papa”.

Coido que esta fractura, esta ruptura e proceso de dominación dos pobos orixinarios e de presión e cambio do eixo do seu desenvolvemento é unha fractura até hoxe non resolta.

Xurxo Martínez Crespo: Pero esa fractura non é exclusiva do Perú senón de todos aqueles pobos orixinarios que conformaron unha cultura e un Estado en moitos aspectos máis desenvoltos que os europeos.

Javier Díez Canseco: Correcto. En toda Latinoamérica , en boa parte, nos lugares nos que existiu unha cultura de raigame e identidade e desenvolvemento significativo, xerou, e particularmente no caso do Perú, e coido que en outros varios casos sociedades profundamente escindidas e percorridas por fortes elementos de racismo e unha estratificación no só clasista senón étnica, cultural brutalmente profunda, e xerou, sen dúbida, Estados que inda que vivan un proceso de independencia, esta independencia en termos prácticos sustituiu a dominación colonial branca española pola dominación branca peruana.

Ese proceso mantivo unha fortísima presión cara ao país. No Perú o voto dos analfabetos permítese terminando o último goberno militar de Morales Bermúdez, e dicir, a primeira vez que votan os analfabetos no Perú é en 1978, estamos falando de hai nada, sólo 30 anos. E o voto da muller estableceuse en 1956, hai 52 anos. Trátase dunha sociedade que encarou en diferentes momentos intensas loitas por parte de algúns sectores sociais para incorporarse a espazos de manexo do sistema de decisión, de intervención na definición do seu próprio destino.

Xurxo Martínez Crespo: Cales serían os principais períodos?

Javier Díez Canseco: Períodos que tiveron especial significación a comezos do seculo XX co xurdimento do APRA (Alianza Popular Revolucionaria Americana) e das forzas socialistas na decada do vinte e despois o outro gran proceso de intento de recuperación de identidade e proxecto nacional foi probabelmente o plantexamento de reformas que encabezou precisamente o xeneral Juan Velasco Alvarado en 1968, que prantexou unha recuperación do manexo das rendas económicas, da propriedade dos recursos naturais de prantexarse un proceso de industrialización, de prantexarse un proxecto de redistribución da terra para espazos de propriedade e presenza neste terreo do campesiñado, das poboacións oraganizadas en comunidades campesiñas e traballadores do campo e que constituiu, diría eu, na época republicana, o primeiro intento dunha reforma significativa na redistribución do ingreso e no patrón do desenvolvemento do país.

Xurxo Martínez Crespo: Que pasou con este intento?

Javier Díez Canseco: Este intento fracasou, entre outras, na miña opinión, por unha relación cos sectores sociais e populares que era de escaso protagonismo e forte manipulación do Goberno sobre eles e pola ausencia da artellación dunha forza política que desenvolvera representación e lle dera alento a este proxecto.

Velasco Alvarado desenvolveu a teoría do non-partido e opúxose sistematicamente as formas de organización partidaria pra prantexar o impulso a formas de organización social pero sometidas ao control do aparato do Estado á súa vez dirixido por unha cúpula militar de lóxica reformista a diferenza de todos os gobernos miliatres que existían nese momento en Latinoamérica, eran todos de dereita e conservadores, este foi un que se prantexou unha proposta de reformas con esa limitante.

O goberno de Velasco Alvarado en 1968 expresa na realidade a crise dun aparato de icorrupto e escasamente representativo da xente.

Ese sistema de partidos que entra en crise en 1968 e que permite o golpe de Estado de Velasco Alvarado con nivel de soporte e sustento social amplo e significativo é o mesmo sistema de partidos que no fundamental volve entrar en escea ao remate do goberno militar en 1980, no que volve a sair elixido Fernando Belaúnde Terry que é precisamente o presidente derrocado o 3 de outubro de 1968 por Velasco Alvarado.

Xurxo Martínez Crespo: Que pasa a partir de 1980?

Javier Díez Canseco: Volve a entrar en acción, ademais do presidente derrocado, o APRA a outra forza política significativa que tiña o país e que representaba unha opción socialdemócrata cada vez máis cara a dereita e cada vez menos reformista e aparecen en escea dous factores novos.
A presencia de movementos sociais que se desenvolveron desde finais da década dos sesenta; un movemento sindical crecente, un movemento campesiño máis organizado, un movemento de bairros e de organizacións sociais e movementos rexionais importantes e con eles a expresión política representada nese momento por Izquierda Unida.

Xurxo Martínez Crespo: Que era Izquierda Unida do Perú e cando aparece Sendero Luminoso?

Javier Díez Canseco: Izquierda Unida era un bloque de organizacións de esquerda desde as máis tradicionais de orixe pro soviético e pro chinés até auqelas que traían unha influencia do que viña ser o proceso cubano de fins da década do cincuenta e comezos da década dos sesenta e que procuraban no que naquelas datas chamaron unha “nova esquerda” e que se artellaban con este movemento social urbano e rural crecente no país e con expresións descentralizadoras que reclamaban, exixían, recoñecemnto das particularidades rexionais existentes no Perú. Isto dá lugar a Izquierda Unida que se converte na década dos oitenta na segunda forza política do Perú. Gaña a metade dos gobernos rexionais do Perú a meiados da dácada dos oitenta. Gaña 12 de 24 gobernos rexionais e ten a segunda representación política no Congreso, na Cámara de Deputados e no Senado, expresando esta proposta de cambio.

E por outra banda, curiosamente, xunto á caída do goberno militar e o restabelecemento dun proceso constitucional, democrático formal no país, en cuxo desenvolvemento Izquierda Unida terá un papel protagonista, comezou no Perú a actuación de Sendero Luminoso e o desenvolvemento do conflito interno que vai cobrar, segundo os cálculos da Comisión de la Verdad y la Reconciliación, xa no século XXI, terminado o conflito un total de 70.000 vítimas no conflito interno e isto ten unha enorme significación porque ese conflito armado, ise desenvolvemento no accionar de Sendero Luminoso que ten como un factor dominante na súa acción, na miña opinión, un carácter marcadamente terrorista, é dicir, dirixido a gañar autoridade política a través do temor que infundía na xente e na capacidade de exercicio de violencia sobre as autoridades locais, mais tamén sobre a poboación, abre una circunstancia segundo a cal no Perú vaise dando a constitución dun Estado dentro do Estado, dun réxime político dentro doutro réxime político, é dicir, coméza no Perú un proceso de militarización da vida política e social. Abrense no país, na década dos oitenta, os Comandos Políticos Militares, as zonas baixo “Estado de Emergencia” no que o mado político-militar é entregado ás autoridades da Forza Armada, onde as autoridades electas, e onde o poder xudicial e onde a Fiscalía e o Ministerio Público e onde os medios de comunicación do Perú van perdendo crecentemente presenza, forza e autoridade que vai sendo gañada polos actores do cenário da guerra; é dicer, polo aparello militar e polo desenvolvemento no accionar de Sendero Luminoso e posteriormente nalgunhas zonas do MRTA (Movimiento Revolucionario Tupac Amaru).

Neste proceso a dinámica da militarización termina impoñéndose e termina esgotando e desgastando o réxime constitucional, democrático-formal estabelecido a comezos dos oitenta. E ese proceso conduce a unha nova crise do sistema de representación política que se vai expresar no xurdimento do fenómeno dos chamados “outsiders” ou independentes.

Xurxo Martínez Crespo: Quen son os ”outsiders” e desde cando collen forza?

Javier Díez Canseco: Os “outsiders” da política collen forza a partires de finais da década dos oitenta cando o APRA leva ao Perú a un caleixón sen saída no primeiro goberno de Alan García. O Perú ten unha brutal superinflación , comparábel coas máis altas da historia mundial, competimos no record Guiness nese terreo. Temos un réxime político totalmente desgastado por corrupción e temos un conflito interno galopante cunha medra no actuar de Sendero Luminoso e con máis do 60% do territorio peruano baixo control dos comandos políticos militares e cun réxime político que non ten nada que ver coa democracia constitucional.

Nese panorama xurden estes “outsiders” estes “independentes” primeiro co alcalde de Lima, Ricardo Belmont, cuxo partido ten un nome moi gráfico, “Obras”.

Xurxo Martínez Crespo: Pero previamente gañara Alfonso Barrantes de Izquierda Unida.

Javier Díez Canseco: Si, pero a mediados dos oitenta. A finais dos oitenta Izquierda Unida é arrasada tamén polo desgaste xeral do sistema, leváa o “hayco” o aluvión de rexeitamento a un sistema inoperante. Así temos o fenómeno dos “independentes” que dá nacemento ao fenómeno de Fujimori.

O fenomeno Fujimori e o fenómeno dos “independentes”. Finalmente o que fai é lexitimar o réxime político-militar que viña incubando no Perú cos “estados de emergencia” e cos “Comandos Político-Militares”.

Xurxo Martínez Crespo: Como se explica a vitoria de Fujimori ante outro “independente” como Mario Vargas Llosa?

Javier Díez Canseco: Fujimori é un personaxe que gaña as elccións pola frustración nacional dos peruanos fronte os partidos e a institucionalidade . Mario Vargas Llosa era outro “outsider” “independente” pero respaldado por partidos.
A Mario Vargas Llosa apoiábao Acción Popular o Partido Popular Cristiano , as organizacións de dereita, daquela o triunfo de Fujimori aoq eu leva é a constitución dun goberno cívico-militar.

Fujimori pacta rápidamente cos militares, non tiña partido, non tiña dirección política non tiña programa , daquela converte ao sistema de información nacional (do Perú) na súa comisión política e á “Fuerza Armada del Perú” no seu Partido.

Entrégalle o manexo da política económica aos representantes do “Consenso de Washington” e do neoliberalismo e no Perú se aplicará unha das fórmulas neoliberais máis brutais de América Latina. E ademais sen anestesia, sen calmantes, sen compensacións sociais, aplícase un programa de axuste brutal que produce un salto na pobreza.

Xurxo Martínez Crespo: A cifras macroeconómicas de Fujimori non cadran co que dis.

Javier Díez Canseco: Pasamos dun 29 ou 30% de pobreza a superar o 50% da pobreza da poboación en condicións miserábeis, é dicir, gañando menos de 1,30 euros ao día e a ter entre 20 e 18% da poboación en condicións de pobreza extrema, é dicir, gañando menos de 0,60 euros ao día.

O réxime de Fujimori desenvolve unha política clientelar e unha política antipartido , manipula os sectores máis pobres que xerou a súa política económica por medio de programas sociais de asitenza e de control. Estabelece un réxime de desartellación da organización sindical, da organización campesiña da organización social. Inicia os chamados “programas sociais”, promove mecanismos formais de autoemprego que oculten os níveis de desmprego aberto existentes no Perú e exerce un fortísimo control sobre os medios de comunicación e xeraliza a corrupción no aparato do Estado para xerar unha alianza que lle dea estabilidade ao Goberno.

Corrompe á “Fuerza Armada” até o tuétano, coloca a representantes empresariais no manexo do Ministerio de Economía, aos seus operadores centrais, a Camet a Bologna, un fora presidente da CONFIEP e da Sociedad Nacional de Industrias e o outro era un tecnócrata ás ordes destes grandes grupos de poder económico e lidera, paralelamente, un acelerado proceso de extranxeirización da propedade e do manexo da economía do país, é dicir, o modelo neoliberal no país, non é soamente unha minimización do Estado e unha privatización das empresas públicas, algunhas das cales tiñan unha situación difícil como tales, senón que implica tamén un proceso de trasvase da propriedade de mans nacionais a mans estranxeiras. O petróleo, a minaría, a telefonía, a electricidade o refinamento de combustíbeis, as finanzas, os seguros, terminan en gran parte en mans estranxeiras cunha capa nacional empresarial que operan como intermediarios destes grandes grupos estranxeiros.

Este cadro conduce a un proceso que vai levar a un asunto vital hoxe no Perú que é non só a recuperación das rendas de manexo económico, non só a sensación de que o país é cotidianamente expropriado dos seus recursos por faragullas e que é un país que é dos principais produtores do mundo de ouro e prata. Un país con inmensos xacementos gasíferos e un nivel de autoabastecemento do petróleo significativo con extraordinarios reecursos pesqueiros e ten un ecosistema de extraordinaria diversidade cun potencial turístico extraordinario e unha gastronomía famosa no mundo e sen embargo os seus gobernos viven pasando o chapeu polo estranxeiro para solicitar cooperación (económica) para resolver problemas nacionais que poderían resolverse cos propios recursos que se xeran no país se estes tiveran outro control se a redistribución da riqueza tivera outras características e se o manexo dos nosos propios recursos servise para xerar cadeas produtivas estivera artellado co desenvolvemento de ciencia, tecnoloxía e ensino e estivese vencellado a ese plan de desenvolvemento nacional e a esa cadea produtiva a favor dos nosos recursos ao desenvolvemento de tecnoloxía e ciencia para esa explotación e a transformación dos noso recursos naturais facendo un ciclo de industrialización e xeración de servizos que se acapte ao desenvolvemento dun mercado interno que hai que potenciar.

Xurxo Martínez Crespo: Malia todas estas apreciacións Fujimori deixa a presidencencia cun indice de medra económica envidiábel.

Javier Díez Canseco: Cando Fujimori marcha, a economía estaba mal. Fujimori marcha no meio dunha situación crítica da economía pero tranferiu xa a propiedade de todos estes recursos. A medra económica de tempos de Fujimori basease na exportación de “comodities” (materias primas) que fan do Perú un país extraordinariamente dependente dos ciclos económicos internacionais. Somos exportadores de prata, ouro, cobre e dun conxunto de recursos naturais que dependen enormemente do que está acontecendo a nivel mundial, e cando nos Estados Unidos espirran , como está acontecendo agora coa crise hipotecaria etc, a Bolsa de Valores de Lima cae sen nengunha razón porque os nosos principais rubros non son os especulativos, non teñen nada que ver coa dinámica interna da nosa economía, e por suposto se ven unha retración da demanda destes insumos a economía xeral do país vese fortemente afectada e a recadación fiscal tamén, e o Perú non ten amparo nen no desenvolvemento de tecnoloxías próprias nen no desenvolvemento dos recursos dos que dispón para xerar produtos elaborados e con valor agregado. Somos un país exportador de materias primas con prezos extraordinariamente fráxiles.

Xurxo Martínez Crespo: Materias primas para Estados Unidos? Crecemento económico positivo e sostido. E a situación dos traballadores?

Javier Díez Canseco: Felizmente hoxe non todo depende de Estados Unidos, porque por un lado está o desenvolvemento da Unión Europea e a medra económica e motor económico de China e India que están amortecendo as condicións da crise actual. Pero o Perú encara tamén outro problema que é que esta fase de crecemento, o ano pasado medramos un 9%, o anterior un 7.5% e o anterior a ese un 6%, e tivemos un crecemento económico probábel nos derradeiros 7 anos dun 6 ou 7% de medra anual en promedio. É dicir, hai crecemento. Multiplicáronse os valores das exportacións . Medrou o PIB. As utilidades das empresas aumentaron entre 300 e 500% pero o emprego e salarios dos traballadores aumentaron en 3 ou 5% e as condicións de pobreza continúan a ser brutais no Perú. Mentres as utilidades empresariais medran un 500% a pobreza no Perú diminúe en 4 ou 5 puntos. E esta baixada non ven da man dun aumento dos salarios ou do traballo senón a través de programas sociais que fan que o nivel de ingreso da xente supere o 1.50 euros diarios de sobrevivencia.

Xurxo Martínez Crespo: Un modelo inxusto nunha sociedade inxusta na que a pobreza non é prioritaria para nengún Goberno?

Javier Díez Canseco: Daquela tes un modelo que fai que a economía creza pero que non redistribúe. E tes un modelo que xera pouco emprego porque é un modelo apoiado na actividade mineira e extractiva que é altamente tecnificada, importa a súa tecnoloxía e ocupa pouquisima man de obra e non transforma os recursos que extrae e por outra banda é unha actividade que deixa un volume do seu excedente, que é realmente pequeno, para o que debera deixar, e que non está sendo reorientado cara ao desenvolvemento dunha economía autosustentábel, porque son recursos naturais esgotábeis, dos cales estamos vivindo o cerecemento actual. Non hai unha política de desenvolvemento agrario significativa.
O Perú é un dos tres países do mundo que máis significativamente vai ser afectado polo cambio climático no mundo cun problema de auga de extremada gravidade unido a un sistema público de saúde e ensino desastroso e en profunda crise. Así tes este contrasentido dun país que é exportador estrela en taxas de crecemento económico pero que ten unha profunda inestabilidade política e un profundo malestar social.

Xurxo Martínez Crespo: Mudou a situación co Goberno de Alan García?

Javier Díez Canseco: Nos primeiros 18 meses do Goberno de Alan Garcóa houbo folgas en máis da metade das rexións do Perú. Folgas dos traballadores mineiros, dos mestres e docentes universitarios, dos médicos, dos traballadores de saúde e xigantescos paros agrícolas o último con cinco mortos o 18 e 19 do mes de febreiro (2008). A folga mineira terminou con dous obreiros mortos que exixían estabilidade no emprego, eliminación das subcontratas, dereito a vacacións anuais, dereito a seguridade social, nunha economía na que a minaría está tendo sobreutilidades. O ano pasado en sobreutilidades, é dicir, en utilidades inesperadas polo alto incremento de prezos, representou soamente a minaria 10.000 millóns de dólares. Aos que o Estado peruano non colocou nengunha sobretaxa tributaria para que as empresas compartan este período extraordinario de bonanza que non obedece a novos investimentos ou tecnoloxías senón á situación do mercado internacional. O país non tivo a habilidade a capacidade nen a decisión política do Goberno de Alan García de xerar unha reorientación dun excedente dun área cara ao potenciamento de servizos e sectores produtivos que xeren un desenvolvemento sustentábel e durábel como o agro, o turismo á construción ou ao desenvolvemento de ciencia e tecnoloxía e ensino que son investimentos duradeiros e fundamentais para o desenvolvemento do país.

O Goberno de Alan García ten records de crecemento económico, reservas internacionais envexábeis e ten 30% de aprobación en Lima e menos no resto do país cunha enorme situación de pobreza e malestar.

O Goberno criminaliza a protesta social estabelecendo que todo aquel que bloquee unha vía de comunicación aínda que non cause nengún dano material ou a persoas deberá receber unha pena non menor de catro anos de cadea nen maior de oito, é dicir, prisión efectiva , orde de detención obrigatoria polo xuíz, porque no Perú cando o fiscal solicita máis de catro anos de cadea tes que ir obrigatoriamente á cadea en situación de prisión preventiva.

O Goberno de Alan García responde aos movementos agrarios, aos que responderon en contra do ALCA con Estados Unidos , aos que demandan compensacións polo efecto que ten o Tratado de Libre Comercio aos que reclaman créditos para o agro , apoio técnico apoios axeitados , respóndelles cun proceso de criminalización da protesta. E isto ven da man cun exercicio da violencia que motivou unha moción especial do Grupo de Traballo do Foro de São Paulo para exixirlle ao Goberno de Alan García que cese na criminalización da protesta e unha investigación sobre as mortes acontecidas no país.

Xurxo Martínez Crespo: O Goberno de Alejandro Toledo enfrontou tamén moitos conflitos sociais. Era a represión semellante á do Goberno de Alan García?

Javier Díez Canseco: Non, en 19 meses do Goberno de Alan García déronse medidas de criminalización que non se deron durante todo o Goberno de Alejandro Toledo, é dicir, foi ogrupo parlamentar do APRA, despois das eleccións, pero antes de asumir o Goberno, a que propuxo no Congreso de Toledo esta política de criminalización aos bloqueos de estradas, que comezou a executarse co Goberno de Alan García, non co de Toledo.

O Goberno de Alan García ditou normas, que por exemplo, estabelecen que calquera autoridade municipal ou rexional que se solidarice ou participe nalgún proceso de demanda ou protesta social das poboacións que están na súa xurisdición está incursa en causal de vacante. É dicir, pode ser destituído e procesado. Penalizou que a autoridade cumpra unha función de representación ou interlocución co Goberno central ante demandas da poboación á que representa e a penaliza.

Xurxo Martínez Crespo: Ise é o caso do alcalde de Puno?

Javier Díez Canseco: Si, iso está acontecendo agora. O alcalde negouse a aplicar unha norma que instituía que os mestres para o ensino público debían ser nomeados só entre aqueles que tivesen un promedio dentro do tercio superior de notas da súa universidade sen ter en conta nengún outro criterio. Así, se recibiches un título público de mestre non podes exercer a túa profisión no Estado senón estás no terzo superior, o cal ademais ignora que para que un mestre sexa bo , requírese algo máis que estar no terzo superior de notas. Requírese capacidade pedagóxica, capacidades humanas determinadas. Requirese unha actualización do coñecemento e ademais as universidades teñen calidades diferentes. Eu podo estar no terzo superior dunha universidade e equivaler ao inferior doutra.

Xurxo Martínez Crespo: A represión chega até a morte?

Javier Díez Canseco: Existe outra norma que estabelece que os elementos da Forza Pública que fagan uso de armas de fogo ante movementos sociais posúen impunidade, non poden ser procesados por facer uso das súas armas de regulamento.

Isto trouxo como consecuencia que na última folga nacional agraria , unha mobilización en Ayacucho fora reprimida por un grupo de policías co saldo de dous campesiños mortos, un con tres balazos na cabeza e outro con dous. Estes non son tiros preventivos, non teñen como función amedrenta senón matar e tampouco están dirixido a anular a capacidade de movemento do ferido, senón que están dirixidos a matar, engadindo a todo esto que os mortos recibiron os disparos polas costas.

Xurxo Martínez Crespo: Pero García non goberna só.

Javier Díez Canseco: Alan García goberno cunha alianza, que é un bloque no que está García que se autoproclama socialdemócrata, é unha alianza do APRA co fujimorismo, unha das forzas máis corruptas na historia do Perú, responsábel de crimes atroces polos que se está procesando a Fujimori, e con Unidad Nacional que é a alianza dun bloque de derereita equivalente ao Partido Popular español. Esta alianza á que lle sacou as castañas do lume ao ministro do Interior.

Xurxo Martínez Crespo: Cal é a oposición no Perú?

Javier Díez Canseco: A oposción paralamentar está circunscrita ao Partido Nacionalista de Ollanta Humala e a algúns dos membros dunha alianza parlamentar, de pequenos grupos, algúns de cuxos membros están en total oposición e algúns non.

A metade do grupo parlamentar de Ollanta Humala, elixida con el, marchou. Ollanta foi como candidato dunha agrupación que non era a súa, Unión por el Perú, que fixo unha alianza con el. Esa agrupación separouse de Humala ao pouco tempo das eleccións e hoxe son parte da Mesa Direitiva do Congreso co APRA o fujimorismo e con Unidad Nacional e son parte dos que se ausentan cando hai que votar unha censura a un ministro o castigo parlamentar a corruptos vencellados ao APRA e non lle dan o quorum preciso para aplicar estas sancións.

Hai outra parte que se mantén nunha posición de oposición pero é unha forza con debilidade de artellación, coido, como noutros lugares de Latinoamérica, hai unha dificuldade de restabelecer a conexión entr e as forzas políticas, progresistas populares de esquerda e os movementos sociais e en erguer unha plataforma e un proxecto que sexa un proxecto de nación e non simplemente de reivindicación sectorial ou local capaz de expreasr unha opción política alternativa do país.

 

 
 
As opinións vertidas nos artigos de opinión, enviados polos nosos colaboradores ou tiradas doutros medios, non teñen porque ser necesariamente compartidas pola CIG.
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/03/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apóntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta