ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 8 de abril de 2008

A empresa mantén ás traballadoras/es nunhas intolerábeis condicións de precariedade
A CIG sospeita que as prácticas de espionaxe de Lidl constatadas en Alemaña tamén se están a producir en Galiza

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


Recentemente destapouse en Alemaña que a cadea de supermercados Lidl espiaba aos traballadores/as para despois elaborar protocolos internos nos que se fai referencia a personalidade dos empregados/as, relacións persoais que manteñen, frecuencia coa que visitan os servizos... A CIG sospeita que esta práctica tamén se está a empregar nos centros da multinacional en Galiza.

Para espiar ás/aos traballadoras/es empregábanse, nos centros da cadea alemana cámaras de videovixilancia e empresas de espionaxe que elaboraban os informes. Estas prácticas, nun primeiro momento foron negadas por Lidl aducindo que as cámaras se empregaban para evitar roubos, aínda que finalmente acabaron por recoñecer que o que realmente buscaban era un maior control da personalidade dos seus empregados e empregadas. A CIG sospeita, que tal e como teñen denunciado os sindicatos alemáns, prácticas semellantes poderían estarse empregando nos centros de Supermercados Lidl en toda Europa e, nomeadamente en Galiza.

Lidl é unha empresa que mantén ás súas empregadas/os nunhas condicións laborais moi precarias e que pola contra, ten un alto nivel de exixencia canto a relación do traballo e os protocolos de comportamento entre traballadoras/es e entre estas/es e os mandos e directivos da empresa.

Entre as prácticas habituais en Lidl en Galiza a CIG salienta que:

  • Está terminantemente prohibido chamarse polo nome de pila entre os empregados/as no centro de traballo, incluídas as áreas de descanso.
  • O tratamento e relación de poder entre mandos intermedios e encargados/as co resto de traballadores vai máis alá do razoábel, buscando unha total submisión por parte destes últimos e fomentando a delación entre compañeiras/os.
  • Inténtase romper calquera lazo de solidariedade entre traballadores/as e así cando entra unha persoa nova ao centro de traballo, os propios compañeiros/as están obrigados a reprender ao/a recén chegado/a caso de cometeren algún erro.
  • Existen cámaras de videovixilancia formalmente para evitar roubos. Porén, a súa disposición leva a pensar que están máis ben destinadas a controlar ao persoal e de feito ás únicas que gravan son a que enfocan ao almacén e corredores dos vestiarios.
  • Está terminantemente prohibido que compartan o mesmo centro de traballo traballadoras/es con relacións familiares, de parella ou de amizade, chegándose ao extremo de ter cambiado de centro a traballadoras por estes feitos.
  • Existen tamén empresas contratadas para espiar o comportamento laboral do persoal: dedícanse a falar cos traballadores/as para comprobar o seu trato e os seus métodos de traballo e a intentar sacar mercadorías sen pasar polas caixas, sancionando posteriormente ás traballadoras/es se non descobren ese roubo.
  • A empresa adoita sorprender ás traballadores/es con datos de conversas persoais ou comentarios feitos en privado creando así unha situación abafante na que as traballadoras acaban por sentirse constantemente vixiadas.

Con todo isto conseguen un ambiente máis cuartelario que o propio dun centro de traballo e pretenden evitar a existencia de calquera caste de unidade ou compañeirismo entre as empregadas/os. Lidl aproveita esta situación para manter así unhas condicións de traballo máis que abusivas.

Deste xeito, o cadro de persoal de Lidl na provincia da Coruña, con máis de cen empregadas conta apenas cun 5% de traballadores/es a tempo completo, a variación sobre os horarios é continua e sen previo aviso con tempo suficiente nos máis dos casos, moitas veces no mesmo día. Durante os últimos tres anos a totalidade do cadro de persoal estivo cobrando bastante menos do que lle correspondería por convenio colectivo con salarios entre 300 e 500 euros.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/03/2008
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta