|
Actualidade CIG-Comunicación- O comité de MARTINSA-FADESA manifesta o seu total rexeitamento perante estes novos despedimentos e amosa a súa oposición rotunda ante o posíbel desmantelamento da sede en A Coruña. Os representantes dos traballadores así llo trasladarán á empresa na reunión que manterán a comezos do mes de maio, na que MARTINSA-FADESA presentará o novo plan de emprego. O comité considera que en novembro non estaban xustificados os 74 despedimentos que anunciaba a empresa e, por tanto, as novas baixas que programa a inmobiliaria en A Coruña resultan inadmisíbeis para os traballadores. O 21 de abril celebrarase unha asemblea do persoal de MARTINSA-FADESA en A Coruña, onde se analizará a situación e se debaterá a adopción das medidas oportunas. A asemblea realizarase a partir das 20:00 horas no salón de actos do Edificio Sindical. A gravidade da situación obriga o comité a manter a cautela e a non emitir máis valoracións até ese día. Durante o ano pasado houbo na empresa 140 baixas en A Coruña, 38 traballadores foron trasladados a Madrid e 33 do departamento de Informática foron externalizados a outra compañía. Ademais, no que levamos de ano, 34 empregados perderon o seu posto en A Coruña. Polo tanto, desde que Martinsa adquiriu Fadesa, máis do 50% dos postos de traballo da inmobiliaria existentes en A Coruña se viron afectados. |
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 14/03/2008 |
||||
|