|
Actualidade CIG-Comunicación- Os árabes israelís constitúen o sector máis marxinado, empobrecido e desfavorecido da poboación. Por “razóns” culturais e relixiosas hai aínda un sector moito máis marxinado: as mulleres árabes israelís. É neste sector que se desenvolveu o plano de cooperación, cofinanciado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade con 17.000 euros, entre a CIG e o WAC siglas que se corresponden con “Centro Asesor de Traballadores”, Maan na acepción árabe. Non é moi difícil ver as diferenzas substancias que acostuman a existir nas sociedades dos nosos países. Diferenzas de clase no fundamental, aínda que na súa expresión aparezan por veces acompañadas de características étnicas, relixiosas, históricas ou culturais. Pero cando un se aproxima por primeira vez a Israel, estas diferenzas internas aparecen de maneira brutal e, mesmo, institucionalizada. Os árabes israelís son o que resta dos millóns de árabes que poboaban Palestina. Coa constitución do estado de Israel en 1948 (estes días estase a celebrar o seu 60 aniversario) e as sucesivas guerras cos países árabes, a maior parte da poboación palestina fuxiu cara outros países, principalmente o Líbano e Xordania, para Cisxordania e Gaza ou desprazouse internamente. O resultado foi sempre o mesmo: as súas propiedades (vivenda, negocios, terras...) foron automaticamente confiscadas. Esta política continua aínda hoxe: durante a invasión do sur do Líbano realizada polo exército israelí hai uns meses, os mísiles lanzados por Hezbolláh alcanzaban cidades e aldeas. A maioría da poboación israelí desprazouse temporalmente cara o sur a vivendas de familiares ou amigos. A poboación árabe, agás excepcións, non se moveu: de telo feito todas as súas posesións deixarían de pertencerlles. Coas terras confiscadas, sen acceso á auga de regadío, sen industrias nas municipalidades onde son maioría, sen dereito a certos traballos, sen permisos para construír novas vivendas, sen poder mudar de domicilio para non perder as súas posesións... a situación dos árabes en Israel trae á memoria a Sudáfrica e a Rodhesia do apartheid. Nestas condicións non é de estrañar que a sociedade árabe israelí teña níveis de pobreza elevadísimos, altísimo desemprego, ou que a inmensa maioría dos que traballan o fagan en condicións de absoluta precariedade. Ni de estrañar é que o islamismo estea avanzando de maneira espectacular e o integrismo relixioso islámico comece a ter numerosos adeptos. Paradoxalmente, esta situación está a favorecer un pequeno e positivo cambio no rol familiar, económico e social da muller árabe. Tradicionalmente sometida ao home (pai, irmáns, marido), coa vida reducida ao ámbito familiar (directo e “estendido”), sen terras propias para traballar na agricultura (traballo especialmente desprezado na sociedade, os homes non o fan), sen conciencia da súa existencia como individuo..., a muller árabe está iniciando un camiño que pode mudar o seu estatus individual, familiar e social. Como o home está no desemprego, a muller ve facilitado o camiño para saír da casa, traballar e aportar diñeiro ao entorno familiar. Este é precisamente o miolo do plano de cooperación CIG-WAC, que ten dous obxectivos claramente definidos: formar profesionalmente a mulleres árabes e traballar con elas en actividades de autoestima e valorización individual, familiar e social. Para isto, realizamos cursos de cestería tradicional como ferramenta de traballo xunto a cursos de empoderamento feminino, apoiando ás mulleres a inserirse laboralmente ou actuando como marco de apoio para as mulleres que xa contan cun emprego. Nunha sociedade marcada polo odio e polo medo é admirábel o traballo que realizan organizacións como WAC, empeñadas en dar alternativas a unha situación permanentemente explosiva. Ir a contracorrente, e desde posicións de clase, non é fácil en ningures e moito menos en Israel. O proxecto de cooperación A primeira metade do ano (xaneiro-xuño) estivo marcada por un ritmo de maior actividade que a segunda (xullo-decembro), tanto en canto aos cursos como ás actividades especiais desenvolvidas (Día Internacional da Muller -8 de Marzo-, Día do Traballador – 1º de Maio, etc.). A segunda metade estivo máis dedicada á avaliación e a planificación de pasos a seguir, xunto ao recrutamento de novas mulleres. Nesta etapa do ano os nenos, que se atopan de vacacións (xullo-setembro) e o Ramadan (setembro -outubro) obstaculizan a participación das mulleres en actividades extra-familiares. Durante a segunda metade do ano destacouse o recrutamento de novas mulleres por mulleres xa empoderadas por HPH/WAC. Esta actividade provoca, ademais do obxectivo manifesto, a posta en marcha dos contidos aprendidos polas mulleres xa empoderadas. Esta actividade reafirma a súa personalidade e conviccións, e inspira a outras mulleres a seguir os seus pasos. Búscase que máis mulleres teñan acceso aos cursos de empoderamento, que máis mulleres se animen a saír a traballar; que máis mulleres contribúan a que as súas familias se eleven por riba da liña de pobreza; que máis mulleres se fagan responsábeis das súas vidas, que estean orgullosas da súa identidade e de si mesmas. O centro que o WAC ten en Kufr Qara mantén un nivel de actividade moi alto e atópase en expansión continua. Asiste ás mulleres nas seguintes áreas: 1.Como "Oficina de Emprego", onde elas poden atopar traballo e obter asesoramento para resolver problemas laborais. Un aspecto importante do traballo que se realiza é a oportunidade que as actividades lles dan ás mulleres de saír de casa, de romper coa rixidez das tarefas domésticas, para comunicarse con coñecidas, amigas e veciñas fora do espazo doméstico. Esta saída do ámbito doméstico é un motor que lentamente se pon en marcha para que as mulleres se animen a saír a traballar e compartir as responsabilidades da casa cos seus maridos. A través das actividades especiais as mulleres atopan espazo para desenvolver a súa creatividade, tomar responsabilidade para a organización de actos, propor temas de interese, coñecer xente nova, etc. Desde a organización dos diferentes actos do Día da Muller ata a proxección no Centro dunha película seguida por un debate, expónselle ás mulleres escenarios nos que pode expor inquietudes, propor ideas, ou simplemente falar en público, práctica impensable para moitas das mulleres que chegan por primeira vez ao Centro. 2 cursos de cestería con 31 participantes Os cursos foron ditados por Ismahan Abu-Hilal, unha das participantes do curso do ano anterior, quen se destacou polas súas habilidades desde o primeiro momento. Os cursos divídense en dous niveis. Na súa primeira fase (curso principiantes), as participantes aprenden a tecer as cestas de ratán, un material máis brando e maleable. Este material tamén pode pintarse de cores diferentes, aumentando o seu valor ornamental. Na segunda fase do curso (curso avanzados), as participantes aprenden as técnicas do tecido con ramas de dátiles. Este material é moito máis duro e difícil de traballar, e o seu resultado é un tecido rústico e altamente durábel.. 4 cursos de empoderamento con 60 participantes Os cursos realizados en Kufr Qara foron de tres tipos: curso para mulleres principiantes, a cargo de Samia Sharqawi e con asistencia de dúas veteranas anteriores, quen colaboran no contacto coas participantes; curso para mozas (traballadoras ou desocupadas) solteiras de 18 a 24 anos de idade, ditado por Arabia Mansur; e curso para avanzadas (2º do ano de empoderamento), ditado por Denisse Assad, chamado "Cada Muller ten a súa Historia" onde o eixo é a tradición oral (relatos, contos) que cada muller trae da súa nenez. Ao longo de un ano, grupos de mulleres atopáronse unha vez por semana en obradoiros de empoderamento no Centro de WAC/HPH en Kufr Qara. Este non é un logro menor. A maioría chega logo de traballar de seis a oito horas de colleita, podando ou empaquetando; logo de limpar a casa, cociñar e coidar dos nenos. No momento en que comezan as sesións de empoderamento as mulleres están exhaustas. E aínda así acoden, puntuais. Mulleres que, segundo os seus propios testemuños, toda a semana estiveron esperando esta reunión. A mentalidade conservadora das súas cidades non as estimula. O feito de que traballen é visto con desprezo, e máis aínda porque o traballo na agricultura non é sequera un traballo “respectable” como o de mestra ou secretaria, senón “só” un traballo manual. Nunha sociedade na que se espera dunha muller que o entregue todo sen pedir nada a cambio, é difícil ver onde poderán atopar a fortaleza para dedicar dúas horas semanais a si mesmas, ou como afacer ás súas familias e veciños á idea de que estas dúas horas perténcenlles como dereito. Respecto diso di Amneh, unha das máis veteranas do grupo, “para min WAC é como unha gasolineira. Chego aquí baleira, encho o tanque, e logo teño a fortaleza para continuar”. As participantes dos cursos adoitan identificarse moi rápido unhas coas outras, ao descubrir que comparten problemáticas comúns. Isto acelera o proceso de formación de grupo, á vez que lles facilita ás mulleres unha perspectiva máis "cómoda" desde a que mirar os seus propios problemas. As situacións difíciles adquiren novas proporcións ao ser compartidas por outras mulleres. É máis fácil contar unha experiencia a alguén a quen considero un igual , alguén que sofre de situacións similares ás que vivo eu. Ante tales circunstancias, as mulleres anímanse a relatar as súas propias vidas, sen necesidade de disfrazalas. Non hai de que avergoñarse, a orixe humilde non é un pecado senón unha circunstancia. O testemuño de Dalia, una de as participantes, ilustra de forma clara o anterior: “Antes pensaba que os meus problemas eran moi graves. Tíñame mágoa. Pero cando escoito os problemas que teñen as outras mulleres, vexo a vida en proporcións diferentes. As compañeiras do grupo danme moita forza." As mulleres adestran nos seus cursos as súas aptitudes orais, comezan a animarse a falar en público, aprenden a escoitar e escoitarse, a interesarse por opinións diferentes ás delas mesmas. Tamén traballan sobre cuestións básicas de disciplina, como a puntualidade e o desenvolvemento dunha discusión ordenada. Algúns xiros lingüísticos son lentamente introducidos no seu vocabulario como forma de reafirmar a súa identidade: “na miña opinión” e “eu penso que”. Non é algo usual para unha muller árabe falar dela mesma ou das súas opinións; ensínanlle que o seu único lugar é a casa, onde debe ocuparse das cuestións domésticas exclusivamente. Unha vez finalizados os cursos o centro de WAC/HPH segue constituíndo un espazo onde a muller pode atopar apoio. A nivel nacional, WAC/HPH alberga o Foro de Mulleres, no que as que xa fixeron os cursos poden intervir como integrantes ou participar nas propostas desenvolvidas polo Foro (sendo o Día da Muller e o 1º de Maio os puntos cumes do ano, as súas actividades máis destacadas).
|
||||
|
|
||||
|