Balance sindical / Voceiro da Federación de Banca, Aforro, Seguros e OficinasVolver a BoletinsVolver a Actualidade
Nº 9 - maio 2003
 
A negociación colectiva no sector financeiro adquire especial relevancia este ano
 
Sumario

 A negociación colectiva no sector financeiro adquire especial relevancia este ano
 Celebráronse asembleas do persoal afectado polos traslados do Banco Pastor
 O persoal apoderado de Caixa Galicia pide melloras das condicións laborais
 Celebrouse un curso para representantes do persoal nas Comisións de Control dos Fondos de Pensións
 A Inspección de Ourense “extravía” un informe fundamental para o xuízo dos auxiliares de aforro
 O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza limita a mobilidade do artigo 30 do convenio da banca privada
 A CIG arrasa no Banco Pastor en Pontevedra
 Constituíuse a Sección Sindical da CIG no Deustche Bank
 Substanciosa suba de salario para o Consello de Administración do BBVA
 1º de Maio: por Galiza, pola paz, contra o imperialismo
 Acordo excluínte en materia de Saúde Laboral no Santander Central Hispano
 Caixanova atende parcialmente as demandas formuladas pola CIG
 Sindicatos e Patronal por un Convenio Galego de Oficinas
 
 
Ir ao sumário
Afecta a máis de 15.000 traballadores e traballadoras na Galiza
A negociación colectiva no sector financeiro adquire especial relevancia este ano


BS
 
 Clic para aumentar
Na Galiza estase a vivir un momento de gran mobilización social.
 
Tanto na banca como nas caixas de aforros iniciouse a negociación dos convenios colectivos estatais, nun proceso que está a xerar moitas expectativas dentro do sector, nun momento álxido de mobilización social.

A folga xeral do ano 2002 tivo un seguimento masivo no sector financeiro galego. Agora o inicio da negociación coincide cun momento de gran mobilización cidadán. Os actos convocados pola “Plataforma Nunca Máis” ou as mobilizacións da “Coordinadora Galega pola Paz” están contando cunha numerosa participación dos cidadáns e cidadás. A unidade de acción sindical na Galiza da CIG, UGT e CCOO está contribuíndo a unha resposta social sen precedentes; baixo este prisma o sindicalismo nacionalista está decidido a impulsar a unidade de acción na negociación dos Convenios de Banca Privada e Caixas de Aforros en Madrid.

Dende a CIG, reforzada como primeira forza sindical no sector nas pasadas eleccións sindicais, avalíase o momento como moi positivo e apóstase pola unidade de acción para conquerir un cambio na sinerxía dos últimos convenios. A capacidade mobilizadora da clase traballadora galega favorece as posicións sindicais nas mesas negociadoras.

A recuperación de poder adquisitivo, a reducción da xornada laboral ás 35 horas, a equiparación e homologación dos traballadores/as independentemente da data de entrada, ou a creación dunha carreira profesional con criterios obxectivos, centran as reivindicacións sindicais.

Tanto AEB (patronal da Banca) como ACARL (patronal das Caixas) semellan ter interese en ralentizar o proceso negociador nunha estratexia de deixar amortecer a negociación para trasladala despois do verán. Tratarían, como en anteriores ocasións, de causar incerteza entre os cadros de persoal e nerviosismo nas fileiras sindicais, facilitando unha renuncia dos obxectivos sindicais.

Ante esta situación, a CIG aposta por un modelo de negociación máis participativo, convocando asembleas de afiliados e afiliadas e dos propios traballadores/as das empresas afectadas pola negociación. Dende esta perspectiva xa fixo un chamamento ao resto das forzas sindicais a nivel estatal para conquerir un amplo apoio ás plataformas sindicais.
 
 
Ir ao sumário
Celebráronse asembleas do persoal afectado polos traslados do Banco Pastor


BS
 
 Clic para aumentar
Mobilización de traballadores e traballadoras do Banco Pastor contra a reconversión.
 
A drástica reestructuración dos Servicios Centrais afectaría a perto de 250 empregados e empregadas con traslados a novas oficinas, principalmente en Andalucía.

Como xa se informaba no número anterior do Balance Sindical, o Banco Pastor anunciou unha drástica reestructuración dos Servicios Centrais, trasladando ao persoal destes a novas oficinas que se abrirán no resto do Estado, principalmente en Andalucía.

Os traslados afectarían, segundo o anunciado polo conselleiro delegado da empresa na prensa, a perto de 250 empregados e empregadas, a maior parte dos Servicios Centrais de A Coruña e en menor medida dos situados en Madrid.

Malia os contactos mantidos dende a Sección Sindical da CIG coa Dirección de Persoal, a empresa nega que esteamos ante un traslado colectivo e polo tanto non está a cumprir o regulado no Estatuto dos Traballadores para estes casos.

Ante esta situación a Sección Sindical da CIG convocou en A Coruña unha asemblea na que participaron 150 persoas afectadas por esta reestructuración.

Considerando os traslados como colectivos, a asemblea de persoal solicitou da empresa o inicio dun proceso de negociación en base ao articulado no vixente Convenio da Banca e no Estatuto dos Traballadores. Nesta asemblea desenvolveuse unha táboa reivindicativa que contempla a posibilidade de retorno, axudas económicas e a aceptación voluntaria por parte dos traballadores e traballadoras do modelo de desenvolvemento profesional.
 
 
Ir ao sumário
A CIG iniciou unha recollida de sinaturas de apoio
O persoal apoderado de Caixa Galicia pide melloras das condicións laborais


BS
 
O pasado mes de marzo a Sección Sindical da CIG convocou Asembleas de traballadores e traballadoras de Caixa Galicia co fin de elaborar plataformas reivindicativas dos apoderados/as da rede comercial, directores, interventores, responsables de riscos ou analistas de riscos.

Estas asembleas, convocadas inicialmente en Lugo, tiveron unha importante resposta en toda Galiza. A revisión salarial correspondente ao ano 2002 e o pago dos atrasos do convenio provocaron un gran malestar neste colectivo de tralladores/as. O sistema salarial actual contempla un complemento absorvible e non pensionable, cunha actualización por baixo do IPC.

O persoal apoderado solicita un sistema retributivo que contemple un complemento revalorizable co IPC e non absorvible. Solicita tamén unha revisión do Sistema de Clasificación de Oficinas, do que dependen tanto as categorías profesionais do persoal apoderado como os seus salarios.

Ao longo do último mes, a CIG iniciou unha recollida de sinaturas en apoio a estas reivindicacións básicas dos apoderados. A recollida está a ser masiva nas catro provincias galegas, tanto entre os propios afectados e afectadas como entre o persoal administrativo, que está asinando solidariamente.

Este proceso conseguiu que a empresa reunira a Comisión de Seguimento da Clasificación de Oficinas, comezando un proceso de negociación coa representación sindical que pode ser determinante.
 
 
Ir ao sumário
Celebrouse un curso para representantes do persoal nas Comisións de Control dos Fondos de Pensións


BS
 
Os pasados días 10 e 11 de abril tivo lugar na vila de Allariz un curso de formación sindical da CIG para os representantes dos traballadores/as nas Comisións de Control dos Planos de Pensións.

A maior parte das entidades financeiras con fondos internos exteriorizaron durante o ano 2002 os compromisos en materia de previsión social. Namentres, nas entidades con Planos de Pensións xa creados, nomeadamente no sector de aforro, asistimos á reforma dos existentes.

Ante esta situación, e dada a complexidade da previsión social e a responsabilidade dos representantes dos empregados/as nas Comisións de Control destes fondos, organizouse este curso enmarcado dentro do Plano de Formación Interna para os delegados e delegadas da CIG.
 
 
Ir ao sumário
A Inspección de Ourense “extravía” un informe fundamental para o xuízo dos auxiliares de aforro


BS
 
As caixas de aforros galegas, preocupadas polo resultado das demandas, chaman ao anterior secretario xeral da patronal estatal, Ricardo Pradas, para que asuma a súa defensa.

O primeiro xuízo de reclamación de categoría dun auxiliar administrativo, previsto para o mes de marzo, vén de sufrir un segundo adiamento ao extraviar a Inspección de Traballo de Ourense un informe que debía recoller a comprobación por un inspector/a das funcións desenvolvidas polo traballador de Caixa Galicia que presentara a demanda.

Este extravío foi comunicado por este organismo da administración á maxistrada encargada do caso. Dende a CIG denuncian que a Inspección de Traballo non realizou o informe nin xirou visita previa a oficina na que desenvolve o seu traballo o auxiliar demandante. A vista deste caso terá lugar o vindeiro vintedous de maio.

A campaña polo dereito ao ascenso, iniciada polo sindicato nacionalista o pasado mes de setembro, tense trasladado ás negociacións do Convenio Colectivo estatal, que se están levando a cabo en Madrid.

Agora o resto das forzas sindicais coinciden na necesidade de cubrir o baleiro creado polo XXIII Convenio do sector, asinado polos sindicatos “independentes”.

A Patronal ten avanzado a súa disposición a negociar este punto, que estaría incardinado nunha reordenación das categorías profesionais, sen que ata o momento teña definida a súa proposta.

Increméntase día a día o número de auxiliares administrativos de aforro interesados en reclamar xudicialmente o ascenso de categoría polas funcións que realizan nas oficinas. As asesorías xurídicas agardan as primeiras sentencias para presentar novas demandas.
 
 
Ir ao sumário
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza limita a mobilidade do artigo 30 do convenio da banca privada


BS
 
Acaba de facerse pública unha sentencia do máximo tribunal galego sobre unha demanda dun delegado do Banesto ao que trasladaran a máis de 25 quilómetros por estrada do seu anterior posto de traballo.

O actual Convenio colectivo da banca privada regúlase, no seu artigo 30, que non terá consideración de traslado nin mobilidade xeográfica o cambio de destino dun traballador/a dentro dun radio de 25 quilómetros.

Esta regulación deu lugar a diferentes interpretacións, xa que de considerar o radio xeograficamente, os desprazamentos poderían chegar a unha distancia de máis de 50 quilómetros por estrada.

Diante do recurso presentado por un traballador do Banesto de Lugo, Rodrigo Real Peña, que fora trasladado a Friol, pobo situado a 25,5 quilómetros por estrada, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza fixo pública a súa sentencia que veu clarificar a aplicación do articulado do Convenio.

Para o alto tribunal galego, a distancia entre dúas localidades debe medirse en función das vías de comunicación existentes e non en termos de cálculo topográfico.

Tamén considera o tribunal, na devandita sentencia, que o acordo a nivel de empresa sobre este tema, asinado por UGT, FICT e CGT, ten a consideración de pacto de eficacia limitada, é dicir, só afecta aos afiliados e afiliadas das centrais sindicais asinantes, e polo tanto non é un pacto de eficacia xeral.

Banesto está obrigado, segundo este dictame, a repoñer ao traballador de Lugo, delegado da CIG, no seu posto de traballo anterior.
 
 
Ir ao sumário
Nas eleccións sindicais do pasado 8 de abril
A CIG arrasa no Banco Pastor en Pontevedra


BS
 
A candidatura presentada pola CIG conqueriu 10 delegados fronte aos 3 de CCOO, revalidando así a súa maioría absoluta no Comité de Empresa de Pontevedra nas eleccións sindicais que tiveron lugar o pasado día 8 de abril no Banco Pastor.

Con este resultado a CIG afiánzase como primeira forza sindical no sector da Banca na provincia de Pontevedra, sector no que conta na actualidade cun total de 39 delegados e delegadas.
 
 
Ir ao sumário
Constituíuse a Sección Sindical da CIG no Deustche Bank


BS
 
Despois de celebradas as eleccións sindicais de decembro, nas que a CIG obtivo os dous delegados posibles en Galiza, os afiliados/as da central nacionalista no Deustche Bank acaban de constituír a Sección Sindical.

Con esta nova Sección Sindical a CIG está a ultimar a súa implantación organizativa na práctica totalidade das entidades da banca privada na Galiza. Estas estructuras que teñen por protagonistas principais aos afiliados e afiliadas do sindicato, veñen ser o instrumento básico de acción sindical nas empresas.
 
 
Ir ao sumário
Substanciosa suba de salario para o Consello de Administración do BBVA


BS
 
O cadro de persoal do Banco Bilbao Vizcaya Argentaria viu incrementado o seu salario nun 2%, no ano 2002, como resultado da suba salarial pactada no Convenio de Madrid. Non foi así para os membros do Consello de Administración da entidade, que incrementaron os seus emolumentos nun 33%.

Esta suba prodúcese nun ano de baixada dos beneficios da entidade financeira por mor “da incerteza económica e especialmente pola situación da Arxentina”.

O certo é que os gastos de persoal diminuíron un 12,90% a respecto do ano 2001, diminución debida en grande parte a drástica reducción de persoal, en total 1.289 empregos fixos menos que no ano anterior.
 
 
Ir ao sumário
1º de Maio: por Galiza, pola paz, contra o imperialismo


BS
 
 Clic para aumentar
O afundimento do Prestige segue causando graves repercusións negativas no noso país, polo que a recuperación do medio mariño e do tecido económico do noso país requiren un plano de investimentos reais do Estado español que ata agora só existen na propaganda gobernamental e no chamado Plan Galicia.

Este desastre ecolóxico foi froito dun sistema económico no que o beneficio a curto prazo prima sobre o medio ambiente, sobre a protección social e, como vimos no Iraq, sobre a vida e a dignidade das persoas.

Fronte o recorte de dereitos laborais e cidadáns, fronte a privatización do sistema público de protección social, fronte a precariedade laboral e o paro, é necesaria a unidade de toda a clase traballadora galega para contribuír a conquistar unha sociedade máis libre, xusta, solidaria, igualitaria, soberana e democrática.
 
 
Ir ao sumário
Acordo excluínte en materia de Saúde Laboral no Santander Central Hispano


BS
 
Os sindicatos estatais con presencia no SCH (CCOO, UGT, FITC, AMI e agora tamén CGT) pactaron coa empresa a constitución do Comité Estatal de Seguridade e Saúde (CESS), do que foron excluídos os sindicatos nacionalistas, entre outros, á marxe da legalidade vixente.

A CIG, sindicato coa consideración de máis representativo a nivel galego, lembra que anteriores acordos realizados sen contar coa totalidade da representación legal dos traballadores/as foron deixados sen efecto pola Audiencia Nacional. Daquela a CGT, agora asinante, presentara Conflicto Colectivo ao ser excluída da negociación.

Chama a atención que CCOO recoñecera nun comunicado público a súa incapacidade manifesta, dicindo textualmente: “esperemos que la empresa tome un poco más de conciencia de esta problemática y el CESS sirva para algo más que meras reuniones protocolarias”.

A Sección Sindical da CIG sinala que o dereito do persoal á saúde laboral é irrenunciable, e non pode depender exclusivamente da boa disposición da empresa. Polo pronto o sindicato nacionalista estudia a presentación dun novo Conflicto Colectivo ante o que se entende como unha marxinación ilegal.
 
 
Ir ao sumário
Caixanova atende parcialmente as demandas formuladas pola CIG


BS
 
No pasado mes de febreiro, tal e como publicabamos no Balance Sindical nº 8, a Sección Sindical da CIG solicitou un plano de prexubilacións aberto e voluntario que permitira tamén unha regularización do persoal temporal, nomeadamente dos contratados coa ETT Cenpla, propiedade de varias caixas de aforros.

Agora a dirección da empresa anunciou o pase a fixos de 50 e 60 traballadores/as de Cenpla para “cubrir necesidades detectadas na rede de oficinas”. A empresa tamén pretende facer xubilacións parciais con contratos de relevo. Menos novedosa é a solución para auxiliares administrativos, coa posta en marcha das Oposicións de Ascenso, sen especificar número de prazas nin condicións e bases das oposicións.

Dende a Sección Sindical da CIG denúncianse estas medidas como incompletas e anúnciase que continuará a campaña polo dereito ao ascenso dos/as auxiliares de aforro e a presión e control sindical en materia de contratacións.
 
 
Ir ao sumário
Sindicatos e Patronal por un Convenio Galego de Oficinas


BS
 
A negociación colectiva no sector de oficinas e despachos, que agrupa as empresas que teñen como actividade principal tarefas administrativas privadas (asesorías, despachos de avogados, asociacións, etc) desenvolvíase ata o de agora no ámbito provincial, con convenios colectivos en tódalas provincias galegas agás en Ourense, onde non existe patronal constituída.

As patronais do sector e os sindicatos CIG, UGT e CCOO veñen de chegar a un acordo para impulsar un Convenio de Oficinas e Despachos Galego. O único atranco é a falta de patronal organizada na cidade das Burgas.

A CIG, que ata o momento impulsou a negociación dos convenios provinciais, celebra a coincidencia sindical na necesidade de promover un Convenio Galego.

Dende a central nacionalista considérase fundamental que o texto normativo que puidera resultar da negociación, contemplara os actuais dereitos recollidos nos distintos convenios provinciais. Nomeadamente o referido a adaptación do complemento por antigüidade e o mantemento da cláusula de revisión salarial automática recollida no convenio provincial de Pontevedra.
 
 

Edita: Federación de Banca, Aforro, Seguros e Oficinas da CIG (Confederación Intersindical Galega). Enderezo: Rúa Gregorio Espino, 47 entrechán. 36205-Vigo (Galiza). Tel: 986 374008, 986 262689. Fax: 986 262844. e-mail: cigbancanac1@terra.es. Internet: http://www.galizacig.com. Responsable de propaganda: Pablo Carreira Leis. Maquetación e deseño: CIG-Propaganda. Edición electrónica: CIG-Informática.
 
Volver a BoletinsVolver a Actualidade
 

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 07/05/2003