| Balance sindical / Voceiro da Federación de Banca, Aforro, Seguros e Oficinas Nº 12 - maio 2004 | ||||
| Por que se estende a xornada laboral? | ||||
Non diminúen as horas extras ilegais no sector financeiro Por que se estende a xornada laboral? | ||||
BS | ||||
Historicamente, a reducción da xornada laboral para conquerir máis tempo libre foi unha reivindicación da clase traballadora. ¿Por que se estende a xornada laboral sen aparente contrapartida económica? Non todo o mundo realiza as horas extraordinarias voluntariamente, pero xustificalas polas ameazas por parte das direccións das empresas sería simplificar; esta podería ser unha das causas, pero non explicaría o alto número de horas realizadas. En primeiro lugar, é un problema de compensacións económicas. Ao longo dos últimos anos houbo unha substitución de salario fixo por retribucións voluntarias, xa sexan complementos de posto ou ligados á productividade. Esta situación xeneralizada no mundo laboral, tivo unha especial incidencia no caso da banca. A perda de 15 puntos nos salarios durante os dez últimos anos foi compensada con complementos voluntarios que minimizaron a perda dos convenios, pero crearon maior dependencia do persoal. Hoxe, un 20% das retribucións son vía complementos e o seu cobro responde a criterios subxectivos. A falta dunha carreira profesional que estea regulada con criterios obxectivos crea tamén unha maior dependencia dos superiores xerárquicos. O dereito á promoción profesional que teñen todos os traballadores e traballadoras, convértese nunha mellora voluntaria por parte das empresas. A mobilidade xeográfica, nomeadamente do persoal recén incorporado, con traslados fóra das cidades de orixe, racha o ambiente de relacións sociais e familiares. O centro de traballo transfórmase así no centro da vida social. A solución a este fraude é complexa e pasaría por adoptar unha serie de medidas tales como: mellorar a relación entre o salario fixo e o salario voluntario, regulando a nivel de empresa os complementos existentes; regular carreiras profesionais con criterios obxectivos e universais; limitar a mobilidade xeográfica; e tamén, por que non dicilo, conquerir unha maior concienciación por parte dos empregados e empregadas afectados. | ||||
A Sección Sindical da CIG no Banco Pastor mobilízase ante a Asemblea de Accionistas | ||||
BS | ||||
A concentración levada a cabo o pasado 21 de abril, na que participaron medio cento de delegados e delegadas da Sección Sindical da CIG no Banco Pastor, está motivada pola reconversión laboral impulsada polo conselleiro delegado provinte do Banco Popular, Fulgencio García Cuéllar. Dende a CIG, poñen en dúbida os datos feitos públicos sobre a evolución do número de oficinas e do emprego. A entidade informou da apertura de 70 novas oficinas, pero ocultou o peche de 12 na Galiza. Informou tamén de 257 novos contratos, pero sen especificar que 125 son fichaxes do Banco Popular e que no mesmo ano houbo 189 baixas por prexubilacións, amortizándose a maior parte dos postos de traballo. Nos últimos dez anos perdéronse máis de 700 postos de traballo nesta entidade, pasando de 3.630 empregados e empregadas no ano 1993, aos 2.911 no ano 2003. Unha especial crítica recibiu o traslado de persoal de Galiza para a apertura de oficinas programada no Plano de Expansión da empresa en Andalucía, plano que por certo está a copiar Caixa Galicia, entidade que participa no accionariado do Banco. | ||||
CCOO, UGT e Patronal crean unha fundación para mellorar a imaxe das Empresas de Traballo Temporal | ||||
BS | ||||
| No IV Convenio Estatal de ETT’s recollen o compromiso de estimular o contrato precario a través destas empresas a comisión. O sindicalismo estatal vén de dar un xiro de 180º á súa posición encol das Empresas de Traballo Temporal (ETT's). Nas cláusulas adicionais do novo convenio de ETT's hai un compromiso de impulsar o uso deste tipo de contrato precario eliminando as barreiras existentes. A autorización para a cesión de traballadores e traballadoras e a legalización das ETT's polo anterior goberno do PSOE motivaron a convocatoria dunha folga xeral por parte dos sindicatos CIG, CCOO e UGT. O xiro radical do sindicalismo españolista nesta materia é especialmente grave se temos en conta que a taxa de temporalidade galega sitúase hoxe nun 35%, fronte ao 13% da media europea. Cabe destacar que namentres o novo goberno aposta por reducir as cotizacións por desemprego dos contratos fixos, incrementando as dos temporais (medida correcta pero totalmente insuficiente para poñer coto á temporalidade), os sindicatos CCOO e UGT reclaman o contrario, considerando innecesarias as sobrecotizacións obrigatorias neste tipo de contratos temporais. Especialmente estraña é a petición de CCOO e UGT para que tódolos contratos temporais deban ser tramitados a través das ETT's. Lembremos que na actualidade as empresas e os traballadores/as poden celebrar contratos temporais libremente, sen ningún tipo de mediación, mentres que coa medida proposta sempre debería participar unha ETT cobrando unha comisión. Xa que a posición dos sindicatos estatais ten mudado dunha oposición aberta ás ETT's a un apoio claro, a CIG queda en solitario na batalla contra a precariedade laboral. | ||||
Prevense 15 baixas en Banesto para este ano | ||||
BS | ||||
| O Banco Español de Crédito, entidade pertencente ao Grupo SCH, ten previsto continuar co proceso de reducción dos cadros de persoal. Todo apunta á existencia dunha lista de empregados/as dos que a empresa querería desfacerse neste ano, un total de 15 persoas entre Galiza e Asturies. Despois da compra do Banesto polo Grupo SCH, o peche de oficinas e a reducción de persoal foi traumática dende o ano 1994 ata o ano 2002, período no que se amortizaron cento coarenta e catro postos de traballo, un 19,56% do total, pasando o cadro de persoal de 736 a 592 traballadores/as na Galiza. O número de prexubilacións e de baixas incentivadas superaría as duascentas. A Sección Sindical da CIG xa ten tratado de abordar esta problemática co Departamento de RRHH a nivel galego. Se finalmente se producen baixas de xeito traumático haberá mobilizacións como no SCH. | ||||
Comezan as mobilizacións polo convenio no sector de Telemárketing | ||||
BS | ||||
Despedimentos diarios, altas taxas de eventualidade, traballo de luns a domingo con festivos incluídos, con ritmos extenuantes (a baixa do número de chamadas telefónicas arguméntase como motivo de despido), e a cambio salarios de miseria sen antigüidade e cun alto número de traballadores/as que non perciben ningún tipo de complemento. Estas son as condicións laborais abusivas, a sobreexplotación, que padecen milleiros de mozas e mozos do sector de telemárketing. As condicións laborais do precapitalismo do século XIX repítense douscentos anos despois, amparadas polo baleiro legal e polo precario convenio estatal do sector. Así se entende que día a día medre o número de empresas e a súa facturación: só é necesario un teléfono, un ordenador e, por suposto, moi poucos escrúpulos. A negociación do convenio colectivo arrancou a primeiros de ano, agora está estancada polo bloqueo da patronal, que continúa apostando por un sector baseado en baixos custes e na flexibilidade, fronte á profesionalización e dignificación do mesmo que esixe a parte social. A CIG, que participa nas mobilizacións conxuntas con CCOO, UGT e CGT, está a impulsar a recollida de sinaturas e o pasado 20 de abril participou na concentración que iniciaba o proceso de mobilizacións de telemárketing, e que tivo lugar diante das instalacións da empresa Atento en A Coruña. Medio cento de representantes sindicais concentráronse en demanda dun convenio xusto e contra a precariedade. Ao peche deste voceiro está confirmada a convocatoria de paros para o mes de maio, que serán dunha hora en cada quenda os días 14, 17 e 20, e se incrementarán a dúas horas os días 27 e 28 do mesmo mes. | ||||
| O Santander Central Hispano despide a máis de 100 persoas | ||||
BS | ||||
Na Galiza hai polo de agora un caso detectado na provincia de Pontevedra. Os traballadores/as despedidos non responden a un mesmo perfil; a empresa xustifica estas baixas como supostos despidos disciplinarios. Outra parte das mesmas corresponde a baixas incentivadas, persoal que marcharía do banco “voluntariamente” a cambio dunha certa cantidade de diñeiro. Os sindicatos denuncian presións a estes traballadores e traballadoras para que abandonen os seus postos de traballo. Ante a gravidade da situación, os sindicatos con presencia na empresa estableceron un calendario de mobilizacións, que se iniciaron cunha concentración de representantes sindicais o pasado día 20 de abril en A Coruña, diante da Dirección Territorial do banco, e o día 22 nas oficinas principais de Ourense e de A Coruña. | ||||
“In Memoriam” | ||||
BS | ||||
Marcos é unha referencia inevitable para o sindicalismo nacionalista de Banca. Pioneiro na UTBG, fundador do SGB e impulsor decidido na creación da CIG, dende os seus postos como delegado sindical no Banco de Vizcaia primeiro, e do BBVA ata hoxe mesmo, desenvolveu moitos cargos de responsabilidade sindical nos que fixo valer o seu talante aberto e negociador, sendo un dos artífices da situación de hexemonía que a CIG Banca mantén no BBVA. Non podemos esquecer apuntar tamén nestas liñas a intensa actividade política de Marcos Cela, dende a súa militancia activa na ANPG ata mesmo desenvolver responsabilidades de goberno como concelleiro do BNG e delegado de Medio Ambiente no Concello de Lugo. En tódolos postos nos que Marcos tivo responsabilidades demostrou o seu bo facer e coñecementos, así como o carácter xeneroso, conciliador e optimista que transmitía a quen lle rodeaba. Marcos deixa o listón moi alto e un baleiro difícil de encher, tanto no ámbito persoal como no político-sindical. A súa presencia activa en tódalas actividades sociais, culturais, políticas e sindicais era unha constante que agora, de seguro, botaremos moito de menos. Enviamos nestes duros momentos unha agarimosa aperta á súa dona, Cristina Ferreiro, destacada dirixente da CIG Saúde e compañeira sempre en tódalas loitas emprendidas. Así mesmo, temos unha lembranza especial para as súas fillas, a herdanza de Marcos máis querida. Nestas datas nas que a memoria nos leva a tantos e tantos momentos de andanzas xuntos e con obxectivos comúns, só nos queda dicir: Marcos, gracias polo teu exemplo. | ||||
Conflicto nas empresas auxiliares de Caixa Galicia | ||||
BS | ||||
| Dende a década dos oitenta gran parte dos Servicios Centrais das caixas de aforros foron privatizados a través de empresas auxiliares nas que non era de aplicación o convenio estatal de Aforro, e polo tanto con condicións laborais e salariais máis precarias. As caixas de aforros galegas non foron alleas a esta tendencia á subcontratación e privatización das tarefas administrativas. Nacían así en Caixa Galicia empresas como Coinsa e Softgal, ou máis recentemente STD ou STA. Hoxe, estas empresas representan entre un 10 e un 15 por cento do emprego desta entidade financeira. Ao longo dos últimos anos a dirección de Caixa Galicia, esquecendo a súa responsabilidade social, está a implantar unha política de persoal agresiva nas empresas auxiliares. O persoal de Coinsa (con comité da CIG) ou Softgal (con comité de CCOO) é maioritariamente fixo, cunha antigüidade de ata 15 anos na empresa, e ten reguladas as súas condicións laborais polo Convenio de Oficinas e Despachos de A Coruña. No último ano, os despidos en Softgal, ou a suspensión de contratos en Coinsa, están á orde do día. Caixa Galicia trata de substituír postos de traballo fixos e con dereitos por contratos temporais, aplicando convenios estatais como o de Telemárketing ou o de Planificación. Dende a CIG denuncian que a empresa está derivando traballo cara a outras empresas de nova creación con menores custes salariais e fiscais. Para o sindicato nacionalista hai unha clara responsabilidade social, empresarial e laboral por parte de Caixa Galicia na situación de Coinsa, xa que á parte de ser a accionista maioritaria e polo tanto responsable da dirección e xestión da mesma, Coinsa depende en exclusividade da carga de traballo facilitada pola caixa de aforros. Ante esta situación, a CIG convocou diversas asembleas de traballadores/as en Coinsa e considera o mes de maio como crítico. Se a empresa non garante a carga de traballo e non hai un compromiso claro de mantemento do emprego, a conflictividade está servida. | ||||
Readmitida a candidata da CIG en Eurovendex | ||||
BS | ||||
| O Xulgado do Social número 1 de A Coruña vén de fallar sentencia na que declara nulo o despido dunha traballadora da empresa Eurovendex. Os feitos remóntanse ao 27 de outubro do pasado ano cando a CIG presentou preaviso de eleccións sindicais e o día 30 do mesmo mes foi despedida a candidata da CIG, Begoña Castro. Posteriormente celebráronse as eleccións sindicais sen a participación da traballadora despedida, sendo elixida con só tres votos a candidata de UGT. Un laudo arbitral estimou a impugnación das eleccións formulada pola CIG e agora a Sentencia do Social obriga á readmisión da traballadora e a celebración de novas eleccións. A propia sentencia recolle que hai feitos acreditados suficientes para xerar unha sospeita de discriminación, xa que a candidata de UGT era a xefa da Delegación e declarou no xuízo que non tiña intención previa de presentarse ás eleccións. | ||||
| Edita: Federación de Banca, Aforro, Seguros e Oficinas da CIG (Confederación Intersindical Galega). Enderezo: Rúa Gregorio Espino, 47 entrechán. 36205-Vigo (Galiza). Tel: 986 827931-32, 986 262689. Fax: 986 262844. e-mail: cigbancanac1@terra.es. Internet: http://www.galizacig.com. Comisión de propaganda: Pablo Carreira Leis, Clodomiro Montero Martínez, Sefi Romero Álvarez. Maquetación e deseño: Departamento de Propaganda da CIG. Imprime: Bauprés Editores. | ||||
ÚLTIMA REVISIÓN: 10/05/2004 |