| Balance sindical / Voceiro da Federación de Banca, Aforro, Seguros e Oficinas Nº 13 - xullo 2004 | ||||
| O persoal dixo non á precariedade | ||||
Seguimento masivo da folga de telemárketing en Galiza O persoal dixo non á precariedade | ||||
BS | ||||
Falar de telemárketing é falar de precariedade en estado puro. Segundo a patronal un 82% do persoal ten contratos temporais e un 63% destes contratos son a tempo parcial; a rotación é dun 40%, o que quere dicir que en dous anos os cadros de persoal cambian totalmente. O salario medio dos traballadores/as sitúase nos 11.000 euros ao ano. A este abuso na contratación temporal habería que engadir a excesiva carga de traballo e un estilo de dirección dos recursos humanos baseado no acoso moral no traballo ou “mobbing”. O perfil medio dos empregados/as sería unha muller menor de trinta anos con carreira universitaria; a explotación laboral, as máis das veces, ten cara de muller. Son a voz das empresas, e por unha vez foron quen alzaron a súa propia voz para reivindicar un convenio digno. Son as persoas que están ao outro lado do teléfono cando chamamos aos servicios de banca telefónica dos bancos e caixas, cando chamamos a unha aseguradora telefónica ou cando recorremos aos servicios de atención ao cliente da maior parte das empresas que cotizan en bolsa, dende Telefónica a Endesa pasando por Repsol, Planeta ou Fenosa. Non é de estrañar que moitas das persoas participantes nas mobilizacións tiveran contratos temporais. O telemárketing é un exemplo do mundo laboral do futuro, pero as contas non lle saen a patronal. | ||||
Caixanova pasa a ser unha entidade privada | ||||
BS | ||||
| O pasado día 13 de maio celebrouse a Asemblea Xeral de Caixanova, aprobándose a adaptación dos estatutos da entidade á recentemente modificada Lei de Caixas de Aforros aprobada polo Parlamento Galego. A dirección da empresa tamén propuxo o cambio de denominación da mesma. Ata o momento, a caixa definíase nos estatutos como “Entidade financeira benéfico-social”; a partir de agora definirase como “Institución financeira privada de natureza fundacional con caracter benéfico-social”. Na votación desta proposta rachouse a histórica unanimidade ao votar en contra representantes de persoal da CIG e UGT, así como un representante do BNG polo Concello de Vigo; houbo tamén 5 compromisarios que se abstiveron neste punto. A CIG solicitou do grupo parlamentar do BNG que presente unha pregunta na Comisión de Economía do Parlamento Galego sobre a posición da Xunta ao respecto e sobre o alcance desta declaración da Caixa de Aforros como entidade privada. | ||||
Representantes sindicais da CIG en Caixa Galicia mobilízanse contra a temporalidade | ||||
BS | ||||
Ao longo dos últimos anos Caixa Galicia abusou da contratación temporal. A chegada dunha nova equipa ao departamento de persoal supuxo a posta en marcha dunha política de emprego agresiva e unha aposta pola contratación en precario. O incremento da temporalidade foi en detrimento do emprego fixo e o exceso na mesma deu, non poucas veces, en fraude na contratación. Hoxe, postos de traballo fixos son cubertos con contratos temporais. Xa anteriormente fora denunciada a utilización fraudulenta dos bolseiros, chegando posteriormente a un acordo coa Inspección de Traballo. Tamén se denunciaron noutras ocasións contratos de posta a disposición en fraude de lei. Ante esta situación, medio cento de representantes sindicais da CIG concentráronse o pasado 25 de maio diante da Oficina Principal de Caixa Galicia en Ourense, no inicio dun proceso de mobilizacións co fin de denunciar o abuso na temporalidade por parte da Caixa Galicia. Na concentración, traballadores e traballadoras denunciaron que en ningún caso Caixa Galicia debe antepoñer o afán de lucro e a reducción de custes sobre as súas responsabilidades sociais e o cumprimento da lexislación laboral. Anunciáronse novas mobilizacións no caso de que a entidade non modifique a súa política de contratación apostando polo emprego fixo e regularizando a situación dos traballadores/as temporais. | ||||
A sección sindical da CIG en Banesto mobilízase para esixir o cumprimento da xornada establecida | ||||
BS | ||||
Con esta concentración, e despois de varias denuncias na Inspección de Traballo, a CIG inicia un proceso de mobilizacións contra as horas extras ilegais (non cobradas, non cotizadas a Seguridade Social e máis alá do límite legal). Segundo estimacións da Sección Sindical, a extensión ilegal da xornada que realiza a cotío persoal da entidade, sen distinción de categoría ou antigüidade na empresa, supón a destrucción de 284 postos de traballo netos na Galiza. Xa foron inspeccionadas varias das oficinas denunciadas e a Inspección de Traballo citou á empresa. Están previstas novas concentracións polas tardes, rotatorias por tódalas vilas e cidades galegas. | ||||
As centrais sindicais valoran nun 90% o seguimento da folga Mobilizacións e folga por un convenio xusto | ||||
BS | ||||
A presencia da CIG no sector de telemárketing, que dá emprego a perto de 3.000 persoas no país, serviu de revulsivo para que a folga na Galiza fora un éxito, sendo equiparábel no seguimento ao resto do Estado, nomeadamente na cidade de A Coruña na que están as maiores empresas do sector na Galiza. A participación na manifestación que tivo lugar o día nove en A Coruña, unha das sete convocadas en todo o estado, foi moi significativa. A mobilización, que percorreu o centro da cidade, deu comezo as 11 horas dende a empresa Eurocen na rúa Comandante Fontanes e rematou cunha concentración de media hora diante da empresa Atento na rúa Xoán Florez. Estaba encabezada por unha pancarta co lema “Por un convenio xusto non a precariedade laboral”. Durante o percorrido as persoas participantes corearon diversas consignas entre as que destacaron “Se non nos pagas nada, colle ti as chamadas”, “Basta xa de precariedade” ou “Convenio digno para o telemárketing”. A CIG estivo presente cunha nutrida representación de afiliados e afiliadas e representantes sindicais, destacando tamén a presencia de numerosas persoas traballadoras de telemárketing con contrato temporal que non dubidaron en respostar á convocatoria sindical. Agora a pelota está situada no tellado da patronal que debe retomar as negociacións con novas propostas que recollan as demandas dos traballadores/as. Os sindicatos teñen prevista unha xuntanza para analizar as posibles novas medidas de presión se a patronal non se avén a razóns. | ||||
| A precariedade laboral mata | ||||
BS | ||||
Máis de 1.200 representantes sindicais de toda Galiza concentráronse o 2 de xuño diante do Pazo de Congresos en Santiago, lugar no que estaba a desenvolverse o 3º Congreso Internacional de Prevención de Riscos Laborais, para amosar descontento con este evento que analiza os accidentes e baixas laborais tan só baixo criterios técnicos, sen atallar as causas. Para a CIG existe unha relación clara entre sinistrabilidade laboral e precariedade (eventualidade, falta de contratos, xornadas excesivas...). Segundo varios estudios, o persoal temporal ten o 60% máis de posibilidades de sufrrir un accidente laboral que o fixo. Posteriormente tivo lugar unha manifestación que partiu ás 12 horas dende a Alameda rematando na Praza de Praterías, na que o secretario xeral da CIG, Xesús Seixo, dirixiuse ás persoas alí concentradas. Seixo destacou que “a precariedade laboral non é un problema conxuntural, obedece a un modelo económico; estamos ante unha loita difícil e as solucións non nos van vir dadas por iniciativa do poder; temos que confiar nas nosas propias forzas, seguir organizándonos, continuar mobilizándonos para arrincarlle ás empresas e aos gobernos medidas que nos permitan rebaixar a precariedade laboral existente”. Esta mobilización forma parte da campaña contra a precariedade que a CIG está a desenvolver este ano, ante as altas taxas de paro e temporalidade do mercado laboral galego. | ||||
Cotizar polo salario real, o adeus aos complementos de pensións nas Caixas | ||||
BS | ||||
| A proposta do PSOE para reformar a Seguridade Social podería deixar sen este complemento a traballadores e traballadoras das caixas anteriores ó ano 1986. A proposta anunciada polo goberno de reformar a Seguridade Social para que se chegue a cotizar polo salario real, podería deixar sen complemento de pensións aos empregados e empregadas das caixas de aforro, que teñan antigüidade anterior ao ano 1986 e que manteñan o seu plano de pensións en prestación definida, segundo o disposto no Convenio Colectivo. A nova reforma que o goberno do PSOE pretende aprobar nesta lexislatura tería un efecto negativo no sector derivado da redacción do artigo 70.1, introducido no convenio estatal asinado no ano 1986 por CCOO e por CSIF (antigo CSICA). O complemento de pensións a percibir polo persoal destas entidades calcúlase, segundo o establecido no devandito artigo, restando do salario pensionable a media das bases cotizadas á Seguridade Social nos vintecatro últimos meses antes da xubilación. Se as bases de cotización se equiparan ao salario real, a diferencia sería negativa e polo tanto non habería complemento. Xa a anterior reforma da Lei da Seguridade Social pola que se incrementaron as cotizacións do persoal administrativo e directivo, levou á aparición dun colectivo con complemento cero e a unha sensible diminución dos complementos para o resto do persoal, acadando nalgún caso os 3.000 euros de perda ao ano. O incremento das bases de cotización, é dicir, que o persoal cotice máis, non implica que as prestacións públicas por xubilación incrementen a súa contía, xa que outra das reformas propostas sería ter en conta as cotizacións de toda a vida laboral en lugar dos últimos quince anos. Non se vería afectado pola nova reforma o persoal que se adherise a sistemas de aportación definida que modifican o convenio. Este sería o caso dos traballadores/as de Caixa Galicia que decidiron cambiar de plano de pensións; no caso do persoal de Caixanova, cobrarían o complemento mínimo garantido establecido no último acordo, polo que se exteriorizou o fondo interno de Caixa Ourense e polo que se reformaron os planos de pensións de Caixa Vigo e Caixa Pontevedra. | ||||
O SCH retoma as prexubilacións | ||||
BS | ||||
| O pasado sete de xuño a empresa comprometeuse coa representación social a retomar o Acordo de Prexubilacións. O persoal despedido non será readmitido. Os sindicatos con presencia no Grupo SCH, agás o FITC, puxeron en marcha ao longo dos últimos meses un proceso de mobilizacións para denunciar a utilización de despedimentos dentro do proceso de reestructuración da entidade. Entre as medidas postas en marcha estaba a recollida de delegación de voto entre o persoal para denunciar os feitos na Xunta de Accionistas do SCH. Unha vez coñecida a intención sindical de intervir na Xunta, a Dirección vén de renovar o Acordo de Prexubilacións asinado en xullo de 2003, polo que se comprometía a non facer uso de medidas traumáticas no proceso de reconversión. Está en marcha un plano de prexubilacións ao que poderán acollerse en principio 600 persoas, cifra que podería aumentar se o Banco de España autoriza o cargo contra reservas. A CIG, que participou no proceso de mobilizacións, valorou positivamente que a empresa retome as negociacións do acordo, malia que critica que non se contemple a readmisión para o persoal despedido ata este momento. | ||||
Gañado o conflicto colectivo do Banco Gallego | ||||
BS | ||||
| A Sala do Social da Audiencia Nacional vén de dar a razón aos sindicatos CIG, CCOO e UGT no conflicto colectivo interposto por estes contra o Banco Gallego, ante a negativa da empresa a abonar varios complementos salariais coa revalorización correspondente, segundo o pactado no ano 1997 no “Acordo de Melloras Sociais Extraconvenio”. Malia ós intentos sindicais para acadar unha solución negociada, a empresa mantivo a súa postura, interpretando o acordo de xeito parcial e interesado. A sentencia estima a demanda sindical e declara o dereito do persoal afectado a que se lle abone coas subas respectivas o Complemento familiar por cesta do Nadal e a Axuda de estudios. A empresa non presentou recurso, polo que deberá proceder ao abono destes complementos como defendían os sindicatos. | ||||
A Xunta de Galiza non apoia a normalización do galego no sector financeiro | ||||
BS | ||||
| A Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galiza non respondeu á petición da Plataforma pola Galeguización de Bancos e Caixas para colaborar na campaña pola normalización do galego no sector financeiro. Con este silencio administrativo a Xunta de Galiza inhíbese da súa obriga de traballar pola normalización lingüística. A defensa do idioma e da cultura son a primeira obriga das institucións galegas segundo o disposto no Estatuto de Autonomía de Galiza. Chama a atención que no propio Estatuto as Caixas de Aforro son competencia exclusiva do Goberno galego, polo que resulta máis grave que estas entidades sexan as que teñan avanzado menos na normalización. | ||||
| Edita: Federación de Banca, Aforro, Seguros e Oficinas da CIG (Confederación Intersindical Galega). Enderezo: Rúa Gregorio Espino, 47 entrechán. 36205-Vigo (Galiza). Tel: 986 827931-32, 986 262689. Fax: 986 262844. e-mail: cigbancanac1@terra.es. Internet: http://www.galizacig.com. Comisión de propaganda: Pablo Carreira Leis, Clodomiro Montero Martínez, Sefi Romero Álvarez. Maquetación e deseño: Departamento de Propaganda da CIG. Edición electrónica: Fernando Pol. | ||||
ÚLTIMA REVISIÓN: 29/06/2004 |