| Balance sindical / Voceiro da Federación de Banca, Aforro, Seguros e Oficinas Nº 14 - decembro 2004 |
||||
| Nova folga pola estabilidade no emprego en Telemárketing
|
||||
Convocada a nivel estatal, para os días 7, 23 e 30 de decembro Nova folga pola estabilidade no emprego en Telemárketing |
||||
|
BS |
||||
|
contra a precariedade e polo emprego estable. Os sindicatos fan un chamamento á participación masiva tanto na folga como nas concentracións e manifestacións conxuntas. Nin subrogación nin eliminación da temporalidade. O día 2 de decembro a patronal de Telemárketing fixo unha proposta económica que foi rexeitada de xeito unánime por toda a representación sindical. A Asociación de Empresas de Telemárketing (AEMT) puxo como requirimento para chegar a un acordo que a folga fose desconvocada. A súa proposta de convenio para 3 anos entra nos apartados económicos, mais non na subrogación e na política de contratación. A suba salarial ofertada para este ano sería do IPC real con cláusula de revisión, para o 2005 do IPC+1% e para o 2006 do IPC+1,25%. A xornada reduciríase no 2005 nun día de asuntos propios non recuperábel, manténdose os 2 días recuperábeis xa existentes. No 2006 manterían os 2 días de asuntos propios actuais pero como non recuperábeis. Ante este escenario CIG, CGT, UGT e CCOO convocaron unha folga estatal para os días 7, 23 e 30 de decembro. A primeira xornada de folga tivo, como a de xuño, un amplo seguimento. Para o día 23, están previstas concentracións en Vigo e A Coruña. En A Coruña tamén está convocada unha manifestación o día 30 ás 12 da mañá. |
||||
A CIG rexeita asinar o Convenio de Seguros |
||||
|
BS |
||||
|
Como xa ben sendo tradición, CCOO e UGT foron os únicos asinantes dun Convenio estatal que foi rexeitado polo resto da representación sindical, esta vez no sector de Seguros. Este novo Convenio, que foi cualificado como superficial pola CIG, terá unha vixencia de 4 anos e asinouse nun momento de incerteza nas Mutuas pola posible modificación prevista polo Goberno do PSOE para estas empresas. A suba salarial durante os anos de vixencia será igual ao IPC e dado que o custe da vida supera habitualmente o IPC, na práctica serán 4 anos de perda salarial. Tampouco se reduce a xornada laboral malia as peticións sindicais, só se pacta a libranza dos venres polo serán aínda que sen prexuízo do establecido na xornada laboral. O que si se tipifica como falta grave é o “abuso dos medios electrónicos ou ferramentas tecnolóxicas da empresa”, pero non regulan o que se entende como abuso, creando polo tanto unha ferramenta sancionadora ao servizo das direccións. |
||||
O persoal da Banca non percibirá atrasos e rematará o ano 2004 cunha nova perda salarial |
||||
|
BS |
||||
|
O persoal de Banca non percibirá atrasos pola diferenza entre o IPC previsto e o IPC real; deste xeito, e de continuar a tendencia actual da suba dos prezos, a perda de poder adquisitivo situaríase en torno ao 1% no ano 2004. Coa aplicación do anterior convenio houbo catro anos de perda de poder adquisitivo. No Convenio Colectivo de Banca 2003-2004 incluíase o que CCOO e UGT denominaron “cláusula de revisión atenuada”, pola que se actualizarían as táboas salariais pero non se percibirían atrasos. A sinatura deste convenio puxo fin a un proceso de mobilizacións sen precedentes dende os anos oitenta, falándose incluso dunha posible Folga no sector. Caben lembrar as asembleas de traballadores e traballadoras e as manifestacións nacionais convocadas pola CIG ao longo do proceso. A primeira tivera lugar en Santiago de Compostela, a seguinte en Pontevedra e a última en Ourense, desconvocándose as previstas debido á sinatura do convenio. Nestas mobilizacións, das que se deu conta en anteriores números de Balance Sindical, participaron centos de empregados e empregadas. No ano 2005, abrirase o proceso de negociación do novo Convenio. Neste senso a Confederación Intersindical Galega, primeira forza sindical do sector na Galiza e integrante da Comisión Negociadora, está a preparar xa a Plataforma reivindicativa, na que sen dúbida voltará reclamar a recuperación do poder adquisitivo, a libranza dos sábados, a creación dun complemento de pensións para o persoal posterior ao ano 80 e a creación dun catálogo de postos que regule as categorías mínimas de todo o persoal apoderado. |
||||
Conflitiva aplicación do Convenio de Aforro |
||||
|
BS |
||||
|
CIG e ACARL (patronal que aglutina ás Caixas de Aforros de todo o Estado) manteñen un litixio aberto pola interpretación do Convenio no referido á carreira profesional para os actuais Auxiliares Administrativos e Oficiais Segunda. No ano 2002, a CIG puxo en marcha unha campaña de denuncia ante a falta dunha carreira profesional nas Caixas de Aforros; sucedéronse así as denuncias de traballadores/as nos xulgados e as mobilizacións. Finalmente, no convenio 2004-2006 creouse unha carreira profesional que foi cualificada como incompleta, xa que non se chegaba ata Oficial 1ª e practicamente desaparece a antigüidade para o persoal de nova incorporación. Para as persoas que actualmente teñen a categoría de Auxiliar ou Oficial 2ª, estableceuse nas disposicións adicionais a súa integración na nova carreira; en definitiva ascenden de nivel salarial séndolle absorbidos ata 4 trienios. É na absorción de trienios onde a CIG e as empresas non se poñen de acordo. O Convenio establece que se absorberán os trienios “xerados no seu día” e sempre os máis antigos. As empresas decidiron absorber os trienios antigos actualizados, mentres que a central sindical defende que deben absorberse os trienios polo valor económico que tiñan no ano que se cumpriron. A diferenza pode chegar ata os 48,77 euros por paga no caso dos Oficiais 2ª, e aos 46,38 euros por paga no caso dos Auxiliares. Ante esta situación, a CIG solicitou da Comisión Mixta Interpretativa do Convenio, integrada polos sindicatos asinantes (CCOO, UGT e CSICA) e pola patronal ACARL, que estableza cal é ao seu entender a interpretación correcta do artigo. Dende a CIG xa se anunciou que, en todo caso, se está preparando un posible Conflito Colectivo.
O único acordo de mellora da transposición e que senta un precedente, foi o negociado pola CIG na Caixa Galicia de Ourense, beneficiando a un grupo de Oficiais Segunda procedentes da Caixa Rural Provincial, que ascenderon a Oficial Primeira. A fusión no ano 1988 destas dúas entidades truncou a carreira profesional deste colectivo, nalgún caso cando faltaba só un ano para o ascenso de categoría. Quince anos despois, a negociación aberta entre a CIG e Recursos Humanos de Caixa Galicia permitiu que, o pasado mes de novembro, estes traballadores ascenderan ata Nivel VII (antigo oficial 1ª), séndolles absorbidos 2 trienios como establece o convenio colectivo estatal. |
||||
Forte contestación da Sección Sindical da CIG Banco Pastor: presión comercial ou desregulación laboral e acoso moral |
||||
|
BS |
||||
|
Ribeira, Viveiro, O Carballiño, Vilagarcía, Carballo e Monforte, foron o escenario das mobilizacións convocadas ata agora pola Sección Sindical da CIG no Banco Pastor como contestación ás ameazas, ao acoso moral e aos incumprimentos da lexislación laboral en materia de traslados, xornada, retribucións económicas e mobilidade funcional. A ameaza do despedimento e o medo ao desemprego, contribúen a que a arrogancia e o cinismo se convertan en métodos de dirección como no Pastor. Nas súas actuacións a Dirección arremete contra os traballadores/as individualmente, tratando de illalas. As ameazas, broncas e descualificacións que sofre o persoal acotío en presenza doutros compañeiros/as e incluso do público son características dos procesos de acoso moral, e teñen como fin minar a autoestima e polo tanto a resistencia do persoal. Esta tensión laboral ten un custe negativo tamén para a empresa, malia que debido a súa incompetencia non son capaces de calibrar. Por outra banda, aumentan os custes debido ao absentismo: no Banco Pastor non son raras as altas cotas de baixas por estrés, ansiedade, depresión ou, incluso, un importante e crecente número de enfermidades cardiovasculares (anxinas de peito ou infartos). Nun corpo a corpo coa xerarquía do Banco un traballador ou traballadora soa sempre ten as de perder. Por iso a CIG está a dar unha resposta colectiva coa convocatoria dunha xeira de mobilizacións fronte a esta política laboral. |
||||
| A Sección Sindical da CIG en Banesto segue coas mobilizacións na loita contra as horas extras ilegais |
||||
|
BS |
||||
|
Aparte das denuncias, a Sección Sindical da CIG continúa coas mobilizacións polo serán contra a extensión ilegal da xornada laboral e polo cumprimento do horario laboral. Nos últimos meses houbo concentracións diante da oficina de A Estrada, en outubro, en Lugo, no mes de novembro, e en Carballo, no mes de decembro. Nesta entidade, o 80% do persoal declara realizar horas extras ilegais e o fraude chegaría ás 240.000 h/ano na Galiza. A CIG lembra que a loita contra a extensión da xornada debe ser constante e critica ás centrais sindicais que só se lembran desta lacra nas eleccións ou durante a negociación colectiva. |
||||
O Santander Central Hispano abrirá novas oficinas con horario flexible |
||||
|
BS |
||||
|
CCOO, UGT, FICT e AMI asinaron un acordo para a apertura de “Oficinas Punto” en centros comerciais e grandes superficies con horario flexible para o persoal. Ao longo dos meses de outubro e novembro a representación sindical e a Dirección de Recursos Humanos do SCH estiveron a negociar un acordo para a apertura das coñecidas como Oficinas Punto. O pasado día 1 de decembro celebrouse a última reunión na que foi asinado o devandito acordo. No texto recóllese que o persoal apoderado terá horario flexible e a CIG rexeitouno, toda vez que se entende que esta desregulación da xornada laboral transcende en termos negativos o xa de por si precario Convenio Colectivo da Banca. Dende a Sección Sindical denuncian asemade que, coa dotación prevista, ao non estar reguladas as substitucións por vacacións, superarase na práctica a xornada de Convenio. Tamén resulta insuficiente o nivel profesional dos traballadores e traballadoras, así como que semella excesivo o tempo mínimo previsto de permanencia nestas oficinas que será de 3 anos. Tampouco ten en conta as demandas unánimes de toda a parte sindical de estipular un plus de transporte e axuda alimentaria, ademais de que non hai garantía de que a empresa non vaia a usar persoal de empresas de traballo temporal para cubrir indefinidamente estes postos. Non se entende que CCOO e UGT no anterior convenio lanzaran unha campaña contra a extensión ilegal da xornada laboral, e agora pacten nesta empresa un acordo que sacraliza o horario flexible. Máxime cando o sector de Banca terá que afrontar a negociación do seu convenio o vindeiro ano 2005. É pronto para saber se este acordo constitúe un caso illado, ou se estamos ante un cambio na posición dos sindicatos estatais fronte á flexibilidade laboral e a extensión da xornada. |
||||
Solidariedade contra os despedimentos en Office Depott |
||||
|
BS |
||||
|
81 traballadores e traballadoras de Telemárketing, das 90 con que conta o cadro de persoal do “call-center” de Office Depott en Ourense, asinaron un escrito dirixido á Dirección da empresa no que solicitan a readmisión dunha compañeira despedida. No documento denuncian que nos últimos meses houbo moitas persoas que deixaron a empresa; unhas por supostas baixas voluntarias (nalgúns casos precedidas de longas baixas por depresión) e outras por despedimentos puros. As persoas asinantes afirman que son as primeiras interesadas na boa marcha da empresa e reclaman un bo clima laboral e diálogo. Xa que a Dirección alega erros por parte da traballadora, din textualmente: “Pensamos que se alguén comete un erro, temos dereito a ser avisados para poder rectificar. Non queremos pensar que Office Depott é desa clase de empresas que deixan que os erros se acumulen para poder sancionar”. Por parte da CIG, sindicato ao que está afiliada a despedida e que ten a maioría no comité de empresa, vense de abrir unha negociación coa Dirección de Persoal encamiñada a conseguir a readmisión desta empregada ao seu posto de traballo. Por outra banda, a asesoría xurídica prepara a demanda polo despedimento. Na última xuntanza, a empresa accedeu a estudar a solicitude de readmisión e a revisar o expediente aberto, xa que a versión dos feitos exposta polos delegados da CIG non coincide coa que ten a Dirección. Se a empresa non confirma a readmisión, non se desbota convocar medidas de presión ante un despedimento inxustificado e inxusto. |
||||
Acordo para o uso das novas tecnoloxías no Banco Gallego |
||||
|
BS |
||||
|
Grazas ao recente acordo entre a Dirección do Banco Gallego e as Seccións Sindicais, o dereito do persoal a recibir información sindical no posto de traballo garantirase tamén on-line, sendo a primeira entidade galega que regula este asunto en Galiza. A Sección Sindical da Confederación Intersindical Galega xa puxo en marcha na intranet do banco un espazo propio de información, que está a dar os primeiros pasos e que polo momento está a ter moi boa acollida entre o persoal. Os últimos comunicados xa están dispoñibles e está previsto ampliar os contidos cos textos dos acordos laborais. Por outra banda, a principios do ano 2005, está previsto que entre en funcionamento a nova páxina web da Federación de Banca e Aforro da CIG. |
||||
Coinsa recupera a normalidade |
||||
|
BS |
||||
|
No mes de maio, no Balance Sindical nº 12, dábase conta do conflito laboral en Coinsa, empresa pertencente ao Grupo Caixa Galicia, radicada no Polígono de Pocomaco en A Coruña e que tiña un cadro de persoal de 56 persoas. A falta de carga de traballo, xustificou daquela a suspensión de contratos e a recolocación temporal do persoal afectado en outras empresas. O comité de empresa é íntegro da CIG e naquel momento abriuse un proceso de negociacións no que participaron o secretario nacional da Federación de Banca da CIG, Clodomiro Montero e o secretario da Sección Sindical da CIG en Caixa Galicia, Chema Montero. Ao remate dese proceso acadouse un compromiso de incrementar o traballo procedente de Caixa Galicia. A nova carga de traballo está a permitir que Coinsa recupere a normalidade, estando prevista a reincorporación das traballadoras para o vindeiro mes de xaneiro. |
||||
|
|
||||
| Edita: Federación de Banca, Aforro, Seguros e Oficinas da CIG (Confederación Intersindical Galega). Enderezo: Rúa Gregorio Espino, 47 entrechán. 36205-Vigo (Galiza). Tel: 986 827931-32, 986 262689. Fax: 986 262844. e-mail: banca@galizacig.net. Internet: http://www.galizacig.com. Comisión de propaganda: Pablo Carreira Leis, Clodomiro Montero Martínez, Sefi Romero Álvarez. Maquetación e deseño: Departamento de Propaganda da CIG. Edición electrónica: Fernando Pol. | ||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 20/12/2004 |