| Balance sindical / Voceiro da Federación
de Banca, Aforro, Seguros e Oficinas Nº 18 - abril 2006 |
||||
| O sistema de organización do traballo
no sector financeiro dexenera en acoso moral
|
||||
Todo vale na Banca para conseguir os obxectivos comerciais O sistema de organización do traballo no sector financeiro dexenera en acoso moral |
||||
|
BS |
||||
|
Que se poña en dúbida publicamente a profesionalidade dun traballador ou dunha traballadora, que un xefe berre en público, e habitualmente, aos seus subordinados e subordinadas, que se establezan controis a cada hora sobre o traballo realizado poñendo en cuestión a honradez do persoal, non é normal. Por moito que estas imaxes sexan algo cotián, estamos ante casos claros de acoso moral; o persoal é vítima do que se coñece como “xefaturas nocivas”. En aras da rendibilidade, as empresas nomean para postos de dirección a persoas que cumpran un único requisito: non ter escrúpulos á hora de pasar por riba dos dereitos e da dignidade dos traballadores e traballadoras. O sistema de organización xerárquico e a presión comercial son o caldo de cultivo idóneo para que se institucionalice o acoso moral como modelo organizativo. Os convenios colectivos de ámbito estatal (que CCOO e UGT tanto gustan de asinar) non regulan medidas de control para evitar a institucionalización do acoso moral. As medidas pactadas sobre conciliación de vida laboral e familiar son insuficientes para atallar o problema. Só queda un camiño, a denuncia pública e xudicial das “xefaturas nocivas”. Facerlles fronte na rúa, fóra das empresas. |
||||
O persoal do Banco Gallego dixo non ás tardes |
||||
|
BS |
||||
|
O persoal do Banco Gallego seguiu maioritariamente o chamamento sindical para non asistir aos cursos de formación convocados polo serán fóra da xornada laboral. A resposta da Dirección foi desconvocar todos os cursos previstos. Esta non foi a única resposta do persoal: o 21 de marzo, 108 traballadores e traballadoras, dos que 77 son apoderados/as, participaron nunha asemblea nacional convocada polos sindicatos. Nesta asemblea tomáronse varios acordos por votación maioritaria: non participar en cursos ou reunións de traballo se son convocadas polas tardes e, se o banco non cambia de actitude, renuncia masiva de poderes (ante notario e con presenza dos medios de comunicación). Por último, apoio unánime á mobilización convocada polos sindicatos diante da Xunta de Accionistas do banco o día 31 de marzo en Compostela. |
||||
O persoal administrativo poderá ascender ata o Nivel VI Caixa Galicia pacta un novo sistema retributivo |
||||
|
BS |
||||
|
Ata 7.000 euros máis ao ano por riba do salario de convenio pode chegar a gañar o persoal administrativo de Caixa Galicia co novo Sistema Retributivo pactado. Por unha parte, garántense os complementos fixos que cobra tanto o persoal apoderado como o administrativo e, por outra, páctase a súa revalorización co IPC para os vindeiros 5 anos. Créase tamén unha nova retribución variable ligada á consecución dos obxectivos comerciais das oficinas, retribución que nunha primeira fase se limitará á rede comercial. O acordo foi valorado como positivo pola Sección Sindical da CIG, xa que supón un avanzo moi importante tamén na carreira profesional. En 20 anos o persoal administrativo de Caixa Galicia poderá ascender ata Nivel VI (antigo Oficial Superior), mentres no convenio estatal este ascenso está topado en Nivel VIII (categoría entre o antigo Oficial 2ª e Oficial 1ª) aos 24 anos. En resumo, este acordo garante a revalorización dos complementos existentes, crea unha retribución variable e amplía a carreira profesional dos administrativos e administrativas. |
||||
Persoal de Caixanova reclama que a empresa recoñeza a súa antigüidade |
||||
|
BS |
||||
|
Dende a Sección Sindical da CIG en Caixanova veñen solicitando da empresa que se recoñeza, a efectos de antigüidade, os anos de servizo con contrato temporal. O recoñecemento desta antigüidade tería repercusións positivas en materia de ascensos, trienios ou incluso a efectos do Plano de Pensións, tanto para o persoal de ingreso anterior como posterior ao ano 1986. Ata o momento a Dirección de Caixanova non quixo negociar este recoñecemento alegando que dende aquela houbo un Pacto Laboral da Fusión non que non se abordou esta materia. Dende a Sección Sindical argumentan que hai recente xurisprudencia ditada polo Tribunal Supremo sobre casos semellantes noutras Caixas de Aforros que apoia esta reivindicación. Segundo algunhas fontes, a posición de Caixanova podería entrar en contradición co aprobado polas caixas no plenario da ACARL despois do fallo do Tribunal Supremo desfavorable ás súas teses. As empresas terían apostado pola negociación para evitar novas sentenzas xudiciais. Polo de pronto hai un grupo de traballadores e traballadoras de Caixanova disposto a recurrir a Maxistratura, polo que as asesorías xurídicas da CIG estudan cal sería a fórmula de presentación deste conflito. Caixanova semella disposta a abrir a “Caixa de Pandora”, dadas as repercusións que podería ter unha nova sentenza para todo o sector. Pero non é este o único asunto xudicializado en Caixanova ante a falta de diálogo por parte da Dirección, xa que a asesoría xurídica do sindicato nacionalista en Ourense ultima tamén outras demandas. Neste caso os empregados e empregadas afectadas acusan á empresa de non respectar os salarios pensionables. |
||||
Elixidas tres delegadas da CIG nas eleccións sindicais do “112” |
||||
|
BS |
||||
|
O persoal da empresa de Telemárketing establecida en Compostela que dá servizo ao teléfono de atención de emerxencias, coñecido como “112”, celebrou por primeira vez unhas eleccións sindicais. Nestas eleccións correspondía elixir 3 representantes, xa que o número de traballadores e traballadoras é de 47 persoas. As eleccións celebráronse o pasado 24 de xaneiro e malia ser candidatura única, tal e como decidiu o persoal nas asembleas celebradas con anterioridade, a participación nas votacións foi numerosa, e as delegadas da CIG saíron elixidas por 37 votos, faltando varias persoas por estar de vacacións. Coa celebración destas eleccións, amplíase a representación do sindicalismo nacionalista e de clase no sector do Telemárketing en Galiza. |
||||
| Debate intenso dentro dunha gran camaradería Celebrado o IV Congreso da Federación de Banca baixo o lema “30 anos, seguimos na loita” |
||||
|
BS |
||||
|
O Congreso da Federación de Banca, Aforro, Seguros e Oficinas da CIG, contou coa participación de máis de 100 congresistas en representación da afiliación de todas as comarcas. Estaba inicialmente previsto para o mes de decembro, pero finalmente celebrouse este ano 2006 para facelo coincidir coa fundación da UTBG, o primeiro sindicato nacionalista e de clase do sector financeiro en Galiza, xermolo do que hoxe é a CIG, creado no ano 1976 despois de 40 anos de prohibición e represión sindical. O IV Congreso de Banca desenvolveuse nun só día cun horario que abranguía dende as 9,30 da mañá ata as 19,00 horas. Na sesión da mañá e despois de aprobar por unanimidade o Regulamento congresual, o secretario nacional, Clodomiro Montero, presentou o Informe de xestión da Executiva e Secretariado Nacional saíntes, que foi aprobado por 107 votos a favor. No informe salientábase o importante medre en afiliación e o resultado nas eleccións sindicais nas que a CIG quedou como Primeira Forza no sector financeiro galego. A continuación presentouse o Relatorio de Organización e Estatutos e debatéronse as enmendas presentadas, sendo aprobado o novo modelo organizativo sen ningún voto en contra nin abstencións. Xa polo serán afrontouse o debate do Relatorio de Acción Sindical no que se marcan as liñas a seguir pola Federación para os vindeiros catro anos, relatorio que unha vez máis foi aprobado co voto unánime das persoas asistentes. Ao Congreso asistiron numerosas persoas convidadas, tanto de organización externas como da propia Central Sindical, entre as que estivo o secretario xeral da CIG, Suso Seixo. Dos sindicatos de outras nazóns estiveron ELA e LAB de Euskalherria, Intersindical CSC de Catalunya e STEC e a Comissao de Trabalhadores do BBVA, ambas organizacións de Portugal. A reelección de Clodomiro Montero Martínez, traballador de Caixa Galicia en Ourense, como secretario nacional da Federación foi referendada por 97 votos a favor e 2 en branco. Na súa intervención ante o Congreso na defensa do Relatorio de Acción Sindical, Clodomiro Montero insistiu na necesidade de facer fronte á precariedade como eixe fundamental do traballo sindical nas empresas que engloba a Federación, así como tamén na atención prioritaria aos sectores emerxentes como o Telemárketing e no apoio á campaña en defensa da lingua galega. Un dos cambios organizativos máis salientables é a redución da Executiva de 7 a 5 persoas, cambio aprobado neste Congreso que ten como fin consolidar a Executiva como un organismo de traballo e xestión. A Executiva Nacional, ademais do Secretario Nacional, está integrada por Sefi Romero, traballadora da CIG Banca en Vigo, Serafín Otero, de Banesto en Vigo, Chema Montero, de Caixa Galicia en Ferrol, e Pilar Cebreiro, do Banco Pastor en A Coruña. A nova Executiva foi elixida por 97 votos a favor e 2 en branco. En base ao número de afiliados e afiliadas da Federación, correspóndenlle a esta 3 representantes no Consello Confederal da CIG, máximo órgano entre Congresos a nivel Confederal. Tamén neste apartado, ao igual que nos anteriores, houbo unha única candidatura integrada polo secretario nacional, Clodomiro Montero, o tamén integrante da Executiva, Serafín Otero, xunto con Moncho Losada, traballador prexubilado do SCH de Ourense. Esta candidatura tivo un aval de 95 votos a favor e 4 en branco. |
||||
A voz do persoal da Galiza escoitouse na Asemblea Xeral de Accionistas do BBVA |
||||
|
BS |
||||
|
Na Asemblea de Accionistas do BBVA celebrada o pasado 18 de marzo en Bilbao, interviu un representante da CIG, Luciano Luxilde, grazas a delegación de accións. Inicialmente criticou que mentres na orde do día figuraba o reparto de beneficios entre os membros do Consello do banco, non se contemplaba unha paga extra para todo o cadro de persoal como recoñecemento ao labor realizado na consecución deses resultados económicos. Continuou a súa intervención criticando que os distintos colectivos que conforman hoxe o BBVA seguen, seis anos despois da fusión, sen ter homologados os Beneficios Sociais. Denunciou tamén a excesiva presión que sufren os traballadores e traballadoras das oficinas que se traduce nun acoso ao persoal e na coacción para estender a súa xornada laboral de xeito habitual incumprindo a lexislación laboral. Por último acusou ao banco de venderse dando unha falsa imaxe de empresa moderna e progresista. |
||||
| Novo clima laboral no Banco Pastor |
||||
|
BS |
||||
|
O cambio do conselleiro delegado no Banco Pastor semella ter impulsado un novo clima de diálogo social na empresa. Atrás queda o longo conflito que mantivo a CIG o pasado ano. En decembro de 2005 activouse de novo o Comité de Prevención e a empresa aceptou poñer en marcha un Plano que recolle as reivindicacións da CIG. Xa no ano 2006 tivo lugar unha reunión das Seccións Sindicais co novo conselleiro delegado, na que a empresa adquiriu o compromiso de abrir un proceso de negociacións para tratar de pechar un acordo en materia de melloras económicas e sociais como xa existe na maior parte das empresas do sector financeiro. A Sección Sindical da CIG traballa arreo na Plataforma Sindical que presentará ante a empresa. |
||||
| Negóciase o Convenio de Oficinas de A Coruña |
||||
|
BS |
||||
|
O tres de marzo ficou constituida a Mesa Negociadora do Convenio de Oficinas e Despachos provincial de A Coruña. A CIG acudiu cunha plataforma propia decidida en asemblea por representantes sindicais e a afiliación do sector. Finalmente, chegouse a un acordo cos outros sindicatos para facer unha plataforma conxunta incorporando as reivindicacións da CIG que ten unha ampla representación no sector. As propostas da CIG van encamiñadas a seguir mellorando as condicións laborais. En materia de salarios solicítase unha suba do 5% para o 2006, ampliar a carreira profesional ata Oficial 1ª, e da categoría de delineante a proxectista, ampliación da xornada de verán dende o 1º de maio, e outras melloras en xubilacións ou complementos. |
||||
| Denuncian a situación laboral en Norcontrol |
||||
|
BS |
||||
|
En marzo de 2004, despois dun proceso de fusión, Norcontrol despediu a 80 persoas das cales 15 traballaban en Galiza. No ano 2005 houbo 15 despedimentos máis, nunha clara aposta pola precarización do emprego. En 2006 intégrase en Norcontrol a empresa Agbar Certificación (que tiña Comité da CIG) e, malia as ofertas de diálogo, a empresa seguiu menosprezando a representación sindical. Diante do deterioro da situación, a CIG e o Comité denunciaron na Inspección de Traballo as infraccións en materia de información, contratación, categorías profesionais e Saúde Laboral. A existencia do Comité de Empresa crea unha dinámica sindical que axuda a que o persoal se atreva a denunciar a situación precaria que padece. |
||||
|
|
||||
| Edita: Federación de Banca, Aforro, Seguros e Oficinas da CIG (Confederación Intersindical Galega). Enderezo: Rúa Gregorio Espino, 47 entrechán. 36205-Vigo (Galiza). Tel: 986 827931-32, 986 262689. Fax: 986 262844. e-mail: banca@galizacig.net. Internet: http://www.galizacig.com. Comisión de propaganda: Pablo Carreira Leis, Clodomiro Montero Martínez, Sefi Romero Álvarez. Maquetación e deseño: Departamento de Propaganda da CIG. Edición electrónica: Fernando Pol Trigo. | ||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 06/04/2006 |