| Botella ao Mar Nº 2 - setembro 2000 | |||||
| Banesto dá as costas ó acordado cos sindicatos estatais | |||||
Segue o peche de oficinas e aumenta a incerteza entre o persoal Banesto dá as costas ó acordado cos sindicatos estatais | |||||
BM | |||||
É evidente o incumprimento sobre a garantía do emprego, derivado da fusión dos bancos Santander, Central Hispano e Banesto, polo que, ou cambian moito as cousas, ou nos vindeiros meses espéranse mobilizacións e protestas por parte dos sindicatos, que ven como a súa integridade sindical perde enteiros cada día que pasa. Os acontecementos demostran que a CIG tiña razón ó non asinar o acordo de emprego. Ponse de manifesto que a dirección do BSCH pasa de Banesto xa que, ó non entrar este banco no Acordo de Fusión, o seu persoal semella de 2ª categoría, nun proceso no que o Plan de Optimización das Redes do Grupo para o ano 2000, levou xa ó peche de 100 oficinas no estado español, das que 11 están en Galicia, afectando a 20 traballadores/as. Créase así unha inestabilidade para a que a empresa alega “intercambio de negocio”. Todo pode resultar razoable ante un proceso tan complexo, pero a reivindicación sindical debe situarse á altura das circunstancias; sobre todo a posición dos sindicatos estatais, que de cotío asinan acordos descafeinados que non deixan nada atado a prol dos traballadores, senón que só benefician á empresa, e o persoal ten que apandar cos aspectos máis negativos. Queda claro que en Galiza non se está a manter o emprego, pois as últimas xubilacións e prexubilacións fan que haxa perda de postos de traballo por primeira vez dende hai 10 anos. Por outra banda, están as condicións económicas e sociais que diferencian ó persoal de Banesto do BSCH, pero iso contarémolo outro día, porque o futuro de Banesto, de seguir así, pode ser de COÑA. | |||||
A CIG contra as horas extras | |||||
BM | |||||
| Delegados da CIG da comarca de Ourense reuníronse coa Inspectora Xefe de Traballo desa provincia para denunciar o traballo nas oficinas bancarias fóra do horario laboral. Propúxoselle á Inspectora Xefe Pilar Cuervo, unha iniciativa que xa se está levando a cabo nalgúns lugares do estado español, baseada no requeremento ó centro denunciado, por parte da Inspección de Traballo mediante vía xudicial, dos disquetes de cada ordenador dos últimos cinco anos; deste xeito, ó procesar esta información, demostraríase que se realizan operacións bancarias fóra do horario laboral que rexe na banca, quedando tamén ó descuberto o enorme desfalco que se comete contra a Seguridade Social ó non cotizar os bancos e caixas eses miles de horas extras que se fan, fraude que ó final pagamos tódolos cidadáns. Esta proposta da CIG foi rexeitada pola inspectora alegando que os estamentos superiores non apoian esta acción; non obstante a CIG seguirá loitando coas armas ó seu alcance para intentar rematar con esta práctica tercermundista. | |||||
A banca reacciona diante das demandas xudiciais Algo se move nos fondos de pensións | |||||
BM | |||||
| Despois de que a CIG presentara o recurso contra o RD 1588/99 e fora admitido a trámite en data 24/12/99 pola Sala Terceira do Tribunal Supremo do Contencioso Administrativo, algo comeza a moverse neste asunto. Este recurso está baseado no dereito que asiste ós traballadores a manter o control dos Fondos de Pensións, fundamentado nas directrices da Comunidade Económica Europea, que o goberno do estado español intenta incumprir con continuas moratorias que discriminan ós traballadores da banca e privilexian á entidades financeiras. Comezan a albiscarse diversos movementos dalgúns bancos en favor de reivindicacións tan sentidas como é o control real e efectivo dos fondos, e non somente a expectativa de futuro que se contempla agora por mor da culpabilidade de banqueiros e o seu brazo executor do goberno apoiado nos socios sindicais estatais de CCOO e UGT, que pretenden retrasar aínda máis a adecuación das leis ás normativas da Comunidade Europea, como é o RD 1588/99 que permite este réxime excepcional durante quince anos máis. Deste xeito é como, ademais do pronunciamento do Consello de Estado no que se recoñece este dereito en favor dos traballadores, en datas pasadas puidemos comprobar con satisfacción como no Deutsche Bank e no Banco Zaragozano, optaron por negociar (antes de que unha previsible sentencia xudicial lles arrebate o privilexio de que disfrutan) un sistema de exteriorización dos plans de pensións e a súa xestión polos traballadores. Aínda así, mentres o Zaragozano garante una Prestación Definida para os empregados/as ingresados con anterioridade ó 8 de marzo de 1980, e a constitución dunha Aportación Definida para os ingresados a partires daquela data, non contemplada por CCOO e UGT, asinantes da supresión dos complementos de pensións, o Deutsche Bank só se compromete a establecer unha Aportación Definida para ambos casos. A CIG demanda e se posiciona a favor de acadar os logros do Banco Zaragozano, e que as entidades financeiras copien o citado modelo, xa que é máis beneficioso para todo o persoal. Posiblemente outros bancos e entidades financeiras poidan ofertar estas solucións nun futuro (existe xa unha oferta do BBVA), diante de previsibles sentencias xudiciais que os obriguen a tomar estas resolucións. A ver se deste xeito se logra que dunha vez por todas os traballadores teñan un pouco de control sobre as súas percepcións futuras. | |||||
Os problemas do reino de Banesto | |||||
BM | |||||
| Hai tempo que vimos detectando cambios na estructura organizativa do banco que crean perfiles que nada teñen que ver con aqueles que nos recomendaban no trato directo, tanto entre compañeiros como na atención os clientes. Hoxe, o persoal de Banesto está dividido en tres grupos pechados, debido á despreocupación de Recursos Humanos, dende o que se agranda o endeusamento dos xefes e xefeciños, creando eses grupos diferenciados entre si: xefes, xefeciños e amigos ou protexidos; traballadores de base, entre os que se atopan por unha banda, os lacaios e por outra, aspirantes a ser amigos ou protexidos; e o grupo dos malditos, os de 8 a 15 horas, pouco traxeados, feos, protestóns, rebeldes e aínda por riba, maiores.
Publicamos aquí dúas cartas que nós cremos teñen interese para todos e que constitúen un exemplo do que todos deberiamos facer nalgún momento para minimizar ós xefeciños de turno, que son, como dicía algún sindicalista de pro, “REIS SEN COROA”. | |||||
Fronte á globalización é necesaria a presión sindical A afiliación ós sindicatos como único medio posible de loita | |||||
BM | |||||
| A gran novidade deste último cuarto de século foi a formación dun capital mundial composto por 60.000 empresas multinacionais; a pesar de que isto non é homoxéneo e está atravesado por fortes diferencias de situación e intereses opostos entre países, sabemos que a multitude de actores e a diversidade de intereses non impide ós suxeitos do capital mundial adherirse ós mesmos principios de fondo e perseguir os mesmos obxectivos xerais. O novo milenio vainos regalar novas definicións e a posta en marcha, polo capital mundial, de regras cara á mundialización da economía primando sempre os seus intereses. Un destes intereses, esencia propia da globalización, é que a liberdade de comercio debe primar sobre calquera razón social, ambiental, económica ou cultural que poida apetecer. Está facéndose evidente que non existe unha relación causa/efecto entre comercio e desenvolvemento económico, xa que a desigualdade entre países, e dentro dos mesmos países entre clases sociais, é cada vez máis ampla. Estamos ante unha dictadura económica que vai camiño de influír en tódalas materias imaxinables: educación, sanidade, medio natural e dereitos sociais. O capital, sempre fiel a principios avasaladores, acabará sendo propietario de tódolos recursos materiais e inmateriais, incluído o capital humano. A situación preséntase difícil para os sindicatos de clase. O reto agora é dobre: por unha banda, está o titánico traballo para que non sexan varridos os dereitos económicos, sociais, políticos e humanos que con tanto esforzo foron conquistados; por outra, seguir reivindicando novas melloras nas condicións dos traballadores. Un diálogo social que remate en reformas laborais que impliquen acordos tan negativos, en materia social, coma os do ano 97 anima ó desinterese sindical, porque a eventualidade laboral existe de forma vergoñenta, as indemnizacións nos novos contratos foron reducidas ó igual que as prestacións por desemprego e o traballador é obxecto de permanente acoso. As negociacións non deben ser presididas por actitudes derrotistas, ou ansias de manter un protagonismo que ó final queda limitado á cota que a patronal desexe, ou polo apuntalamento de sórdidos aparatos sustento de non se sabe ben qué intereses. A clase traballadora bota en falta posturas firmes e unha maior presión sindical, pero para chegar a iso, o sindicato necesariamente debe contar co seu apoio mediante unha maior sindicación sen medos de ningún tipo, nun futuro próximo que non se presenta nada fácil. | |||||
Opinión A Gravata | |||||
Sr. Verloc | |||||
| O nó da gravata quedáralle perfecto, algo groso; así era como a el lle gustaba. Aquel maniático volume adoptárao xa na arredada época de Don Mario Conde, presidente polo que bebera os ventos. Mirouse longamente no espello, observando detidamente a súa imaxe. Estaba claro que era a dun líder nato. Diante súa presentábase un día máis no que dar caña a todo o que se lle puxese a tiro, e tivera a nada desprezable obriga salarial de escoitalo/aguantalo/padecelo. Algunha xuntanza habería programada durante a xornada na que soltar unha das súas longas parrafadas. Habería que aproveitar; hoxe sentíase especialmente inspirado e con material suficiente para falar 5 ou 6 horas, ó estilo Fidel. Aínda que nunca foi un gran lector e a súa cultura non era nada do outro mundo, sempre podería sacar do sombreiro nun par de citas a aqueles autores dos considerados intelectuais/progresistas, e que tan ben quedaban en medio dos seus interminables soliloquios (gozaba escoitándose). Estaba seguro de que alixeirar a tensión que xeraba nomeando a “Pepe” Saramago -coma se coñecera ó interfecto de toda a vida-, Oscar Wilde, Proust ou Bertolt Brech, deixaba alucinada á peña naquelas reunións comerciais que algo tiñan de culebrón. Claro que pensaba que este efectista derroche de parafernalia cultural, impresionaba máis os universitarios de novo ingreso na empresa e, en consecuencia, era cos que máis prodigaba a súa erudición. Cos de facía tempo, ós que solía chamar “vellos roqueiros”, funcionaba mellor o asoballamento, os conxestionados berros, as ameazas, as puñadas na mesa, as múltiples e intempestivas chamadas, ...o medo. ¡Ah! O medo, ¡que ben amestrara o “seu equipo” para que o exercera de forma implacable!. Había tempo, lera nalgún sitio... ou a alguén lle escoitara dicir... ou a el mesmo se lle ocorrera (iso, ¡que coño!, por que non se lle podía ocorrer a el), que o medo era un gran motivador. Bendito descubrimento e que bos resultados lle dera. Foi entón cando comezou a asoballar primeiro un pouquiño e, como non pasaba nada, decidiu asoballar un pouco máis, para ó final facelo xa ao besta: el e o “seu equipo”. Algún director de zona saíralle alumno avantaxado. Esta sensación de dominio, a borracheira de poder que percibiu, xunto coa máis absoluta falta de contestación dos machucados foi o que, no colmo dun enfermizo paroxismo ególatra, levoulle a berrar frases de desbordante elocuencia como: “Aquí o Bispo son eu”, “Vós -directores- estades roubando ó banco”, “Fins de semana a muller coa tarxeta ó Corte Inglés e vós a traballar” ou aquela outra na que xustificaba o abatemento dalgún compañeiro porque a súa dona era coma un “submarino nuclear”. A presión desembocou en moitos casos de fastío, depresión, odio, insolidariedade, despedimentos arbitrarios, náuseas do cotián. Nada disto importa mentres as cifras saian e o seu pavoneo pola capital, entre os compañeiros que tanto o queren, estea garantido. E agora a dar caña. Vánseme enterar, ¡que collóns!, a ver se cren que isto é unha ONG. Para hoxe e coa coletilla “inescusable” voulles poñer un presuposto de vinculación que se van cagar pola pata. E con estes pensamentos, deu un definitivo toque á garabata e foise á rúa marcando xa un número no seu móbil. | |||||
Breves | |||||
BM | |||||
| As vacacións como medio de presión Algún director de zona, segue coa teima de ter por dubidoso mérito acosar e amedrentar ós empregados de diversos maneiras. Unha delas é non deixar disfrutar, de xeito arbitrariamente chulesco, das vacacións programadas, ou incluso tentar localizar a aqueles ou aquelas que as están disfrutando para que as suspendan de inmediato. Esta e outras mostras de feudalismo (copia avantaxada dalgunha enfermiza referencia), é indubidable que nos axuda a todos a ter a moral ben alta; é máis, crea “músculo comercial”. É o que eles chaman “tensionar”: delicioso eufemismo ¿non si?. ¿Onde están os cartos da OPS? Todos contentos; a nosa rexional recibiu múltiples felicitacións e parabéns pola excelente labor feita na recente OPS do Santander. Pasada aquela euforia do éxito, na que incluso o Xefe da Plantación parece ser que recibiu carta de felicitación da capital do imperio (algo así como a Crus de San Hermenexildo), a pregunta é: ¿ónde están os cartos prometidos pola colocación? ¿será que a seguinte medalla que se espera recibir pasa por (amparándose na manida escusa dos presupostos non cumpridos) non repartir eses cartos máis que sudados? Outra foi na de Silleda Outra vez máis foron o medo e a ausencia dunha causa común, os artífices de que non protestaran algúns dos compañeiros que a golpe de corneta, é dicir, correo electrónico, foron enviados a exercer labor comercial á Feira de Silleda. A cambio, foron con quilometraxe pago e mantidos; por suposto, ningunha compensación máis polo feito de estar en sábado ou domingo dando o callo. O consuelo que lles queda é que non pagaron entrada. Todo un exceso. | |||||
Humor | |||||
Camilo 00 | |||||
| |||||
ÚLTIMA REVISIÓN: 27/11/2000 | |||||