Botella ao Mar / Voceiro da Sección Sindical da CIG en BanestoVolver a BoletinsVolver a Actualidade
Nº 5 - decembro 2002
 
¡Atención! Todos non somos iguais
 
Sumario

 ¡Atención! Todos non somos iguais
 Pouca honestidade ou ningunha
 Saúde e Prevención de Riscos Laborais
 A relevancia do Comité de Empresa
 Entrevista con Manuel Valcárcel Rodríguez, secretario da Sección Sindical da CIG en Banesto
 Breves
 Colabora coa Botella, necesitamos as túas opinións
 
 
Ir ao sumário
A CIG non asinou o último convenio estatal da banca
¡Atención! Todos non somos iguais


BM
 
 Clic para aumentar
 
Dende a CIG cremos necesario lembrar por que non asinamos o último convenio da banca, aínda sendo este o marco máis importante de tódolos que inflúen no destino dos traballadores/as do sector financeiro.

Hai anos que os sindicatos maioritarios estatais (CCOO, UGT e FITC), están levando ó persoal deste sector a unha perda constante das condicións salariais e sociais, perda que se resume nos incuestionables feitos que de seguido se describen.

Xa foi no convenio do ano 1980 cando desapareceu o complemento de pensións para o persoal de ingreso posterior a esa data, e tamén se contempla a aplicación do absentismo para as baixas de enfermidade menores de 15 días. Con posterioridade, nos acordos do ano 1988, implántase a xornada partida.

Pero foi o convenio de 1996 o que se pode considerar un exemplo en canto a domesticar as relacións laborais se refire. Nel inclúese a mobilidade xeográfica que se converte nunha das medidas coaccionadoras máis importantes que usan os directivos.

Non quedou así a cousa pois en 1996 a mobilidade funcional foi outra das medidas que se estableceron, o que significa que tódolos empregados e empregadas teñen que facer de todo, eliminando na práctica todo o relativo ás categorías e funcións, e sen que con este cambio houbera a debida compensación económica. Nese mesmo ano endurécese o réxime disciplinario, e as faltas que antes eran cualificadas como leves, agora poden ser cualificadas como graves.

O último convenio, asinado en 1999 por CCOO, UGT e FITC, supón unha continuidade dos anteriores dende 1980, ano que foi o inicio dunha política laboral regresiva da patronal bancaria, avalada polos sindicatos estatais, cada vez máis distanciados da problemática laboral neste sector.

O peor deste novo acordo é a cláusula adicional sexta, que di: “No ámbito de cada empresa, mediante negociación coa representación dos traballadores, poderanse regular ou establecer sistemas de previsión social, substitutivos ou complementarios, distintos do establecido nos artigos 35, 36 e 37 do presente convenio colectivo”.

Segundo as últimas experiencias, deixou unha vez máis a porta aberta ó empeoramento do Complemento de Pensións daquelas persoas con antigüidade superior ó ano 1980. Para mostra un botón: comezaron as externalizacións e os acordos non son nada satisfactorios, cada empresa fai o que lle peta e de xeitos bastante diferentes uns de outros.

Nalgúns casos, como no de Banesto, nin tan sequera falan diso. Ao noso entender é un bo negocio, pero como isto ten tela, deixarémolo para contárvolo polo miúdo noutro momento. Outra cuestión moi importante é a perda de poder adquisitivo no sector da banca; cada ano que pasa os traballadores e traballadoras da banca somos máis pobres, a pesares dos grandes beneficios que seguen conquerindo as empresas nas que traballamos.

Agora que neste ano se abre a porta dunha nova negociación do convenio colectivo, todos falan xa de corrixir os fallos anteriores e establecer no aumento salarial unha Cláusula de Revisión. Está claro que algúns sindicatos non poden durmir tranquilos e teñen remorsos, pero non sabemos qué vai paliar a perda irreparable dos últimos 10 anos. En definitiva, estes días haberá milleiros de promesas, pero xa sabedes, estamos en campaña electoral.

Na CIG consideramos que ter asinado estes convenios, entre outras cousas, significaría asumir tódalas concesións á patronal referidas anteriormente e que non aceptamos en ningunha das negociacións.

Na CIG, como central nacionalista e de clase, non estamos dispostos a ser domesticados nin pola AEB nin polos outros sindicatos (minoritarios en Galiza) para traizoar os intereses da clase traballadora galega. Por iso, unha vez máis, insistimos na necesidade de negociar un convenio colectivo galego, un convenio para Galiza.
 
 
Ir ao sumário
Pouca honestidade ou ningunha


BM
 
Os que estamos na contenda a cotío somos coñecedores do difícil que é facer hoxe sindicalismo. A regresión nos dereitos laborais é evidente, e os que a duras penas se conservan están a converterse nunha ficción.

A actividade sindical ten hoxe en múltiples ocasións unha compoñente prioritaria e importantísima: a resistencia ante a dureza na vida laboral. Hoxe, ser un decente delegado sindical co que ten de compromiso ante un mesmo e ante o resto dos compañeiros e compañeiras, no medio dun atroz neoliberalismo, require non poucas doses de concienciación, integridade e valentía.

Dende a CIG miramos como algo tráxico, como unha proba máis da miseria humana, que o obxectivo de algúns candidatos ás próximas eleccións sindicais sexa ben distinto ao de defender e mellorar en facer cumprir os dereitos dos traballadores/as.

Sabemos que o medo é libre pero cremos que hai formas de combatelo con honestidade sen utilizar métodos tan covardes. Por iso prodúcenos infinito noxo e indignación, o insulto que á nosa labor supón que algúns individuos tenten aproveitarse e acadar algún tipo de inmunidade participando en listas sindicais a cambio de traslados a sucursais máis cómodas e apalabrando unha mellor vida.

Non sabemos que tipo de enfermidade mental dexenerativa, que insólito problema de visión da realidade (nalgún caso formaron parte das equipas de viaxe e tiveron acceso a ela de primeira man) poden ter estes golfos para acabar facendo a esquina, prostituír o que de bo, ilusionante e tamén sacrificado ten ser representante sindical.

Coa súa decisión dinamitan a confianza do persoal; prestando o seu nome a un sindicato de vividores con ideoloxía e fins incertos, dividen e confunden ao resto dos compañeiros e compañeiras, venden os que dixeron NON a ofertas similares, e mínguan as cada vez máis cativas posibilidades de mellora laboral.

O colmo da contradicción xurde cando algúns destes opositores a sindicalistas de conveniencia, tiñan a gala ser afiliados a CIG porque, segundo eles mesmos dicían, identificaban a nosa Central Sindical como unha das máis combativas. Fóra de toda dúbida e discusión, a nosa Sección Sindical decidiu dalos de baixa na súa militancia.

Nas próximas eleccións sindicais debedes darlle ao voso voto a inmensa importancia que ten, e valorade, sen compromisos nin esixencias de ningún tipo, a quen lle entregades a vosa esperanza, se é que con actuacións como esta vos queda algunha.
 
 
Ir ao sumário
Saúde e Prevención de Riscos Laborais


BM
 
Tamén neste terreo estivemos a traballar nos últimos tempos, presentando denuncias ante as Inspeccións de Traballo por incumprimento de horarios, tendo por resposta no último ano tres actuacións da inspección en oficinas das provincias da Coruña e Ourense.

Denunciamos por insalubridade oficinas, como a principal de Ourense; solicitamos garantías por parte dos responsables da U.T.R. sobre o perfecto funcionamento dos aparellos de aire acondicionado (incidimos nos posibles riscos da “lexionela”), e noutros casos o arranxo de sistemas con mal funcionamento como na oficina principal de Pontevedra; logramos, previo informe fotográfico, a renovación de oficinas que ameazaban ruína, como a de Mondoñedo; noutros casos (tamén previo informe), conseguimos o cambio para un mellor local dalgunha oficina “prehistórica”, como foi no caso de Muxía; obtivemos o compromiso da instalación inmediata de sistemas de aire acondicionado en oficinas moi necesitadas como a de Guísamo, etc.

Sempre estamos pendentes dun tema, tachado de secundario e esquecido, ate que as desgracias se desencadean. Imos seguir traballando arreo neste asunto, e noutros tan importantes como o do Acoso moral no traballo, que tanto dano fai á saúde, e que aínda que o queiran pintar como pouco importante, trátase da saúde de todos e todas.
 
 
Ir ao sumário
A relevancia do Comité de Empresa


BM
 
 Clic para aumentar
Candidatura da CIG no Comité Provincial de A Coruña.
 
Dentro dos órganos de representación dos traballadores acada unha especialísima relevancia o Comité de Empresa que ten como fin a defensa daqueles e dos seus intereses.

Para subliñar a súa importancia, diremos que é a súa obriga emitir informe previo sobre cuestións como reestructuracións no cadro de persoal, reduccións de xornadas, traslado de instalacións (peche de oficinas), formación profesional dentro da empresa, implantación ou revisión de sistemas de organización e control de traballo (Red C ou sistemas de puntos) e estudios de tempos ou establecemento de primas e incentivos (bonus).

Tamén son competencias súas coñecer os documentos relativos ao remate da relación laboral (prexubilacións), ser informados das sancións impostas por faltas moi graves, coñecer as estatísticas de absentismo, exercer labor de vixilancia no cumprimento das normas vixentes en materia laboral e sobre seguridade e hixiene, así como colaborar coa dirección da empresa para conseguir o incremento da productividade de acordo co pactado nos convenios colectivos.

Dende hai bastante tempo somos testemuñas de como os comités de empresa en Banesto Galicia, nas mans de outros sindicatos estatais, foron baleirados por estes do seu contido, converténdose noutra iconografía máis da vida sindical.

Se o sindicato que ostenta a presidencia do comité íllase das outras centrais sindicais que o compoñen, e decide non aproveitar o órgano e as súas competencias, estará ninguneando o que debera ser un entendemento sindical de cara a un compromiso de traballo de tódolos seus membros en beneficio das persoas ás que representan, limitando a capacidade de resposta común ante os problemas e sendo cómplice da empresa en neutralizar un dos medios máis efectivos dos que se dispoñen para exercer unha política de control/contestación ás arbitrariedades, coa intensidade e contundencia necesaria en cada momento.

Para a CIG as vindeiras eleccións non son un fin en si mesmas, senón que serán o inicio dun novo período reivindicativo. Con honestidade, seriedade no traballo e consecuencia ideolóxica podemos mellorar moitas cousas. Para iso necesitamos acadar unha representatividade suficiente de cara a obter a presidencia dos catro comités de empresa do noso país. A nosa innegociable idea é poñelos a funcionar e volver dotalos do seu contido, recuperar o tempo perdido e poñelos definitivamente ao voso servicio. Nas vosas mans está a decisión de que así sexa.
 
 
Ir ao sumário
Entrevista con
Manuel Valcárcel Rodríguez, secretario da Sección Sindical da CIG en Banesto


BM
 
 Clic para aumentar
Manuel Valcárcel: “A desilusión cos sindicatos españois está a facer mella na clase obreira”.
 
Manuel Valcárcel é un sindicalista, home de claras conviccións e íntegra ideoloxía en todo o que toca a cotío. Pertence ao sindicato nacionalista dende as súas orixes na UTBG-INTG. Actualmente ocupa o cargo de secretario da Sección Sindical da CIG en Banesto, sendo membro do Secretariado Nacional da Federación da Banca e tamén do Consello Nacional. Persoa de gran poder de convicción e enorme capacidade de traballo, asumiu a responsabilidade e o reto histórico de dar unha proxección á Central Sindical en Banesto en todo o país. A consecuencia é que, por primeira vez, a CIG presenta listas nas catro provincias da Galiza e a afiliación foi sensiblemente incrementada.



¿Sentes que os sindicatos son necesarios hoxe?

Mira ó teu arredor, na túa propia familia, analiza a xente nova que te rodea e se a agrede o mundo laboral, se son outro tipo de excedente de cupo dos que se aproveita o neoliberalismo máis duro e extremo que estamos a padecer nos últimos tempos. Dime se realmente se incrementaron os dereitos da clase traballadora nos últimos tempos ou polo contrario diminuíron, e logo saca ti a túa propia conclusión. É máis, por moito que se nos critique e aínda que non fagamos tanto como se empeñan en dicir, fai outro esforzo imaxinativo e imaxina o que sería unha vida laboral sen sindicatos.

¿Cal e o futuro dos sindicatos nacionalistas?

Vivimos nun mundo globalizado a máis non poder, no que se empeñan en uniformarnos sen contemplacións, con todo o que iso implica de renuncia á individualidade. É a individualidade o que nos diferencia a uns seres humanos de outros e a unhas comunidades de outras. Polo tanto, as necesidades vitais non son iguais ou non teñen a mesma prioridade xerárquica duns pobos a outros, dunhas xentes a outras. O sindicato nacionalista non debe ser un elemento distorsionador, é necesario para que as demandas dunha hipotética minoría non se dilúan ante o poder ou os intereses máis xerais. Defendemos a traballadores e traballadoras, galegos ou de outros países, que laboran na Galiza, polo tanto ao final é Galiza o noso último interese.

¿Cal é a resposta dos traballadores e traballadoras diante dese plantexamento?

Actualmente eu son optimista. Estou a sentir o apoio na miña propia empresa como nunca o sentín nos últimos 20 anos da miña actividade sindical. A desilusión cos sindicatos españois está a facer mella na clase obreira e busca alternativas máis achegadas; non necesariamente o que se negocia en Madrid ten que ser bo por decreto para os galegos e galegas. Non ten as mesmas consecuencias na vida dun empregado de banca en Galiza o desprazamento a 25 km. que a un empregado de banca en Andalucía. De tódolos xeitos direiche que a CIG, sindicato nacionalista, é maioritario na Galiza, sendo unha organización plural e ao mesmo tempo a maior forza do nacionalismo no Estado español. Non hai ningunha outra organización, nin sindical nin política, que nos supere, nin sequera dentro de outras comunidades con máis pretendidos dereitos históricos que nós. Hai datos.

¿Como se presentan as eleccións de Banca?

Os primeiros indicios son bos. A CIG xa é o sindicato maioritario en banca e caixas de aforros. Temos máis do 42% da representatividade no sector en Galiza, e tamén a maior dun sindicato nacionalista na mesa negociadora do Convenio Colectivo. Na pasada semana tivemos eleccións en Caixa Galicia onde renovamos a maioría que xa tiñamos. É de supoñer que os resultados na banca non só se renovarán, senón que se verán incrementados, aínda tendo en conta a drástica diminución dos cadros de persoal nas entidades financeiras.

¿Convenios en Madrid que non asina a CIG?

Perdón, esa responsabilidade é de outros. Nós non podemos asinar convenios que implican retrocesos constantes de dereitos e do poder adquisitivo dos traballadores/as. Unha proba: ¿como se pode asinar un convenio de banca, o último, sen establecer unha cláusula de revisión salarial? A CIG non pode referendar estas e outras cousas que poñen de manifesto as debilidades dos macro-sindicatos estatais.

E despois das eleccións ¿que?

Como a min me gusta dicir, as eleccións non son un fin, a nosa meta; son o inicio de algo: de máis traballo, de máis responsabilidade, de máis imaxinación nun mundo laboral tan cambiante e necesitado de xentes combativas que aporten respostas. Por iso pensamos que as nosas listas están formadas por xente íntegra e –isto é tamén importante– xente nova que tome conciencia. Tamén queremos revitalizar todos e cada un dos Comités Provinciais que presidamos, e darlle o contido que foron perdendo. Temos tempos difíciles por diante, pero persoalmente estou convencido de que podemos facer fronte a este futuro e, como non, gañar o pulso aos inconscientes e necios que non son quen de distinguir que o contido humano de cada un de nós é o valor máis importante das nosas empresas.
 
 
Ir ao sumário
Breves


BM
 
Prestige: Nunca máis!

“Non é necesario pórse apocalíptico. Basta con estar desesperado. Primeiro hai que chorar polos mariñeiros e pescadores galegos que miraron arruinada a súa vida por ese veleno que chegou as súas costas. Despois hai que xemer pola alma dun pobo que tamén foi envelenada con ese alquitrán”, di Manuel Vincent.

A nosa sección sindical, doída e impotente ante a desgracia do Prestige, pasmada ante a incompetencia das autoridades para evitala e ante a desorganización existente, solidarízase cos traballadores e traballadoras do mar e tamén coas persoas que voluntariamente están prestando a súa axuda, e reclama como xa fixo o pasado día 1 en Santiago: NUNCA MÁIS.



Código de boa conducta

Nun rececente comunicado a nosa Sección Sindical xa manifestou o seu parecer sobre o Código de boa conducta que Banesto pretende que asinen algúns dos seus directivos. Consideramos grave e ilegal que o banco intente normativizar, á marxe da lexislación laboral existente, unha serie de situacións sospeitosamente pormenorizadas sacadas de non se sabe que retorcida chistera.

Unha vez máis, recomendamos non asinar ese documento, xa que consideramos que pode levar as persoas que o asinen a unha extrema inseguridade xurídica. O que si non parece ser indecente, e incluso debe considerarse unha conducta de todo decorosa, é perseguir e presionar as persoas non asinantes, intentando dobregar a súa vontade coa forza do medo. Xa é inmensa a desconfianza que a cotío están a xerar algúns dos directivos coas súas actuacións entre o persoal do banco, así que non lles debe extrañar que esta desconfianza se agrande ante o código de marras, e máis cando existe tanto interese en que sexa refrendado.
 
 
Ir ao sumário
Colabora coa Botella, necesitamos as túas opinións


BM
 
Ponte en contacto cos seguintes delegados para enviar as túas colaboracións:

Manuel ValcárcelA Estrada986 59 00 32
Modesto AmorínOurense OP988 36 61 00
Xosé Manuel GándaraPontevedra OP986 86 60 15
Rodrigo Real PeñaLugo OP982 28 01 05
 
Volver a BoletinsVolver a Actualidade
 

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/01/2003