Informes Economia ![]()
Nº 11 - 1º trimestre 99
1998: Un ano perdido para o emprego
Á vista dos dados da Enquisa de Povoación Activa (EPA) do 3º trimestre do 98 publicados recentemente polo INE (e a falta dos dados do 4º trimestre), o 98 leva camiño de ser outro ano perdido para a criación de emprego en Galiza.
Se consultamos números absolutos, a situación é ainda pior que a que nos amosan as médias anuais (suavizadas polos dados dalgun trimestre “bo para o emprego”). Comparando o 3º trimestre do 98 co mesmo período do 97 vemos que no transcurso dun ano e en pleno crecimento económico só hai 100 ocupados máis. Ainda coas precaucións debidas á hora de comparar cifras correspondentes a períodos inferiores ao ano e non médias anuais, o que si deberia ter-se producido é unha clara tendéncia á alza da povoación ocupada nun contexto de conxuntura económica favorábel. Tendéncia que si se dá a nível estatal e que confirman as cifras de paro rexistrado no INEM no mes de decembro do 98: mentres no conxunto do Estado descende en 18.826 persoas o número de parados, en Galiza aumenta en 2.483. Segundo a EPA a taxa de paro no terceiro trimestre do 98 situou-se no 17,01% e para o conxunto do Estado no 18,55%.
Povoación ocupada por sectores económicos | |||||||
1997 | 1998 | ||||||
| Sector/Trimestre | 1º | 2º | 3º | 4º | 1º | 2º | 3º |
| Agricultura | 174,1 | 172,7 | 171,0 | 155,3 | 155,8 | 155,1 | 150,5 |
| Pesca | 29,2 | 25,7 | 27,8 | 30,5 | 30,6 | 28,1 | 28,7 |
| Indústria | 147,9 | 154,7 | 153,2 | 152,2 | 155,6 | 159,9 | 166,9 |
| Construción | 94,2 | 95,8 | 103,1 | 101,3 | 94,9 | 98,4 | 100,7 |
| Servizos | 438,3 | 451,7 | 464,3 | 466,3 | 472,2 | 476,9 | 472,7 |
| Total | 883,8 | 900,7 | 919,4 | 905,6 | 909,1 | 918,4 | 919,5 |
Fonte: Enquisa de Povoación Activa. Dados expresados en miles. | |||||||
Se obtemos a média de povoación ocupada cos dados disponíbeis do ano 98 e a comparamos co ano 97, observamos que o incremento que se produce na povoación ocupada de 13.200 persoas é ben cativo, pois supón tan só o 1,46% de incremento, cando o incremento interanual do Valor Engadido Bruto (VEB) galego no 3º trimestre do 98 se situa no 3,3% (segundo dados do IGE).
En todo un ano de crecimento económico só hai 100 ocupados máis |
Pola contra, a evolución no resto do Estado é ben distinta. Consegue-se transladar á criación de emprego case a totalidade do incremento do VEB, o cal se situa no 3,8% (segundo dados do INE). No caso español o incremento da povoación ocupada supón un 3,63% respeito á média do ano 97.
O sector primário perde 19.600 empregos nun só ano
Continua a forte destrución de emprego no sector primário, motivada fundamentalmente pola perda de 20.500 ocupados na agricultura no que vai do 3º trimestre 97 ao mesmo período do 98. Ainda que a pesca axuda a suavizar esta cifra cun lixeiro incremento de 900 ocupados máis. Incremento que pode virar-se en descenso despois de que Marrocos acabe de anunciar que non vai renovar o seu tratado pesqueiro coa Unión Europea, o que pon en perigo 1.400 empregos directos da frota que pesca no banco canário-sahariano.
O sector pesqueiro, pola sua banda, vén experimentando xa desde comezos da década dos 80 descensos no número de persoas ocupadas. No ano 1983 contaba con 45.500 ocupados, no terceiro trimestre do 98 non chegan aos 29.000.
A agricultura galega perde 20.500 empregos nun ano |
Na última década levan-se destruído perto de 230.000 postos de traballo no sector primário. No ano 1988 este sector contaba con 408.400 efectivos. No terceiro trimestre do 1998 a EPA recolle tan só 179.200.
A taxa de actividade continua baixando
No terceiro trimestre do 98 a taxa de actividade (que representa a porcentaxe de povoación activa en relación á povoación en idade de traballar, quer dicer, maior de 16 anos) é xa inferior ao 48%.
Continua a tendéncia decrecente iniciada nos anos 80. No ano 84 a taxa situaba-se no 55%, oito pontos por riba da taxa estatal. Pois ben, unha década despois, no 94 baixaba do 50% até situar-se en novembro pasado no 47,9%.
Pola contra, no conxunto do Estado esta foi sempre en lenta pero contínua tendéncia crecente desde os 80 superando xa o 50% na actualidade. Isto significa que cada vez unha maior parte da povoación galega (inactivos e menores de 16 anos) dependen dun cada vez menor número de activos.
![]()
Esta arrepiante cifra supón perto do 22% do total de habitantes. O informe ten en conta dados do Consello Económico e Social de Galiza, CES estatal, Cáritas e outras institucións que levan feito estudos sobre a pobreza.
Por suposto, non é doado estabelecer o límite de ingresos a partir do cal unha persoa é considerada pobre, e dependerá tamén respeito a quen se faga a comparanza. O dito informe sinala distintos baremos mais decanta-se polo comunmente usado no conxunto da UE. Distingue entre pobreza relativa e pobreza severa ou extrema. A primeira afectaria a aqueles cuns ingresos inferiores ao 50% de renda média do país onde viven. E a segunda aos que perceben menos do 25%. É dicer, entre os primeiros situarian-se os que perceben mensualmente menos de 44.000 ptas/persoa e na extrema pobreza encadrarian-se os que perceban menos de 22.000 ptas. Distinguiríamos ademais unha situación intermédia baixo o nome de pobreza moderada para os que perceban unha renda entre o 40% e o 25% da renda média.
Atopan-se en pobreza relativa 595.000 galegos, dos cais 136.540 vivirian en pobreza extrema, segundo o estudo feito por Cáritas. O Consello Económico e Social estatal no seu informe “A pobreza e a exclusión social en España” publicado en marzo do 97 eleva a 628.000 o número de galegos que percibirian menos do 50% da renda média estatal.
O informe do Valedor admite que as cifras varian en función da metodoloxia escollida por cada estudo, pero tamén hai que ter en conta que o conceito de pobreza non é doado de delimitar. Deste xeito opta por expor os distintos informes existentes e que cada quen tire as suas conclusións. De todas as maneiras, os resultados abalan sobre cifras semellantes.
O informe é contundente: “hoxe, a causa máis determinante da pobreza en Galicia é a falta de postos de traballo”. Dedica o capítulo 2 por completo ao desemprego como factor máis determinante da pobreza, marxinación e exclusión social. Non ten desperdício, asi como todo o informe. (De leitura recomendada). Neste capítulo 2 sinala con dados da EPA e do paro rexistrado no INEM como Galiza foi a Comunidade Autónoma na que máis veu aumentando o paro. Un exemplo pontual: no 2º trimestre do 97, nun contexto de crecimento económico, Galiza foi a única comunidade na que medrou o paro, baixando en todas as demais. Sinala como causa principal do incremento do paro a forte destrución de emprego no sector primário. Mais tamén aponta como causa un crecimento económico cronicamente inferior á média española.
![]()
O incremento dos orzamentos para o ano 99 nun 6,3% reduce-se a un 4,9% en termos reais, isto é, se lle restamos o efeito da inflación que foi dun 1,4% no 98. De seguido reflectimos os orzamentos consolidados (é dicer, unha vez eliminado o efeito da dobre contabilización por transferéncias internas dentro da Administración).
Orzamentos 1999 | ||||||||
ORZAMENTO CONSOLIDADO DE INGRESOS | ORZAMENTO CONSOLIDADO DE GASTOS | |||||||
| Capítulos | 1998 | 1999 | % var | Capítulos | 1998 | 1999 | % var | |
| Operacións correntes | 782.486 | 848.383 | 7,9 | Operacións correntes | 705.278 | 749.337 | 6,2 | |
| 1. Impostos directos | 60.302 | 65.469 | 8,4 | 1. Gastos de persoal | 317.582 | 331.486 | 4,4 | |
| 2. Impostos indirectos | 30.300 | 33.805 | 11,6 | 2. Compensacións bens e servizos | 111.121 | 121.161 | 9,0 | |
| 3. Taxas e outros ingresos | 26.844 | 25.404 | -5,4 | 3. Gastos financeiros | 31.994 | 30.718 | -4,0 | |
| 4. Transferéncias correntes | 663.376 | 722.015 | 8,8 | 4. Transferéncias correntes | 244.581 | 265.971 | 8,7 | |
| 5. Ingresos patrimoniais | 1.664 | 1.690 | 1,6 | 5. Amortizacións | – | – | – | |
| Operacións de capital non financeiro | 139.114 | 131.329 | -5,6 | Operacións de capital | 216.322 | 230.375 | 6,5 | |
| 6. Investimentos reais | 7.374 | 7.748 | 5,1 | 6. Inversións reais | 104.580 | 109.538 | 4,7 | |
| 7. Transferéncias de capital | 88.983 | 82.708 | -7,1 | 7. Transferéncias de capital | 85.985 | 92.323 | 7,4 | |
| Operacións financeiras de capital | 42.757 | 40.873 | -4,4 | Operacións financeiras | 25.757 | 28.514 | 10,7 | |
| 8. Activos financeiros | 8 | 6 | -25,0 | 8. Activos financeiros | 4.008 | 5.647 | 40,9 | |
| 9. Pasivos financeiros | 42.749 | 40.867 | -4,4 | 9. Pasivos financeiros | 21.749 | 22.867 | 5,1 | |
| TOTAL INGRESOS | 921.600 | 979.712 | 6,3 | TOTAL GASTOS | 921.600 | 979.712 | 6,3 | |
Fonte: Xunta de Galiza. Dados en millóns de pesetas. | ||||||||
Pola banda dos ingresos, cumpre destacar o incremento dun 11,3% sobre o exercício anterior das transferéncias correntes que supoñen o 73% do total dos orzamentos. Financiamento procedente fundamentalmente do Estado e da Unión Europea. Mália a escasa autonomia financeira que isto implica, a Xunta xestiona xa o gasto de máis de 1 billón de pesetas se lle sumamos os orzamentos de sociedades e entes públicos, o que supón unha valiosísima ferramenta para poder incidir na economia do país.
Canto aos gastos, e como xa case vén sendo norma, o incremento dos gastos correntes 6,2% é superior ao das operacións de capital 5,9%. Dentro destas experimentan un maior incremento as transferéncias de capital 7,4% que son os recursos que xestionarán terceiros fronte ao 4,7% dos investimentos reais que xestiona directamente a Administración, os cais fican ainda lonxe dos 225.000 millóns anuais (5% do PIB) en investimentos que recomenda o CES galego, no informe “Medidas e actuacións para o desenvolvimento e criación de emprego en Galiza”.
A radiografia que podemos facer destes orzamentos é a seguinte: máis das tres cuartas partes do orzamentado destina-se a gasto corrente 76,48%. A gasto de capital, é dicer, aquelas partidas de gasto que supoñen investimento (Formación Bruta de Capital) andan polo 20,6% e o restante case 3% dedica-se á amortización da débeda e á compra de activos, como por exemplo: participación en sociedades. Precisamente, o maior incremento relativo dos gastos dá-se nestas operacións, un 10% respeito ao ano anterior. Este incremento non se produce tanto no capítulo IX para amortización de débeda como no VIII de activos financeiros. Ben, até aqui nada que obxectar, se esta toma de posicións se dirixise cara a sectores produtivos estratéxicos do país, pero é Sogama a que canaliza a maior parte do gasto en activos financeiros. En concreto, o 61,4% do total desta partida de gasto: 3.133 millóns. Sen abandonar o grupo de operacións financeiras, cumpre destacar que o servizo da débeda (suma das amortizacións e dos intereses do exercício) acada os 53.000 millóns, o que supón case o 50% do capítulo VI de Investimentos Reais. E se aos 40.873 millóns de débeda autorizada para o 99 (incluído no capítulo IX) lles engadimos o endebedamento das sociedades e entes públicos, o total acada uns 82.000 millóns de débeda para o actual exercício.
Esta pesada lousa, que no 99 acadará os 439.000 millóns de débeda acumulada, xustificaria-se se revertese este esforzo financeiro nun maior desenvolvimento económico e benestar dos galegos. Á vista dos dados relativos ao desemprego, e de evolución do PIB per cápita non é asi. Segundo o CES, entre 1993 e 1997 a riqueza por habitante incrementou-se en menos da terceira parte do que o fixo no conxunto do Estado: un 0,49% fronte ao 1,70%.
O incremento do IPC no mes de decembro nun 0,3% situa a taxa interanual para o ano 98 no 1,4%. Este é o nível mínimo desde 1962, data en que se iniciou a elaboración do actual IPC.
En Galiza, o IPC acadou tamén o 1,4% igual á média estatal. A província máis inflacionista foi Pontevedra cun 1,8% seguida de Lugo co 1,3%, A Coruña co 1,2% e Ourense foi a que tivo unha menor taxa co 1,1%.
Na composición da cesta da compra foron os alimentos unha vez máis os que axudaron a conter a taxa de inflación 0,6% no 98 fronte ao 1,5% do ano anterior, e tamén o transporte cun descenso do 0,3%. No outro lado da balanza están os servizos que como xa é habitual seguen con incrementos moi por riba da média acadando o 3,7% no ano 98, tres décimas superior á do ano 97. De tal xeito que a inflación subxacente, isto é, excluídos os alimentos frescos e produtos enerxéticos, aumentou un 0,2% situando-se no 2,2% no 98.![]()

Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com
ÚLTIMA REVISIÓN: 22/06/2001