Informes Economia Volver ao índice


Nº 12 - 2º trimestre 99

1998: Intensifican-se as diverxéncias co resto do Estado español


  O PIB medra un 3,4% en 1998
 Aumenta o déficit comercial en 1998
 A taxa de actividade situa-se nun mínimo histórico en 1998
 As mulleres galegas gañan perto dun 30% menos que os homes
 O benefício empresarial consegue un máximo histórico en 1998
 A inflación interanual situa-se en marzo no 2,2%


Ir ao sumário


O PIB medra un 3,4% en 1998

O PIB da economia galega rexistrou en 1998 un crecimento que equivale ao 3,4% en termos de Valor Engadido Bruto, duas décimas menos que o medre rexistrado no resto do Estado español, co cal se agudiza, máis unha vez, a diverxéncia con respeito a este. Os dados temo-los no cadro que expomos a continuación.

Incremento porcentual do PIB (1998)

 
-

Galiza

Estado español

Sector primário

-2,5

0,8

Indústria

5,8

5,1

Construción

3,1

6,0

Servizos

3,0

2,7

Total

3,4

3,6


Fonte: Contabilidade trimestral de Galiza. IGE.

Á demora na converxéncia real de Galiza co resto do Estado suma-se un ano máis a falta da criación dun número importante de postos de traballo, nun ano cun crecimento relativamente importante da produción.

O incremento médio anual da povoación ocupada tan só foi dun 1,7%, cantidade ínfima se temos en conta que estamos nunha fase alcista do ciclo económico; por segundo ano consecutivo deron-se crecimentos do Produto Interior Bruto superiores ao 3%.

No resto do Estado, cun aumento do PIB tan só duas décimas por riba do galego, 3,6%, o número de empregados medrou un 3,3%.

Que este medre considerábel da actividade económica se traduza nun incremento tan pequeno no número de ocupados é dobremente preocupante. É difícil que en Galiza se dean medres da produción destes níveis; temos que retrotraer-nos ao ano 1988 para encontrar-nos con crecimentos superiores ao deste ano que rematou. En 1995 o crecimento foi da mesma contia, e con aumentos inferiores non se cria emprego.

Por outra banda, todo parece indicar que o entorno no cal se desenvolve a economia galega alcanzou un punto de inflexión no ano 98; existen pautas desaceleradoras que están inducindo a vários expertos e organismos internacionais a revisar á baixa o crecimento para este ano. Ainda que Galiza xoga co feito de ser Ano Santo Compostelán 1999, non debemos esquecer que necesita crecimentos moi altos do PIB, para que se acompañen con criación neta de emprego (recordemos que no ano 1997 -cun medre da produción do 3,2%- se perderon un 0,9% de postos de traballo).

A evolución por sectores é moi dispar. O sector primário mantén-se na tónica desaceleradora que xa nos ten acostumados; neste último ano descendeu a produción do mesmo nun 2,5%. Un ano máis temos que chamar a atención sobre a necesidade de medidas que freen a desfeita total deste sector, tendo en conta sobretodo que a perda de postos de traballo que ano a ano se produce nel non son capaces de absorbé-la o resto dos sectores.

O sector industrial, por segundo ano consecutivo, apresenta medres importantes da produción; no último ano foi dun 5,8%, superior ao do Estado español, que se incrementou nun 5,1%. A cara negativa da evolución da produción industrial está na desaceleración do crecimento que se rexistra nos dous últimos trimestres; no primeiro trimestre do ano medrou por riba do 6%; no cuarto trimestre aumentou un 5,1%, tendéncia que se prevé que continue en 1999.

No que atinxe á construción, ainda que quedou moi por debaixo do medre rexistrado no Estado español, aumentou máis que ao longo do ano 1997; ademais neste sector os incrementos maiores deron-se nos últimos trimestre do ano.

O sector servizos tamén apresenta unha ralentización no ritmo de crecimento ao longo do ano; cun medre do 3% mantén-se nos mesmos termos que en 1997 e lixeiramente por riba do resto do Estado español, que medrou un 2,7%.


Ir ao sumário


Aumenta o déficit comercial en 1998

Un ano máis temos que facer a análise do comércio exterior galego de forma parcial, xa que na información de que dispomos para o ano 1998 non se incluen os intercámbios co resto do Estado español. É importante suliñar a falta destes dados, xa que se nos retrotraemos ao ano 1994 –último ano en que existen dados oficiais incluindo ao Estado español–, as relacións comerciais con el copan a parte máis importante do comércio exterior galego. Apesar de que estes dados son moi atrasados, consideramos importante incluí-los nesta análise para unha maior comprensión da magnitude da situación.

Comércio Exterior Galego 1994

 
-

Importacións

Exportacións

Estado español

1.440.535

1.296.000

Resto Unión Europea

347.383

378.235

Resto Mundo

205.074

104.548

TOTAL

1.992.992

1.778.783


Fonte: Contabilidade Rexional de Galiza. Xunta de Galiza. Dados en millóns.

Tanto as vendas como as compras fóra de Galiza, máis do 70% fixeron-se co resto do Estado español no ano 1994. Catro anos despois, talvez estes dados non sexan moi exactos, pero si serven para ter unha referéncia máis completa de que cando falamos de comércio exterior ao longo deste apartado, e cando se fala desde outros organismos ou institucións, estamos deixando á marxe a parte máis importante das relación comerciais exteriores de Galiza.

O máis salientábel das relacións comerciais galegas co exterior (excluindo ao Estado español), ao longo do ano 1998, é a desaceleración do ritmo de crecimento destas. Esta ralentización do crecimento afecta tanto ás importacións como ás exportacións, pero son sobretodo as vendas ao exterior as que o sofren en maior medida; no ano 1998 aumentaron un 8,7% frente ao medre do 14,8% en 1997. No que atinxe ás importacións, incrementaron-se un 14,4% e no ano 1997 fixero-no nun 15,3%.

A taxa de cobertura descende de forma importante no último ano:
pasa dun 91,12% no ano 1997 a un 86,3% en 1998

Comércio Exterior 1998

 
 

% Total

Zona

Exportacións

Importacións

Saldo

Exp.

Imp.

Unión Europea

705.433

663.106

42.327

79,7

64,7

Resto Europa

34.318

42.183

-7.865

3,8

4,1

EEUU

18.625

36.114

-17.489

2,1

3,5

Resto Mundo

125.793

282.565

-156.772

14,23

27,6

Total

884.170

1.023.969

-139.799

100

100


Fonte: IGE. Dados en millóns.

Europa mantén-se como o principal sócio comercial galego, posición que mellora no ano 1998. Dentro de Europa, é a Unión Europea a que absorbe a contia maior; no ano 1998 o 79,7% das exportacións e o 64,7% das importacións tiveron como destino/orixe a Unión Europea.

O saldo comercial empiorou con todas as áreas xeográficas. A Unión Europea segue sendo a única coa que mantén un saldo positivo; mália o leve empioramento do último ano, a taxa de cobertura está no 106,4%.

O déficit comercial maior mantén-se con países de fóra de Europa e EEUU; a taxa de cobertura con esta área xeográfica situou-se no 44,3% no ano 1998, 15 pontos máis baixa que en 1997, que estaba no 59%.

A preeminéncia da Unión Europea reflécte-se claramente ao facer a análise por países; tanto nas exportación como nas importacións, os primeiros postos no ranking de países están ocupados por países pertencentes a esta, entre os que destacan Franza e Portugal.

O destacado lugar que ocupa Franza nas relacións comerciais con Galiza (27,45% das vendas e 36,7% das compras) debe-se maioritariamente ás relacións inter-empresa da multinacional Citröen, é dicer, intercámbios entre a empresa matriz de Citröen en Franza e a sua filial en Vigo. Feito que se manifesta ao analisar os intercámbios comerciais por produtos; os primeiros lugares tanto das vendas como das compras están ocupados por produtos relacionados con sector do automóbel. Veículos no caso das vendas e partes ou acesórios para estes nas compras.

Portugal mantén-se como o segundo país con maiores relacións comerciais con Galiza. Sobresaen, sobretodo, as exportacións, que no último ano alcanzaron o 20,25% do total; no que atinxe ás importacións (8,08%), alcanzan valores semellantes a outros países da Unión Europea. Destaca un importante saldo comercial positivo con este país; mália o maior incremento das importacións que se deu en 1998, a taxa de cobertura situa-se no 218,3% neste último ano.

A concentración que se dá por países no comércio exterior galego (10 países absorben o 85,6% das vendas e o 73,6% das compras), tamén se da respeito aos produtos que se intercámbian. No cadro seguinte amosamos os 10 primeiros produtos que vendemos e que mercamos.

Principais produtos de importación

 

Orde

Produto

Valor

% sobre total

1

Partes e acesórios de veículos automóbeis

144.300

14,10

2

Veículos automóbeis para transporte de máis de 10 persoas

127.281

12,43

3

Aceites crus de petróleo ou de minerais bituminosos

67.708

6,61

4

Peixe conxelado

67.016

6,54

5

Motores diésel ou semidiésel

43.732

4,27

6

Moluscos

36.914

3,61

7

Crustáceos

28.363

2,77

8

Filestes e demais carne de peixe

25.352

2,48

9

Madeira

18.871

1,84

10

Veículos automóbeis para transporte mercadorias

18.577

1,81

 
 

Principais produtos de exportación 1998

 

1

Veículos automóbeis transporte mercadorias

195.343

22,09

2

Veículos automóbeis transporte de máis de 10 persoas

91.761

10,38

3

Partes e acesórios de veículos automóbeis

60.022

6,79

4

Preparados e conservas de peixe

33.671

3,81

5

Peixe conxelado

29.603

3,35

6

Lousa natural

28.901

3,27

7

Moluscos

26.909

3,04

8

Téxtil

20.884

2,36

9

Aceites de petróleo ou de minerais bituminosos

19.751

2,23

10

Pasta química de madeira

13.370

1,51


Fonte: IGE. Dados en millóns.

Como xa expuxemos anteriormente, o sector do automóbel absorbe unha parte moi importante das relacións comerciais de Galiza co exterior; os primeiros postos por produtos, tanto nas compras como nas vendas (39,2% das exportacións e 26,5% das importacións), están relacionados con esta actividade económica.

Seguen-lle os produtos relacionados coa actividade pesqueira; entre os 10 primeiros produtos, 3 entre os de exportación e 4 entre os de importación están relacionados con este sector. A contia tan elevada de importación de produtos relacionados coa pesca explica-se polo elevado número de empresas mixtas que ten Galiza, a produción das cais entra aqui como foránea.

Lousa e téxtil son dous produtos importantes nas vendas ao exterior de Galiza.

Á vista dos anteriores dados, podemos concluir que a presenza de Galiza fóra das fronteiras do Estado español é ínfima; se exceptuamos as relacións inter-empresa da multinacional CITRÖEN, o máis destacable son os intercambios con Portugal, sobre todo as ventas a este país, onde se introduce unha gran diversidade de productos con incrementos importantes tódolos anos.


Ir ao sumário


A taxa de actividade situa-se nun mínimo histórico en 1998

As variacións máis significativas das principais variábeis básicas do mercado laboral galego ao longo do ano 1998 reflecten-se no cadro que se amosa a continuación.

Evolución das principais variábeis básicas

 
-

1997

1998

Povoación de máis de 16 anos

2.301,1

2.311,9

· Activos

1.105,9

1.110,4

– Ocupados

902,3

917,8

– Parados

203,6

192,6

· Inactivos

1.185,8

1.196,5


Fonte: Enquisa de Povoación Activa. Dados en miles. Médias anuais.

O que nun princípio pode ser unha característica positiva, como é o incremento da povoación en idade de traballar, torna-se negativa ao comprobar que a maioria desta povoación pasa a engrosar a lista de inactivos en vez da de activos. Asi, apesar do incremento destes últimos, a taxa de actividade en Galiza conseguiu un ano máis un mínimo histórico, e situou-se no ano 1998 no 48,03%. Lembremos que desde o ano 1994 a taxa de actividade en Galiza é inferior á de inactividade, tendéncia que non parece virar de signo á vista dos últimos dados. Pola contra, na média do Estado español –que até ese mesmo ano, 1994, era inferior á galega– desde ese momento produciu-se unha recuperación alcanzando nos dous últimos anos taxas superiores ao 50%.

Esta nova caída da taxa de actividade non afecta en igual medida aos homes que ás mulleres, mentres a taxa de actividade masculina aumentou con respeito a ano 1997 ao situar-se por riba do 59%, concretamente no 59,2%; a feminina descendeu até o 37,9%. Por primeira vez, situa-se por debaixo do 38% , utilizando os dados en médias anuais.

A taxa de actividade feminina alcanza
un mínimo histórico, o 37,9%, no ano 1998

O aumento da povoación activa supuxo un incremento da povoación ocupada e un descenso, proporcionalmente maior, da povoación parada.


O incremento da ocupación produce-se entre os asalariados

Os novos empregados distribuíron-se por situación profisional tal e como segue:

Evolución dos ocupados por situación profisional

 
-

1997

1998

Empresários sen asalariados

209,9

198,7

Empresários con asalariados

47,2

49,2

Axudas familiares

71,4

61,8

Asalariados

566,5

602,6

Outros

7,3

5,3

Total

902,3

917,7


Fonte: Enquisa de Povoación Activa. Dados en miles. Médias anuais.

O descenso do número de empresarios sen asalariados explica-se pola caída do emprego no agro, xa que, como é ben sabido, este sector compoñe-no principalmente pequenas explotacións familiares. O peche destas explotacións afecta ao número de empregados como axudas familiares, xa que é nas explotacións agrárias, xunto co pequeno comércio, onde este tipo de emprego ten unha maior presenza.

A povoación asalariada ten cada vez unha maior presenza na economia galega; no último ano aumentou un 6,3%. O 65,6% dos ocupados son asalariados.

A porcentaxe de asalariados con contrato temporal mantén-se por riba do 33%

Asalariados segundo tipo de contrato

 
-

1996

1997

1998

 

Total

%

Total

%

Total

%

Contrato indefinido

358,0

66,4

365,5

64,5

396,8

65,8

Contrato temporal

178,0

33,0

194,7

34,3

201,1

33,3

Non clasificábeis

2,6

-

6,2

-

4,6

-

TOTAL

538,7

100

566,5

100

602,6

100


Fonte: Enquisa de Povoación Activa. Dados en miles. Médias anuais.

Apesar de todas as axudas existentes para incrementar a contratación indefinida, os resultados non son moi esperanzadores. Ainda que neste último ano aumentou o número de asalariados con contrato indefinido, tamén aumentaron os que o teñen temporal, co cal as variación porcentuais son insignificantes. A porcentaxe de asalariados con contrato indefinido pasa dun 64,5% en 1997 a un 65,8% no ano seguinte, e os que teñen un contrato temporal descenderon un ponto, do 34,3% ao 33,3%.

Se nos remetemos ao ano 1996, ano anterior á aplicación da reforma laboral que pretendia potenciar a contratación indefinida, os resultados son máis dramáticos. A porcentaxe de asalariados con contrato temporal ao longo do ano 1998 incluso se incrementou lixeiramente, dun 33% a un 33,3%; pola contra os que teñen contrato indefinido descenderon dun 66,4% en 1996 a un 65,8%.

Con respeito a 1996, ano anterior á reforma laboral, a porcentaxe de
asalariados con contrato indefinido descendeu lixeiramente, do 66,4% ao 65,8%

A este elevado número de traballadores con contrato temporal temos que sumar a alta rotación do emprego que padecen.

Cada traballador con contrato temporal tivo unha
média de 2,7 contratos ano ao longo de 1998

Á vista deste dados, a tan coreada proclama do governo de conseguir baixar a taxa de temporalidade a un 20% nos catro anos de lexislatura parece difícil de conseguir.


Ir ao sumário


As mulleres galegas gañan perto dun 30% menos que os homes

A enquisa de salários da indústria e dos servizos que trimestralmente publica o INE permite-nos comparar as diferenzas salariais entre homes e mulleres en Galiza, e destes, cos do resto do estado.

A falta de dados para todas as variábeis de médias anuais obriga-nos a traballar con dados do IV trimestre, coas conseguintes limitacións que isto supón.

Ganáncia média por traballador e mes

 
-

Galiza

Média estatal

Total

208.323

240.722

Homes

223.642

255.544

Mulleres

160.457

195.613

Rátio mulleres/homes

71,7

76,5


Fonte: Enquisa de salários na indústria e nos servizos. IV trimestre 1998 INE. Dados en miles.

A igualdade entre homes e mulleres, plenamente recoñecida na lexislación, non se reflecte na nosa vida diária. O aceso ao mercado laboral segue sendo moito máis difícil para as mulleres; de feito a taxa de paro feminina alcanza ao 23,3%, mentres a masculina se situa no 13%. E entre as que teñen un posto de traballo, as diferenzas salariais cos homes son moi acusadas.

Na média estatal, as mulleres cobran un 23,5% menos que os homes; esta situación agrava-se no caso galego, ao perceberen-se aqui, en conxunto, uns salários inferiores á média estatal e ao perceberen as mulleres un salário porcentualmente máis baixo que a média estatal con respeito aos homes.

Os traballadores galegos cobran un 13,3% menos que os do resto do estado, con diferenzas grandes se falamos de homes ou mulleres; mentres entre os homes as diferenzas non chegan ao 13%, entre as mulleres son dun 18%.

Neste contexto, que o salário das traballadoras galegas sexa perto dun 30% inferior ao dos galegos converte-as nas pior pagadas desta relación.

En conxunto, os salários dos galegos e galegas son os quintos máis baixos do Estado español, tan só superiores aos de Castela- A Mancha, Canárias, Múrcia e Estremadura.


Ir ao sumário


O benefício empresarial consegue un máximo histórico en 1998

A publicación por parte da Central Trimestral de Balanzos do Banco de España dos resultados das empresas non financeiras, correspondente ao ano 1998, permite analisá-los e ver cal foi a sua evolución con respeito a anos precedentes.

Evolución resultados empresas non financeiras (%)

 
 

95/94

96/95

97/96

98/97

Valor da produción

9,9

6,9

9,1

3,3

Recursos xerados

18,8

7,5

19,1

9,8

Gastos de persoal

2,0

3,3

2,6

3,4

Resultado neto

11,6

15,2

20,0

22,7

Rendibilidade do activo neto

9,0

9,5

11,6

12,0

Intereses sobre financiamento recebido sobre os recursos alleos con custo

8,9

8,4

7,2

6,2

Rendibilidade dos recursos próprios

9,2

10,3

14,4

15,6

Rátio de endebedamento

46,0

40,8

38,6

38,6

Apancamento financeiro

0,1

1,1

4,4

5,7

Os dados son a média aritmética dos dados trimestrais.
Os dados da produción son crecimentos sobre o ano anterior. % sobre valor engadido en caso de resultados.


Fonte: Central de Balanzos Trimestral do Banco de España.

A ralentización no crecimento da produción e o forte incremento do benefício empresarial son as características máis suliñábeis dos resultados empresariales do último ano.

A produción aumentou un 3,3%, moi por baixo do 9,1 que aumentara o ano pasado; apesar deste declive na produción, a contención dos gastos de explotación (dun 10,1 a un 2,4% no ano 1998) e o descenso dos gastos financeiros (un -7,5%) fixo que o resultado neto conseguirse un máximo histórico, 22,7% do Valor Engadido Bruto.

O benefício empresarial alcanzou un 22,7% do VEB en 1998

O descenso tan forte das compras de materias primas foi un pear fundamental para que o descenso no medre da produción non se traducise nunha caída dos resultados; de feito o Valor Engadido Bruto medrou un 4,8%, cando o ano pasado o fixera un 5,3%.

No que atinxe a gastos de persoal, ainda que medraron máis que en 1997 (2,2 frente a 3,4 en 1998), a contia non é significativa; o positivo deste dado é que leva implícito criación de emprego, feito que non ocorria no exercício anterior.

A redución dos tipos de xuro que se deu nos últimos tempos na economia española tivo un efeito directo na conta de resultados das empresas; no último exercício a redución dos gastos financeiros foi dun 7,5%, de sumar uns menores gastos sobre financiamento (6,2) a un menor nível de endebedamento. O apancamento financeiro (diferenza entre rendibilidade e custo dos recursos) alcanzou un valor moi alto, 5,7.

Este forte incremento do benefício vai parello a unha mellora substancial das rendibilidades.

A rendibilidade do activo neto alcanzou un 12%, contia importante en si mesma, e máis se vemos que a tendéncia é crecente; ano a ano vén aumentando o valor deste rátio.

No que atinxe á rendibilidade dos recursos próprios, é dicer, a rendibilidade do investimento dos proprietários da empresa alcanzou un 15,6% en 1998, seguindo coa tendéncia crecente dos últimos anos.

Un ano máis temos que pedir que estes bos resultados se traduzan nunha criación importante de postos de traballo, non só na mellora das rendas dos empresários.


Ir ao sumário


A inflación interanual situa-se en marzo no 2,2%

A inflación medida através do Índice de Prezos o Consumo alcanzou no mes de marzo o 2,2.

Por grupos de produtos, foron os servizos, cun índice do 3,8, e os alimentos sen elaboración, que aumentaron un 3,2, os máis inflacionistas. No polo oposto, están os carburantes e os produstos enerxéticos, que descenderon arredor dun 3%.

Evolución do IPC no Estado español

 

Gráfica IPC

Galiza situa-se duas décimas por riba da média estatal, con fortes diferenzas dunha província a outra. A província de Pontevedra apresenta-se como a máis inflacionista, alcanzando a taxa interanual o 3%, segue-lle Lugo cun 2,5; e logo, xa por debaixo da média estatal, Ourense cun 2,1 e A Coruña cun 2%.

Para as mesmas datas en Galiza situa-se no 2,4%

Volver ao índice


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 22/06/2001