Informes Economia ![]()
Nº 13 - 3º trimestre 99
Galiza perde posicións no Estado español
Diverxéncia real Resultados record das empresas galegas A inflación interanual situa-se en xuño no 2,2%
Como en anos anteriores, consideramos importante analisar os dados que sobre a evolución económica publica anualmente a Fundación das Caixas de Aforro Confederadas para a Investigación Económica e Social (FUNCAS), por ser a única publicación que facilita dados sobre renda, renda por habitante, produtividade do traballo, converxéncia...
No que atinxe á produción, Funcas estima un crecimento da economia (3,9%) superior ao divulgado recentemente polo IGE (3,4%); no que si coinciden é na tendéncia: Galiza medra máis que o ano anterior e medra menos que a média do Estado español, pero neste caso as diferenzas son maiores; mentres Galiza aumenta a sua produción nun 3,9%, a média do Estado español medra un 4,6%, colocando-se unha vez máis Galiza nos últimos lugares das taxas de clasificación por crecimento, superando unicamente a Astúrias.
Esta evolución, crecimento inferior á média do Estado español, non é unha novidade deste último ano senón algo característico da última década. Afondando máis nos dados facilitados por FUNCAS vemos que en todas as variábeis Galiza perdeu posición desde 1985. Proba disto son os dados seguintes:
Participación porcentual das autonomias | ||
1985 | 1998 | |
| Povoación | 7,29 | 6,82 |
| VAB custo de factores | 5,91 | 5,77 |
| PIB custo de factores | 5,89 | 5,76 |
| Rendas directas das famílias | 5,89 | 5,77 |
| Renda familiar bruta disponíbel | 6,65 | 6,39 |
Fonte: “Evolución económica regional en 1998”. Cuadernos de información económica, núm. 147. FUNCAS. | ||
En 1985, ano anterior á entrada do Estado español na -daquela- Comunidade Económica Europea, Galiza acollia o 7,29% do povoación existente no Estado español; trece anos máis tarde, só acolle ao 6,82%.
Esta perda de peso do número de habitantes en Galiza fai que outros indicadores utilizados, como PIB ou renda per cápita, non baixen nunha proporción maior; xa que a produción, tanto medida en termos de VEB como de PIB, tamén perde posicións. Do 5,99 ao 5,77% no que atinxe ao VEB, e do 5,89 ao 5,77 se temos en conta o PIB. O mesmo pasa en termos de renda, onde a maior caída da participación se produce na renda familiar bruta disponíbel ao pasar do 6,65% ao 6,39% da média estatal.
Volvendo ao comportamento da economia galega no último ano e nos anos imediatamente anteriores, vemos que, mália seren anos de crecimento económico, non se avanzou nada en termos de converxéncia real co resto do Estado. Os dados que expomos a continuación permiten-nos facer esta aseveración:
Principais variábeis macroeconómicas | |||||
1994 | 1995 | 1996 | 1997 | 1998 | |
| PIB por habitante (média EE) = 100 | 84,64 | 84,32 | 84,04 | 84,20 | 84,40 |
| Renda Rexional Bruta por hab. EE =100 | 82,21 | 82,12 | 81,62 | 82,00 | 81,93 |
| Renda Familiar Bruta disp. por hab. EE=100 | 91,15 | 90,93 | 89,44 | 90,52 | 90,86 |
| Converxéncia Real. EE =100 | 84,78 | 84,31 | 83,98 | 84,13 | 84,40 |
| Converxéncia Real Europa 15 = 100 | 67,50 | 68,00 | 69,10 | 70,20 | 71,70 |
| Nota: EE = Estado español. | |||||
Fonte: “Evolución económica regional en 1998”. Cuadernos de información económica, núm 147. FUNCAS. | |||||
Á vista dos dados anteriores talvez se pode definir a situación como de estancamento, xa que, apesar de ser certo que desde o ano 1996 se mellora unhas décimas a posición con respeito á média do Estado, ainda non se alcanzaron as porcentaxes nas que estábamos situados en 1994. Este comportamento é comun en todas as variábeis analisadas no cadro anterior con respeito ao Estado español.
Como dixemos anteriormente, esta “lixeirísima mellora” ou estacamento das posicións desde o ano 1996, foi posíbel pola perda de poboación que constantemente se vén producindo en Galiza nos últimos anos. Asi, mália que o incremento da economia -medida en termos de Produto Interior Bruto- é menor, os índices per cápita melloraron posicións, o que nos pode levar a unha eufória infundada, pois que, precisamente, nas Comunidades Autónomas onde máis medrou a produción foi naquelas onde tamén máis medrou a povoación.
Este medre importante e equilibrado doutras economias fixo que a converxéncia con Europa subise posicións. Deste xeito, en 1994, o conxunto do Estado español alcanzaba o 79,6 da média europea, e 5 anos máis tarde o 84,9%. Neste ranking Galiza unha vez máis perde posicións; ainda que en 1994 estaba no 67,5 da média europea e en 1998 no 71,7, perdeu posición dentro do Estado: en 1995 situaba-se a 12,1 pontos da média e en 1998 a 13,2.
![]()
O informe que anualmente publica ARDAN sobre os resultados das princiapis empresas galegas (o estudio do ano 1999 comprende as 11.000 empresas cunha maior cifra de ingresos de explotación en 1997) permite-nos ver cal foi a evolución económica destas no último ano.
Evolución da actividade: Ingresos, Custos e Resultados | |||||
ano 1996 | ano 1997 | taxa | |||
| - | millóns pta | % | millóns pta | % | 96/97 |
| Ingresos de explotación | 4.193.866,7 | 100,00 | 4.756.902,6 | 100,00 | 13,43 |
| Consumos e outros gastos de explotación | 3.360.650,5 | 80,13 | 3.809.496,9 | 80,08 | 13,36 |
| Valor Engadido Bruto | 833.216,1 | 19,87 | 947.405,7 | 19,92 | 13,70 |
| Gastos de persoal | 564.570,8 | 13,46 | 620.514,2 | 13,04 | 9,91 |
| Rendimento económico bruto explotación | 268.645,5 | 6,41 | 326.891,5 | 6,87 | 21,68 |
| Amortizacións | 101.727,3 | 2,43 | 124.415,4 | 2,62 | 22,30 |
| Rendimento económico neto explotación | 166.917,9 | 3,98 | 202.476,0 | 4,26 | 21,30 |
| Carga financeira | 41.811,7 | 1,00 | 34.757,8 | 0,73 | -16,87 |
| Rendimento de actividades ordinárias | 125.106,2 | 2,98 | 167.718,1 | 3,53 | 34,06 |
| Rendimento de actividades extraordinárias | 5.624,6 | 0,13 | 17.890,3 | 0,38 | 218,07 |
| Rendimento antes de impostos | 130.730,8 | 3,12 | 185.608,4 | 3,90 | 41,98 |
| Impostos | 31.145,7 | 0,74 | 53.868,9 | 1,13 | 72,96 |
| Rendimento neto do exercício | 99.585,1 | 2,37 | 131.739,4 | 2,77 | 32,29 |
| Cash-Flow | 201.312,4 | 4,80 | 256.154,9 | 5,38 | 27,24 |
Fonte: ARDAN. Galiza 99. Directório e Informe Económico-financeiro. | |||||
A primeira conclusión que se pode tirar á vista dos resultados anteriores é o bo ano que foi para as empresas galegas 1997. Apresentan unha conta de Perdas e Ganáncias “inmellorábel” sobretodo no que a resultados se refere. O incremento dos ingresos de explotación por riba do 13%, xunto a unha ralentización no crecimento de gastos como os de persoal e financeiros, fixo que os resultados antes de impostos aumentasen un 42% con respeito a 1996.
A mellora na situación das empresas manifesta-se en calquera das variábeis utilizadas. Non cabe dúbida que o forte incremento da produción foi un pear fundamental para xerar esta situación, pero existen outros factores, externos ao mundo empresarial, que contribuíron a que esta situación se producise.
A redución dos gastos financeiros é debida unicamente a redución do tipo de xuro, xa que as empresas non aproveitaron o financiamento que xera o descenso do tipo de xuro para reducir nivel de endebedamento; proba disto é que o rátio de endebedamento se mantén nos mesmos valores que no ano anterior (2,4), apesar do cal a carga financeira das empresas se reduciu un 16,8% no ano 1997, situando-se estes gastos por baixo do 1% dos ingresos de explotación.
As cuantiosas subvencións que ano a ano veñen recebendo as empresas galegas (no exercício 1997 situaron-se arredor dos 100.000 millóns as recebidas através da Xunta de Galiza) é outro dos factores alleos á xestión das empresas que están axudando á consecución de tais resultados.
Estas subvencións tiñan como finalidade principal, a meirande parte delas, a criación de emprego, fin que non se logrou, senón todo o contrário (lembremos que en 1997 se producira un descenso da povoación ocupada galega do 0,9%), polo que as ditas subvencións pasaron a ser unha axuda directa á renda dos empresários.
A falta de criación de emprego neto en Galiza reflecte-se na conta de resultados das empresas nunha ralentización no ritmo de crecimento dos gastos de persoal; concretamente aumentaron un 9,91% no ano 1997 fronte a un aumento da produción do 13,4%. Este incremento da produtividade do traballo foi outro dos factores fundamentais para a obtención de tais resultados.
Este conglomerado de elementos xunto a un bo momento económico no entorno en que se desenvolve a economia galega confluíron nun incremento dos resultados antes de impostos do 42% dun ano para outro.
Os benefícios antes de impostos aumentaron un 42% no ano 1997 |
É a rendibilidade financeira, a rendibilidade dos proprietários das empresas, a que alcanza uns maiores valores; concretamente no ano 1997 situa-se no 15,23%, dous pontos superior ao ano anterior.
Ainda que podemos dicer que todos os sectores económicos tiveron unha evolución positiva, existen diferenzas entre uns e outros tal e como se reflecte no cadro seguinte:
Evolución da actividade: taxas de variación | ||||
S. primário | Indústria | Construción | Servizos | |
| Ingresos | 11,8 | 12,31 | 24,89 | 10,57 |
| Gastos de persoal | 6,84 | 10,26 | 9,45 | 12,32 |
| Carga financeira | -20,9 | -7,91 | -6,58 | -12,51 |
| Rendimento antes de imptos | 20,6 | 73,49 | 32,51 | 34,18 |
| Rendimento neto | 13,8 | 45,10 | 35,73 | 39,40 |
| Cash-Flow | 14,8 | 35,65 | 27,14 | 30,18 |
Rendibilidade | ||||
| Rendibilidade económica | 6,31 | 7,01 | 6,67 | 8,27 |
| Rendibilidade financeira | 12,66 | 16,54 | 15,26 | 17,14 |
Fonte: ARDAN. Galiza 99. Directorio e Informe Económico-financeiro. | ||||
Todos os sectores incrementaron os seus ingresos de explotación por riba do 10%, pero destaca, sobretodo, o forte incremento da construción, que se achega ao 25%. Este ano corresponde-se cun ano de forte actividade de obra pública en Galiza, o cal influíu nestes bos resultados. Apesar deste aumento, a construción representa o 14,8% do volume total de ingresos das empresas obxecto deste estudo.
O sector industrial fornece o 44,08% do volume total de ingresos, o que significa que neste sector están encadradas as empresas con maior volume de actividade. No ano 97 aumentou a sua cifra de negócios un 12,31%, lixeiramente por debaixo da média galega, pero cumpre salientar, sobretodo, o forte aumento dos benefícios antes de impostos, que medraron un 73,49%, o 45,1% despois de impostos. A estes resultados contribuíron de maneira desigual os distintos subsectores que o compoñen: o de bens de equipo (o de maior peso dentro do grupo) é onde se xera o incremento de benefícios maior; ao pasar de perdas en 1996 a obter importantes benefícios o ano seguinte. No polo oposto están as indústrias de bens de consumo, nas que, ainda que aumentaron fortemente os ingresos, os benefícios descenderon proporcionalmente. O subsector enerxético permaneceu estancando con respeito ao ano 1996.
O sector primário e servizos, con crecimentos de ingresos semellantes, alcanzan resultados moi diferentes motivado pola distinta evolución dos gastos de explotación; no sector primário, os gastos en inputs aumentaron proporcionalmente máis que os ingresos, de aí que a suba dos resultados antes de impostos fose moi inferior a no resto dos sectores.
No que atinxe ás rendibilidades, son altas en todos os sectores, sobretodo a financeira.
A inflación, no mes de xuño de 1999, mantense nos mesmos valores que fai un ano, logo de alcanzar cotas mínimas históricas nos meses finais de 1998.
Evolución do IPC no Estado español |
|
En Galiza para estas mesmas datas a inflación interanual situa-se no 2,4%, duas décimas por riba da media estatal.![]()

Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com
ÚLTIMA REVISIÓN: 22/06/2001