Orzamentos 2001 CIG-Gabinete de Economia- Orzamentos 2001 Para o ano 2001, prevé-se un incremento dos orzamentos consolidados de Galiza (administración xeral e organismos autónomos) do 8,1%, dous pontos superior ao aumento rexistrado o ano anterior. Neste ano son os ingresos correntes os que sofren o aumento maior (8,2%), acadando o 86,3% do total orzamentado. Os ingresos de capital medraron un 7,9% e acadan o 13,6% do total. As diferenzas por capítulos amosamo-las no cadro posterior:
Os ingresos non financeiros son os únicos nos que se prevé un incremento con respeito ao ano anterior, concretamente un 9%, mentres os financeiros descenden un 10,7% debido ao descenso do endebedamento previsto no ano 2001, que pasa de 43.185 millóns a 35.860 millóns. No que atinxe ás principais fontes de ingresos, temos que denunciar un ano máis a perda de autonomia financeira que padece Galiza. A suma dos tres primeiros capítulos desta clasificación económica é o que se coñece como tal. No ano 2001 prevé-se que tan só o 11,6% do incremento dos ingresos corresponde a estes capítulos; no ano 2001 representan o 12,6% do total dos ingresos, unha décima menos que o ano anterior, cantidade preocupante canto xa contamos cun peso relativo moi baixo destes ingresos. Son as transferéncias do exterior as que máis medran; o 88,4% do total do incremento do orzamentado debe-se a este tipo de ingresos. A previsión para o ano 2001 é que acaden o 82,8% do total dos ingresos, case un ponto máis que o ano anterior. Dentro dos ingresos transferidos, a contia máis importante provén do Estado español, ainda que tamén é significativa a cantidade que se recebe directamente da Unión Europea. A continuación amosamos a evolución segundo proveñan da administración do Estado ou da Unión Europea cara á administración xeral da Xunta de Galicia, segundo as distintas partidas. Faltan as transferéncias aos organismos autónomos, onde a máis importante é ao Servicio Galego de Saúde (Sergas), cunha contia de 338.672 millóns para o ano 2001.
Do total transferido á administración xeral (sen incluir organismos autónomos), prevé-se que o 86,05% proveña da administración do Estado, perdendo peso con respeito ao ano anterior en que as ditas transferéncias acadaban o 88,0% do total. A partida de maior importáncia económica dentro destas é o PIE (participación nos ingresos do estado), e medra por riba da média dos orzamentos; o mesmo ocorre coa maioria das partidas máis importantes salvo o FCI (Fundo de Compensación Interterritorial), no cal un ano máis descende a participación de Galiza, tanto en valores absolutos como relativos. Para o ano 2001 descende un 6,1% a contia que recebe Galiza através do FCI; en valores absolutos significa pasar de 24.755 millóns a 23.247 millóns. Respeito ao peso dentro do Estado, pasa de receber o 17,8% deste fundo no 2000 ao 15,8% no 2001. O dito fundo aumenta a contia un 3,6% para o conxunto do Estado no ano 2001. Se Galiza recebese menos por esta via por mellorar a sua posición dentro do Estado español estaríamos de noraboa, pero a realidade é ben distinta; mália os aumentos importantes da produción que se deron en Galiza nos últimos anos, non foron suficientes para acurtar distáncias coa média estatal. Segundo as fontes máis optimistas mantemo-nos na mesmas posicións, e segundo as máis pesimistas perdemos peso; en calquer caso no que si existe unanimidade e en que Galiza está perdendo povoación, e como esta é unha das variábeis que máis pondera na distribución deste fundo, Galiza diminuíu a porcentaxe de participación. Un ano máis vemo-nos na obriga de insistir na redefinición destas variábeis para que o reparto deste fundo sexa máis equitativo. Pola sua banda os recursos procedentes da Unión Europea dentro do Marco de Apoio Comunitário 2000-2007, acadaron a contia de 83.045 millóns, un 28,5% superior ao orzamentado o ano anterior. As contias máis importantes corresponden ao FEOGA (destinado á agricultura e o desenvolvimento rural) e o FEDER (para financiamento de infraestruturas) con 27.881 e 27.608 millóns de pesetas respectivamente e un incremento do 27,7 e 23,0% no último ano. O IFOP (destinado a accións estruturais no sector pesqueiro) é o terceiro máis dotado con 12.831 millóns de pesetas e un aumento do 20% para o ano 2001. O FSE, despois do retroceso que sofrera o ano anterior, prevé-se un aumento importante do mesmo para o ano 2001, do 74,3% até acadar os 11.014 millóns. O Fundo de Coesión é o que máis medra, un 85,8% por riba do ano anterior e acada os 3.711 millóns. Por último, os ingresos financeiros descenden un 10,7% debido ao descenso dun 17% do capítulo IX, -apesar de que os ingresos derivados de activos financeiros aumentan fortemente pero ainda asi acadan unha cantidade moi pequena-; A Xunta prevé un endebedamento novo nos orzamentos para o ano 2001 por valor de 35.860 millóns de pesetas, un 10,7% menos que o fixera o ano anterior, o cal prevé destinar na sua totalidade a amortización de débeda acumulada. Resumindo, segundo o orzamento consolidado de ingresos, o 12,6% dos ingresos proceden de ingresos próprios, o 82,8% de transferéncias do exterior, o 3,4% de endebedamento e o 1,2% restante de ingresos patrimoniais e alleamento de investimentos. Con respeito ao ano anterior detecta-se un lixeiro descenso dos ingresos próprios e do endebedamento mentres soben lixeiramente as transferéncias do exterior. Polo que atinxe aos gastos, a distribución económica amosamo-la no cadro seguinte:
Dentro do orzamento consolidado de gastos, os maiores incrementos producen-se nos gastos financeiros que aumentan un 39,8%; os non financeiros aumentan un 7%, por baixo da média do medre do orzamento global. Esta ralentización dos gastos non financeiros é pola evolución dos gastos correntes que medran un 5,4% mentres as operacións non financeiras de capital medran un 13% neste último ano. É o aforro por operacións correntes a partida financiadora das operacións de capital na sua totalidade, é dicer, non se prevé endebedamento neto para o ano 2001, toda a débeda pública que se pretende emitir no ano 2001 vai destinada a amortizar débeda anterior. Os gastos de persoal aumentan un 5,4%, incremento similar ao experimentado o ano anterior. Xunto ao incremento retributivo do 2% previsto para ao próximo ano, axudan a esta medra dos gastos de persoal os derivados de educación (no ano 2000 como consecuéncia de aplicación da LOXSE criaron-se novas prazas nesta conselleria, os gastos da cal non afectaron a todo o ano, e neste ano xa se orzamentan por 12 meses), do traspaso de persoal contratado para a loita contra os incéndios forestais que antes estaba orzamentado no capítulo VI..., incremento de persoal non se prevé para o ano 2001. 2.625 millóns de pesetas deste capítulo non están asignados a nengunha consellaria á espera dos acordos que se alcanzen na mesa da función pública sobre consolidación do emprego estrutural. Dentro das operacións correntes, o maior incremento produce-se en gastos en bens correntes e servizos que medran un 8,6%, por riba do crecimento global dos orzamentos. No que atinxe ás transferéncias correntes, a contia máis importante é un ano máis absorbida polo Sergas debido fundamentalmente ás receitas médicas que se seguen incrementando, as transferéncias á consellaria de educación tamén son importantes, dentro desta consellaria destacan as feitas ás universidades (31.701 millóns) e os centros concertados de ensino primário e ESO, que este ano chega até os 19.896 millóns, un 8,7% superior ao ano anterior. Cun incremento do 5,7% sobre o ano anterior, a Renda de Integración Social acada para o ano 2001 os 2.458 millóns de pesetas, perdendo peso neste próximo ano sobre o total orzamentado ao incrementar-se menos que a média do orzamento. Centrando-nos nas operacións non financeiras de capital, investimentos reais e transferéncias de capital, neste ano prevé-se un medre do 13% até acadar os 245.059 millóns. Destes, 131.618 millóns corresponden a investimentos reais, o que supón o 2,6% do valor engadido bruto previsto para o ano 2001; nen tendo en conta os dous capítulos non financeiros de capital se alcanza o 5% do VEB, promesa feita hai xa uns anos polo governo autonómico. Un ano máis temos que denunciar a inclusión de partidas dentro deste capítulo que dificilmente se poden considerar investimentos, falamos desde campañas de prevención de enfermidades, de sensibilización, asisténcias técnicas, formación do profesorado, vixiláncia e prevención de incendios... é dicer, desde gastos de persoal até campañas que máis ben poderíamos considerar gastos correntes. En conxunto este tipo de gastos alcanzan en torno ao 10% do total do capítulo. Polo que atinxe ás transferéncias de capital son as empresas privadas as que copan a porcentaxe maior, no ano 2001 o 33% do total do capítulo, 41.386 millóns de pesetas. Seguen-lle as empresas públicas, co 20,6%, e a continuación os organismos autónomos. As famílias e institucións sen fin de lucro tan só receben o 8,6%. Tan importante como coñecer a distribución por capítulos do gasto é coñecer a distribución funcional. Dados que se amosan no cadro que achegamos a seguir. Do total orzamentado, a contia de gastos máis importantes é a que se corresponde coa produción de bens públicos de carácter xeral que acapara o 61,3% do total, un ponto menos que o ano anterior, descenso debido á redución noutros gastos comunitários e sociais motivado pola redución dos gastos en radiodifusión e TVG. Os gastos en sanidade son os que acaparan a porcentaxe maior, co 51,3% do grupo seguido de educación co 36,5%. A produción de bens públicos de carácter económico é o segundo grupo funcional en importáncia, onde están incluídos os investimentos en infraestruturas básicas e de transporte..., están asi mesmo dentro deste grupo os gastos destinados a I+D. A Xunta de Galicia destina a este programa (I+D) 8.236 millóns de pesetas, o 0,7% do total do orzamento, porcentaxe idéntica á destinada o ano anterior. Non se aprécia, en vista deste dado, unha aposta clara e forte por este tipo de programas, feito que desde a CIG consideramos grave xa que é por todos recoñecido a importáncia que teñen este tipo de investimentos para o futuro desenvolvimento da base produtiva e da criación de emprego de calidade do país, máxime cando a iniciativa privada non actua como motor papel que polo tanto lle corresponderia asumir á administración.
É, asi mesmo, o investimento en I+D un dos eixos básicos dentro do PEDEGA (plan estratéxico de desenvolvimento económico de Galiza), considerado como un referente estratéxico clave para o período 2000-2006. Se nos atemos aos dados anteriores, todo parece indicar que non se cumpren as directrices propugnadas desde a própria administración, xa que os gastos neste tipo de programos se manteñen nas mesmas porcentaxes que no ano 1999, ano anterior á posta en marcha do PEDEGA. Os gastos destinados a sectores produtivos configuran os grupos de funcións 6 e 7, que en conxunto suman 91.759 millóns de pesetas; 43.391 millóns corresponden ao plano de crecimento e emprego. A porcentaxe maior deste corresponde ao sector primário con 62.019 millóns, o 67,5%. A promoción do emprego prevé-se destinar unha contia de 29.815 millóns de pesetas ao longo do ano 2001, un 5.9% máis que no ano 2000. O obxectivo prioritário da política da Xunta de Galicia para o ano 2001 centra-se na consecución do orzamento “equilibrado” ou déficit público cero; ao igual que os orzamentos do Estado español evidéncia unha aplicación exacerbada dos obxectivos estabelecidos no tratado de Maastrich, cando a marxe marcada neste tratado situa o déficit público no 3% do PIB de todas as administraccións públicas do Estado español e o contexto socioeconómico non parece o adecuado para este tipo de fins. No afán de conseguir un orzamento de déficit cero, non se prevé aumentar o endebedamento no ano 2001. Asi, dos gastos destinados á débeda pública: 65.939 millóns de pesetas, 35.860 millóns, o total do endebedamento novo deste ano corresponde á amortización da débeda existente e o resto ao pagamento de intereses. As bases que utiliza o Executivo galego para o cálculo deste estado financeiro están á data de hoxe moi afastados da realidade. O último dado de inflación coñecido para Galiza é, a dia de hoxe, a do mes de outubro do 2000, e situa-se no 3,6%, mentres as previsións oficiais seguen a manter-se no 2% para o conxunto do ano 2000, taxa imposíbel de conseguir a estas datas. Pero é esta previsión oficial a que se utiliza para calcular o incremento de, entre outras, cousas os gastos de persoal. É polo tanto un déficit cero conseguido, alén doutros motivos, a custa dunha forte perda de poder adquisitivo entre os traballadores públicos, un ano máis. As famílias e os traballadores son outros dos prexudicados. Mentres as transferencias ás empresas alcanzan contias moi importantes, non é unha esaxeración falar de 100.000 millóns de pesetas por distintas vias, o destinado ás familias é moi cativo. É difícil cuantificar especificamente que cantidades van destinadas a famílias, xa que a maioria das transferéncias van a famílias e institucións sen ánimo de lucro indistintamente, e dentro de institucións sen ánimo de lucro existe unha variedade moi grande e con fins moi diversos. Mentres no contexto europeo os governos reforzaron as políticas familiares con especial atención ao fomento da natalidade; no Estado español este tipo de gastos están praticamente conxelados desde o ano 1997;- segundo unha información aparecida no xornal Gaceta de los negocios-, no 0,4% do Produto Interior Bruto, cando na média da Unión Europea este tipo de gastos alcanza o 2,2% do PIB. Numerosos expertos veñen demandando definir unha nova política de protección familiar que integre medidas económicas, fiscais e de servizos que responda as novas demandas, e neste senso o fomento da natalidade é un aspecto clave. A Xunta de Galiza fai ouvidos xordos deste tipo de recomendacións (coa agravante de que é a segunda comunidade con menores taxas de natalidade e cunha povoación moi avellentada), e non fai unha aposta importante para compatibilizar a vida laboral e familiar. Con 475 millóns de pesetas destinados ao chamado cheque asistencial dá por resolto o problema da terceira idade. Con destino á infáncia non se apresenta nengunha novidade, a Xunta non ten previsto criar nengunha gardaria pública própria; nestes momentos para ter aceso gratuito a unha gardaria, pública ou privada, é necesário viver en condicións de extrema pobreza. A CIG fixo propostas neste senso nos orzamentos que estamos a analisar (tais como, incrementar o número de gardarias públicas, modificar o baremo para ter aceso a axudas nas gardarias, modificar horários, incrementar o período de baixa maternal remunerado para que as mulleres, sobretodo as de baixos salários, non se vexan obrigadas a abandonar o mercado laboral por esta razón...), e non vimos, por parte da Xunta, a receptibilidade que caberia esperar dada a situación na que está o noso país, negando-se rotundamente tanto a incrementar o número de gardarias públicas próprias como o período de baixa maternal remunerado. No afán de que este período de “auxe económico” beneficiase dalgunha forma tamén aos traballadores (como se dixo enteriormente, as empresas receben cuantiosas transferéncias nun ano en que, segundo acaba de publicar o Banco de España, incrementaron os seus benefícios unha média do 43% no primeiro semestre do ano), outro tipo de medida que a CIG reivindicou á Xunta era a implantación da chamada “Renda Básica”, unha axuda destinada a parados de longa duración con fortes dificuldades de reinserción no mercado laboral; en Galiza o 40% dos parados levan máis de 2 anos nesta situación e o 30% máis de 3. No mes de novembro, a inflación interanual sitúase no 4,1% Lonxe das previsións do governo, que vaticinaba un inflación interanual do 2% para a no 1999, cando falta un mes para rematar o ano a inflación interanual sitúase no 4,1%, máis do dobre do pronosticado.
Se ben é certo, que os productos derivados do petróleo contribuiron a acadar estas elevadas taxas de inflación, non explican por si mesmos os índices acadados. A inflación subiacente, que non inclue alimentos non elaborados nin productos enerxéticos, sitúase no mes de novembro no 2,9%.
ÚLTIMA REVISIÓN: 20/02/2001 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||