| Informes Economia Nº 21 A taxa de temporalidade por riba do 36% no terceiro trimestre de 2002
| ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
A taxa de temporalidade por riba do 36% no terceiro trimestre de 2002 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
A nova metodoloxia que comezou a aplicar-se a partir do primeiro trimestre do ano 2001 en canto a definición de parado, explica o cámbio cuantitativo importante que se dá en todas as variábeis. O terceiro trimestre do ano é tradicionalmente bo para o mercado de traballo xa que comprende os meses do ano de maior actividade turística, que supoñen normalmente un aumento importante do número de ocupados. Este ano non foi unha excepción, e de feito aumentou o número de ocupados en Galiza nun 1,7% –18.700 en termos absolutos– e é no sector servizos onde se crian a maioria dos novos postos de traballo, concretamente 15.500. Mália este aumento que se dá con respeito ao trimestre anterior, a evolución interanual non é nada esperanzadora. Os dados que se reflecten a seguir permiten-nos facer a dita aseveración:
Os 23.000 novos activos que se incorporaron ao mercado laboral galego neste último ano viron as súas expectativas frustradas ante a falla de oportunidades de emprego en Galiza. A situación económica que estamos a viver, de forte desaceleración económica, ten o seu maior expoñente na ralentización de criación de postos de traballo. O INEM, cos dados de paro rexistrado, ven-nos reflectindo mes a mes unha situación moi preocupante que agora a EPA non fai máis que confirmar. De feito, estes novos activos –moitos deles que saen a luz coa nova metodoloxia que utiliza agora a EPA– pasan a engrosar fundamentalmente as listas de parados; de feito as persoas ocupadas somente medran un 0,4%, o que en valores absolutos significa 4.700 novos ocupados, mentres o número de parados se incrementa nun 15,19%, o que significa 18.300 novos parados máis que no terceiro trimestre do ano 2001. O emprego feminino, que nos últimos tempo viña tendo un comportamento positivo, é o primeiro en sofrer os efeitos de crise; de feito, desde setembro do 2001 destruíron-se 9.800 empregos femininos en Galiza, o que significa un 1,5% en termos relativos. Asi, o número de paradas aumentou un 24,6%, 17.500 mulleres máis nesta situación que hai un ano
As graves e precárias condicións laborais que ten a muller traballadora galega fai-na máis vulnerábel ante calquer cámbio; de feito vemos como ante un empioramento da situación económica xeral, quen primeiro sofre as consecuéncias son as mulleres. As altas taxas de temporalidade que padecen, explican en parte este fenómeno. A temporalidade, outro mal xa endémico do noso mercado laboral, segue aumentando. No último ano a evolución foi a seguinte:
A tendéncia á asalarización do emprego mantén-se neste último ano; de feito aumentou nun 3,9% –pasando de 769.900 a 800.600– o número de asalariados en Galiza; pero seguen sendo maioritariamente asalariados con contrato temporal; asi, a taxa de temporalidade aumenta en máis de meio ponto neste último ano.
Esta elevadísima temporalidade do emprego en Galiza, con consecuéncias nefastas para a economia en xeral pola incerteza que lles xera aos afectados, que os inibe ante a toma de decisións importantes que afectan ao consumo, demografia, etc., neste último ano afectou en maior medida ás mulleres que aos homes; deste xeito, a taxa de temporalidade da muller asalariada en Galiza subiu até un 40,4% no terceiro trimestre de 2002, desde xa un alto índice do 37,9% que alcanzara polas mesmas datas no ano 2001. Entre os homes, ainda que con taxas menores, non deixa de ser moi preocupante que o 33,3% –7 décimas menos que hai un ano–, dos asalariados se manteñan no mercado laboral cun contrato inestábel. A própria Comisión Europea denunciou recentemente a alta taxa de temporalidade que sofre o Estado español, e considera preocupante que non se reduza este alto nível de inestabilidade laboral. Cumpre lembrar que, de média, na Unión Europea, só o 13,2% do emprego é temporal, níveis que case se triplican en Galiza. Altas taxas de temporalidade e altas taxas de paro, parecen ser as características definitórias do noso mercado de traballo. De feito, o número de parados, mália o descenso dun 3,2% con respeito ao trimestre anterior, aumentou en 18.300 parados nun ano, afectando fundamentalmente ás mulleres, que son as que en maior medida se viron afectadas; de feito 17.500 dos novos parados son mulleres. Asi, a taxa de paro global situa-se no 11,4% da povoación activa, 7,1% a masculina e moito máis do dobre, 17,2% a feminina. Se comparamos a situación da taxa de paro en Galiza coa das outras comunidades autónomas, non saímos nada ben parados; somente Andalucia e Estremadura –as duas comunidades máis pobres do Estado– superan altamente as taxas de paro galegas; é, polo tanto, Galiza é a terceira comunidade con maior porcentaxe de persoas activas sen emprego. No que atinxe á povoación inactiva, onde perto do 50% son xubilados e pensionistas –o que nos dá unha primeira aproximación ao avellentamento da nosa sociedade–, alcanza a 1.150.700 persoas, un 0,8% menos que hai un ano. Este descenso debe-se á forte baixa do número de estudantes que reflecte a enquisa, que pasa de 220.400 a 201.100. No polo oposto está a evolución das persoas adicadas a labores de casa, que se incrementan nun 1,1%, froito, fundamentalmente, da perda de postos de traballo femininos, o que obriga as mulleres a retornaren ao traballo non remunerado.
O outro indicador do desemprego que existe no Estado español, o paro rexistrado no Instituto Nacional de Emprego (INEM), confirma a mesma tendéncia da EPA: forte aumento do paro con respeito ao ano anterior. Os últimos dados publicados son os relativos ao mes de outubro e falan-nos dun aumento mensual do 5,23% e dun interanual do 9,21%. Sé estes dous dados son explícitos da etapa que estamos a atravesar. Ainda que é certo que no mes de outubro normalmente se dá o incremento dos desempregados por coincidir co fin da época estival, os dados deste último mes fan-nos pensar que a situación é máis séria que iso; vexamos os dados dos últimos anos do mes de outubro.
Non so é o outubro, dos últimos anos, o mes en que máis medra o número de desempregados; a gravidade neste último ano está na evolución interanual, xa que por primeira vez en moitos anos se dá un incremento dos parados con respecto ao ano anterior e nun cifra nada desprezábel de perto de 12.000 persoas. Cremos ter, á vista dos dados anteriores, razóns fundadas para estar preocupados sobre a situación laboral en Galiza, máxime nunha época do ano onde se están a piques de aprobar os orzamentos para o ano próximo e o único que parece importar-lle á Xunta de Galiza é acadar o déficit cero, a custo, ainda que sexa do benestar da sociedade. | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Desaceleración do PIB | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Desde comezos do ano 2000, a actividade económica vén marcando un forte proceso de desaceleración; o último dado dispoñíbel correspondente ao segundo trimestre do 2002 confirma que continuamos na liña descendente. Os dados son os seguintes:
O Produto Interior Bruto (PIB) medrou un 1,8% no segundo trimestre, tres décimas menos que no trimestre anterior, e, 1,1 ponto menos que no mesmo trimestre do ano 2001. Seguimos, polo tanto, na fase recesiva da economia e sen nengun signo de cámbio a curto prazo. Esta desaceleración afectou a todos os sectores económicos, ainda que en maior medida ao primário que o resto. O sector primário, que achega o 5,8% o PIB galego, medrou somente un 1,1%, 6 décimas menos que o fixera no primeiro trimestre do ano. A evolución deste sector non se prevé moi optimista para este ano, máxime no sector pesqueiro, cando un novo desastre ecolóxico acaba de botar por terra o futuro de millares de mariñeiros da costa galega, coincidindo, para agravar ainda máis a situación, coa época do ano de máxima venda de peixe e marisco, como é o Nadal. A reforma da política comun pesqueira, que nestes momentos se está negociando, todo parece indicar que vai traer de novo un recorte de capturas, polo que o futuro a longo prazo deste sector non se ve moi esperanzador. A produción enerxética, que achega nestes momentos o 4,6% do PIB galego, descendeu a sua produción un 5,9% neste segundo trimestre, cantidade como vemos moi importante e idéntica á do trimestre anterior. Este é o cuarto trimestre consecutivo de descenso, e en porcentaxes nada desprezábeis. A rama industrial, sen enerxia, medrou un 2% neste segundo trimestre, meio ponto menos que no trimestre anterior e en clara tendéncia descendente. Este sector medrara un 3,5% no ano 2001 e un 5,5% no 2000. Nestes momentos achega –sen enerxia– o 15,7% da produción total galega. O Índice de Produción Industrial (IPI), cuxo último dado coñecido é o mes de setembro, confirma a tendéncia anterior. A variación sobre igual período do ano anterior da média do que vai de ano cifra nun 2,4% o incremento, cando para estas mesmas datas no ano anterior o aumento era dun 6%, e no 2000 estaba medrando a taxas do 13,5%. Esta forte contracción do ritmo de crecimento da produción industrial está moi afectada pola forte caída da produción enerxética, que a mes de setembro segue descendendo a taxas superiores ao 12%; mentres indústrias transformadoras de metais e manufactureiras apresentan importantes repontas. Hai, polo tanto, unha certa recuperación na produción de bens de consumo e de equipa mentres os intermédios descenden en perto dun 6%. A construción, sector máis dinámico nos últimos tempos na nosa economia, non escapa ao proceso recesivo en que estamos imersos. No segundo trimestre medrou un 3% con respeito ao mesmo do ano anterior, unha redución de catro décimas en relación ao crecimento do primeiro trimestre, lonxe das taxas por riba do 5% ao que estábamos afeitos ultimamente. Este sector achega na actualidade un 10,4% do PIB galego. O sector servizos, que neste intre achega o 54,2% do PIB galego, rexistrou un crecimento do 2,2% no segundo trimestre, cifra que supón unha redución de catro décimas con respeito ao crecimento do trimestre anterior e que acentua a desaceleración que caracteriza a este compoñente da oferta nos catro trimestres anteriores. Dentro do sector servizos, os de mercado son os que padecen o maior descenso; neste último trimestre o medre foi dun 2,1%, meio ponto menos que no trimestre anterior. Pola contra, os servizos de non mercado apresentan o mesmo crecimento que no trimestre anterior e cunha tendéncia ascendente respeito a trimestres e anos anteriores. | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Unha ollada aos prezos | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Como é o novo IPC? O dado do Índice de Prezos de Consumo (IPC) de xaneiro a primeiros deste ano 2002 abraiou-nos a todos. Unha caída do -0,5% en Galiza e do –0,1% no Estado español, desde logo, non entraba nas predicións de ninguén e menos da xente de a pé que notou sensíbeis incrementos de prezos desde princípios de ano (introdución do euro, suba de impostos indirectos en: carburantes, butano, bebidas, tabaco, peaxe de autoestradas, etc.). Mália que as rebaixas de Xaneiro levaron case en exclusiva as culpas, a verdade é que foron vários os cámbios no IPC que produciron estes (e outros ao longo do 2002) surprendentes dados. De feito, produciu-se toda unha série de cámbios metodolóxicos no cálculo do IPC que tentaremos resumir. Desde xaneiro do 1993 estivo vixente no Estado español o Índice de Prezos de Consumo (IPC) Base 1992. Co cámbio do Sistema de cálculo de IPC no 2001 renovan-se non só a cesta de produtos sobre a que se fai a recollida de prezos e as suas ponderacións senón que se introducen novidades no xeito de calcular o IPC. Polo tanto, non só se cámbia a base (prezos dun ano determinado sobre o que se calculan as variacións posteriores) senón que hai un cámbio de sistema, o denominado Sistema de Índices de Prezos, Base 2001, que entrou en vigor en xaneiro de 2002. Este cámbio de sistema ten a ver coa harmonización das metodoloxias de cálculo de índices de prezos ao consumo en todos os países da Unión Europea. As novas modificacións no IPC introducen unha maior “volatilidade” das taxas de variación mensuais. Como consecuéncia disto vemos, por exemplo, como no mes de xaneiro baixan os prezos un 0,5% e como nos meses de marzo e abril, unha vez superada a época de rebaixas, se produce un “efecto rebote” con subas do IPC 0,8 e 1,4 nun só mes.
As modificacións do novo Sistema de Índice de Prezos, Base 2001 implantado en 2 fases son as seguintes: A Fase I desenvolveu-se durante o ano 2000 e os seus efeitos incorporaron-se ao IPC de xaneiro do ano 2001. Nesta primeira fase implantaron-se fundamentalmente dous cámbios: 1. Introdución de novos tratamentos metodolóxicos:
2. Actualización de ponderacións, a partir da información dispoñíbel da ECPF: Coa ECPF de carácter trimestral, pretenden-se adaptar anualmente as ponderacións ás modificacións que se vaian producindo nos comportamentos de consumo da povoación. Antes esta adaptación só se facia cada oito ou nove anos. Asi por exemplo, en Galiza os grupos 1 e 2 (Alimentos, bebidas e tabaco) que no IPC-92 estaban comprendidos no grupo 1, diminuíron o seu peso neste novo IPC-2001 máis de 5 pontos porcentuais, pasando a representar do 31,5% do gasto no 92 a un 26,6% no 2001. No Estado español pasou dun 29,3% no 92 a un 25,07% no 2001. A Fase II supón a implantación total do novo sistema, que entrou en vigor en xaneiro do 2002: 1. Plena adaptación á clasificación COICOP. 2. Ampliación da mostra de municípios e estabelecimentos. 3. Actualización da cesta da compra. 4. Revisión anual das ponderacións e da cesta da compra. 5. Inclusión de prezos rebaixados. 6. Melloras técnicas no tratamento de prezos.
Negociación salarial e pensións. O IPC toma-se como indicador de referéncia da inflación na negociación salarial e das pensións. Actualización do Salario Mínimo Interprofisional. Afecta a aqueles traballadores que teñen como referéncia o SMI (os que non están protexidos por convénios, os parados: xa que se usa para determinadas prestacións e subsídios de desemprego) e tamén ás pensións: os pensionistas que perceben as contias mínimas legais relacionadas co SMI. Este salário actua tamén como referéncia no estabelecimento de axudas á vivenda, a garderias, etc. Arrendamento de imóbeis. Segundo a Lei de Arrendamentos Urbanos, durante os cinco primeiros anos de duración do contrato a renda só poderá ser actualizada baseando-se no que suba o IPC do ano anterior. No sector financeiro. Segue-se tamén a evolución do IPC como medida da inflación para te-lo en conta á hora da fixación do prezo do diñeiro (os tipos de xuro). Cando sobe a inflación soben os tipos de xuro. Isto fai que os consumidores teñan menos propensión a pedir créditos asi como as empresas . A consecuéncia disto é que, en teoria, se frea o consumo e o investimento e polo tanto supón un menor crecimento da economía. Se a inflación baixa, ocorre o contrário. Declaración da renda. Facenda deberia deflactar anualmente a escala de gravame da declaración do IRPF. É dicer, elevar en función do IPC os diferentes tramos de ingresos que se teñen en conta para a declaración da renda. Con isto pretende-se evitar que a actualización dos salários por IPC faga que o perceptor pase a un tramo con tributación superior e, polo tanto, esa ganáncia retributiva se vise anulada.
O 1,4% de incremento do IPC en Galiza no mes de outubro fai que 400.000 persoas vexan notabelmente minguado o seu poder adquisitivo.O dato de outubro esnaquizou definitivamente a previsión de IPC para o 2002 feita polo Governo central. Coa taxa interanual do 4,4%, Galiza situa-se na cabeza das Comunidades máis inflacionistas. Os traballadores e traballadoras galegas suportan prezos maiores que a média do Estado con salários que son un 13% inferiores á média, ou un 26% máis baixos se os comparamos, por exemplo, co País Vasco. Ainda que as consecuéncias deste dato de inflación afectan negativamente ao conxunto da economia, á competitividade das empresas e ás expectativas de criación de emprego, é evidente que a todos aqueles que dalgun xeito teñen os seus ingresos “topados” nun 2%, pola previsión do IPC, afecta-lles en maior medida, directa e imediatamente. Podemos dicer que centos de millares de persoas en Galiza están perdendo cartos, xa desde maio, mes no que foron superadas as previsións governamentais do 2% de inflación, e seguen comprobando como o seu nível adquisitivo continua a baixar. Calculamos que este mal dado do mes de outubro supón unha perda directa do poder adquisitivo para perto de 400.000 galegos e galegas (sen contar aqueles que teñen negociado un convénio colectivo con cláusula de revisión salarial e que até primeiros do 2003 non poden recuperar o xa perdido nestes meses). Estas persoas son todas aquelas que non están cobertas por convénio colectivo, aquelas que o están pero que o seu convénio non inclue cláusula de revisión salarial ou ben teñen unha cláusula insuficiente, pensionistas da modalidade non contributiva e asistencial e traballadores en paro que perceben subsídio de desemprego e que teñen ligado os seus ingresos ao SMI (Salario Mínimo Interprofisional). Como é sabido, os incrementos do SMI veñen sendo fixados polo governo somente en función da previsión de inflación e iso implica que o poder adquisitivo do SMI desde o ano 1983 arrastre xa unha perda acumulada do 17,4%, xa que en 13 dos últimos 19 anos os incrementos quedaron por baixo do IPC real. Mentres isto ocorre, o Governo Central segue a incumprir aleivosa e premeditadamente o estabelecido no artigo 27.1 do Estatuto dos Traballadores, que obriga a realizar unha revisión semestral do SMI para o caso de que non se cumpran as previsións sobre o Índice de Prezos ao Consumo. Son 265.000 os/as asalariados/as que non teñen garantida unha revisión salarial. En primeiro lugar os 134.714 empregados públicos dependentes das distintas administracións, que ven como un ano máis perden poder adquisitivo. En segundo lugar, aproximadamente 130.000 persoas que teñen reguladas as suas condicións por convénios negociados en Galiza ou a nível estatal e que non contemplan cláusula de revisión (o 27% dos convénios non incorporan nengunha cláusula deste tipo ou ben unha revisión que opera a posteriori, sen efeitos retroactivos). A estes unen-se-lles os pensionistas das modalidades non contributiva e asistencial que en Galiza andan polos 65.000, as persoas desempregadas que dependen do subsídio, que suman uns 30.000, e por último aquelas persoas asalariadas que carecen de convénio e que se cifran en 38.000, a maioria do sector marítimo-pesqueiro. O IPC interanual para Galiza do 4,4% (4% para o Estado español) amosa ben ás claras que o problema dos prezos non se debe a cuestións conxunturais, nen é debido a uns altos custos salariais, xa que o incremento salarial médio para este ano foi inferior ao 3%, mentres que a rendibilidade das empresas vén aumentando (segundo o Banco de España) por riba do 8%. Estes níveis de inflación non son admisíbeis nun contexto de desaceleración económica, cun crecimento do PIB estatal do 2%, que con toda seguridade vai ser ainda menor a finais de ano e, desde logo, moi inferior ao 2,9% previsto nos Orzamentos Xerais.
| ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
ÚLTIMA REVISIÓN: 18/02/2003 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||