Manual Básico de Economia ![]()
CIG - Secretaría de Apoio Técnico / Gabinete Económico
Introdución
Podemos definir a economia como o estudo e a maneira en que as persoas e as sociedades utilizan uns recursos produtivos “escasos” para obteren distintos bens e servizos, e distribuí-los para o consumo entre as diversas persoas e grupos que compoñen a sociedade.
O problema económico xorde porque as necesidades humanas son ilimitadas e os recursos económicos son limitados, e, polo tanto, tamén os bens económicos. Inicialmente, as persoas tratamos de cobrir as necesidades biolóxicas ou primárias como a alimentación, a vivenda e o vestir. De igual maneira, necesitan-se certos servizos básicos: asisténcia médica, educación, transporte... Unha vez cobertas as anteriores necesidades, as persoas ocupan-se daqueloutras que fan máis pracenteira a vida, e estas xa dependen máis do poder adquisitivo de cada indivíduo en particular. Polo xeral, as necesidades mesmo tenden a acrecentar-se nas novas sociedades, o que contrarresta o incremento da capacidade produtiva asociada co desenvolvimento, e, en definitiva, fai que a loita contra a escaseza sexa unha constante.
As ferramentas que utilizamos para producir os bens e servizos é o que chamamos factores produtivos ou factores de produción. A clasificación tradicional de factores produtivos considera tres categorias:
Recursos naturais
Traballo
Capital
As persoas mediante o traballo son as organizadoras e executoras da produción dos distintos bens e servizos; isto coñece-se co nome de actividade económica. As actividades económicas encadran-se en tres sectores:
Ao mesmo tempo que as actividades se poden clasificar en sectores, os bens e servizos que se producen tamén se poden clasificar. Por unha banda, bens e servizos de consumo, se o seu destino é satisfacer as necesidades humanas; e bens de capital, se se utilizan en procesos de produción para mellorar a eficiéncia do traballo. Por outra banda, os bens intermédios son os que teñen que sofrer novas transformacións para seren consumidos ou utilizados, e os bens finais son os que xa sofreron todas as transformacións.
Asi mesmo, os bens poden clasificar-se en públicos, privados e libres. Bens públicos son aqueles que se utilizan conxuntamente por un colectivo de xente, como, por exemplo, un parque público, unha piscina pública... Os bens privados son os consumidos e producidos privadamente, como, por exemplo, a televisión, os alimentos...E os bens libres son os que non necesitan nen o traballo nen o capital para existiren e poderen ser consumidos, como, por exemplo, a auga, o ar...
As distintas individualidades que interveñen na produción, consumo, administración, distribución... dos distintos bens económicos son chamadas axentes económicos. En teoria económica fala-se de tres tipos de axentes económicos: a economia doméstica, a empresa e o Estado; os dous primeiros son os axentes privados e o Estado é o axente público. (En termos de negociación colectiva pode falar-se de axentes sociais para referir-se aos sindicatos e de axentes económicos para referir-se á patronal. Cando aqui se fala de axentes económicos aludimos á primeira definición.).
O máis salientábel do comportamento dos tres axentes económicos é a interdependéncia. As decisións de produción e consumo feitas tanto polas economias domésticas como polas empresas ou polo Estado determinan conxuntamente a evolución da actividade económica, en función do nível de transaccións de produtos que teñen lugar nos mercados e os prezos a que estas se fan.
A análise económica produce-se baixo dous enfoques: o microeconómico e o macroeconómico.
A análise microeconómica estuda o comportamento individual dos consumidores, das empresas e dos mercados e os prezos relativos. A macroeconómica, o comportamento global de todo o sistema económico como se fose un só ben (inflación, crecimento, déficit público, desequilíbrio exterior...).
Un exemplo: cando estudamos o prezo do leite, trata-se dunha análise microeconómica; cando analisamos o IPC, trátase dunha análise macro, xa que falamos dos prezos dos bens e servizos consumidos por unha economia.
Outro exemplo: analisarmos a produción de PESCANOVA é unha análise micro, xa que falamos dunha empresa en concreto; mais cando estudamos o PIB, é unha análise macro, pois falamos de toda a produción galega.![]()

Confederación Intersindical Galega
ÚLTIMA REVISIÓN: 6/2/99