Manual Básico de Economia ![]()
CIG - Secretaría de Apoio Técnico / Gabinete Económico
Microeconomia
Como dixemos, a microeconomia estuda o comportamento individual dos consumidores e das empresas, e o seu obxectivo básico é a determinación dos prezos que se forman no mercado. Entende-se por mercado o lugar onde se leva a cabo o intercámbio e onde se difunde a información relativa aos prezos.
Para saber como se determinan os prezos, utilizamos a análise baseada na oferta e na demanda.
Demanda: son as cantidades que os consumidores desexan adquirir de cada ben por unidade de tempo. Existen unha série de factores que influen nesta cantidade demandada, entre outros: as preferéncias ou gostos dos consumidores, as rendas ou ingresos de que dispoñen, os prezos doutros bens que poidan ser substitutivos e por suposto o prezo do próprio ben.
Supoñendo que na decisión dos consumidores de comprar un determinado ben só influíse o prezo do ben que se desexa mercar, canto maior sexa este prezo menos cantidade do mesmo se demandará, e viceversa. Isto en economia chama-se táboa da demanda.
Oferta: é a cantidade de produtos que un empresário está disposto a vender nun período de tempo. Ao igual que na demanda, nisto influen vários factores: a tecnoloxia, o prezo dos factores produtivos (terra, traballo e capital)... e, por suposto, o prezo do ben.
Facendo o mesmo que para a demanda, tendo en conta só o prezo, canto maior sexa o prezo do ben maior será a cantidade que os produtores están dispostos a vender, e viceversa. Isto é o que se coñece como a táboa da oferta.
Mentres a táboa da demanda amostra o comportamento dos consumidores, a táboa da oferta amostra o dos produtores. Cando se poñen en contacto os consumidores e os produtores cos seus planos de consumo e produción no mercado, é cando se determina o prezo. Nunha análise moi sinxela, sen influéncia doutros factores, pode-se deducir que cando se desexa incrementar as compras dun ben (demanda) o prezo debe diminuir, mentres que, se queremos incrementar a oferta, o prezo debe aumentar.
Este intercámbio entre produtores e consumidores leva-se a cabo no mercado. Se nun mercado existen vários compradores e vários vendedores, é un mercado de competéncia perfeita; se existen poucos vendedores ou compradores, estamos ante un de competéncia imperfeita.
Competéncia perfeita
Para que un mercado sexa de competéncia perfeita deben cumprir-se as seguintes condicións:
As condicións que exixe o mercado de competéncia perfeita fan que na prática apenas exista. Si se poden asemellar alguns mercados agropecuários e de títulos valores. Na prática non todas as empresas teñen a mesma información; é díficil que grupos de empresas non se unan para influir no prezo, que non existan marcas que diferéncien os produtos...
Se os mercados de competéncia perfeita existisen como tais, a longo prazo non existirian benefícios nin perdas, xa que de existiren benefícios entrarian outras empresas na indústria e os prezos baixarian, e ao baixaren os prezos poderia-se chegar a non cobrir custos, polo que sairian empresas e volverian subir os prezos, quer dicer, seria o mercado o que habia regular completamente os prezos.
A competéncia perfeita representa o caso en que a empresa individual, ao ser moi grande o número de competidores, non pode exercer nengunha influéncia sobre os prezos para mellorar a posición individual; de aí que as empresas prefiran a competéncia imperfeita.
Competéncia imperfeita
Un mercado é de competéncia imperfeita cando as empresas que oferecen os produtos influen individualmente nos prezos. Lembremos que no caso da competéncia perfeita era o mercado o que asignaba os prezos. Isto non implica que unha única empresa teña un control absoluto sobre o prezo do produto, senón que abonda con que teña un certo poder á hora de asigná-lo.
Para que non se incorporen a unha indústria un número elevado de empresas, adoitan influir fundamentalmente dous factores: os custos de producción e as barreiras á entrada. Xeralmente, as empresas grandes producen a uns custos máis baixos que as pequenas e, polo tanto, influen máis no mercado. No que atinxe ás barreiras á entrada, son de vários tipos: legais (patentes, etc.), diferenzas de produtos, marcas...
En función do número, grao de concentración das empresas oferentes, homoxeneidade do produto..., estabelecen-se os seguintes tipos de mercados imperfeitos:
Monopólio
Oligopólio
Competéncia monopolística
Monopólio
É o caso extremo da competéncia imperfeita. Só existe un único oferente ou demandante de produtos. O caso de monopólio máis frecuente é polo lado da oferta.
Son várias as causas que poden levar á existéncia dun monopólio. Entre elas:
Ainda que no caso do monopólio o prezo marca-o a própria empresa, a cal tamén se ve afectada pola demanda do mercado. Se esta sobe moito o prezo, baixaria a demanda e non lle compensaria, co cal teria que o volver baixar, e na maioria dos casos os prezos están regulados polos governos.
Oligopólio
Un mercado di-se que é oligopolístico cando existen poucos oferentes do mesmo produto, ainda que entre os produtos pode haber algunha diferenza de marca, característica exterior... Unha das características destes mercados é a posibilidade de influiren os produtores sobre as decisións dos seus competidores e de seren influídos; mostra típica destes mercados é a guerra de prezos. Como exemplo serviria o sector bancário.
Dentro do oligopólio existen varios modelos. Se cadra, entre eles o máis coñecido sexa o cártel, que se dá cando as empresas do mercado oligopolístico se poñen de acordo e actuan como un monopólio frente á demanda do mercado. Dentro dos cártel, o exemplo mais coñecido é o da OPEP (Organización de Países Exportadores de Petróleo), que fixan conxuntamente o prezo de venda do petróleo.
Ainda que non existan acordos tipo cártel nos mercados oligopolísticos, o prezo adoita ser estábel durante períodos de tempo bastante grandes, xa que, se unha empresa sobe os prezos unilateralmente e as outras non a seguen, perde mercado e teria que volver baixá-los; e se pola contra os baixa, o resto das empresas farian o mesmo para non perderen mercado.
Competéncia monopolística
Denominan-se mercados de competéncia monopolística aqueles en que, mália existiren moitos produtores, cada produtor diferéncia o seu do dos demais competidores, de forma que actua como monopolista, por exemplo, dunha marca determinada. Nestes casos ten un papel fundamental a publicidade. Exemplos destes mercados son os de licores, os de electrodomésticos...
Neste caso, ainda que cada produtor marca un prezo, a competéncia que supoñen o resto dos competidores, ao seren as mercadorias substitutivas, fai que se vexa influenciado polo mercado.
Ainda que o mercado, através da oferta e da demanda, xoga un papel importante á hora de fixar o prezo dos produtos, os poderes governamentais tamén influen nos prezos tanto nos de produción interna como nos dos importados. Dentro destes últimos existen várias formas de control; se cadra as máis coñecidas son as que a seguir resumimos:
Aranceis
Un arancel é un imposto que o governo exixe aos produtos estranxeiros co fin de elevar o seu prezo de venda no mercado interior e asi protexer os produtos nacionais para que non sofran a competéncia de bens máis baratos.
Continxentes
Os continxentes son restricións cuantitativas que os governos impoñen á importación de determinados produtos estranxeiros, quer dicer, limita-se a cantidade que se pode importar de certos bens, calquer que sexa o seu prezo.
Ademais dos aranceis e dos continxentes, hai outras formas máis subtis de poñer atrancos ao libre comércio: estabelecimento de procedimentos aduaneiros complexos e custosos, normas de calidade e sanidade moi estritas...
Até aqui vimos que é o mercado, coa intervención dos poderes governamentais nalguns casos, o que determina os prezos. Hai que aclarar que isto ocorre cando falamos dun sistema de economia de mercado. Non é o mesmo se se trata dunha economia de planificación central ou socialista; neste caso seria a axéncia de planificación a que os determinase.
Apesar de que a maioria dos temas que se van tratar aqui se refiren a unha economia de mercado, por ser na que estamos inmersos, é conveniente resumir as principais diferenzas entre esta e unha de planificación central:
Perguntas básicas | ||
| - | ||
Perguntas básicas | Economia planificada | Economia de mercado |
De quen son os meios de produción? | O Estado, agás pequenas excepcións | Os indivíduos, agás certos servizos públicos |
Quen decide que producir e como producir? | A axéncia de planificación | Nos mercados determinan-se os prezos e as empresas deciden que producir |
Como se distribue a renda? | Os planificadores fixan os salários e procuran que non se dean grandes diferenzas de renda | De forma máis ou menos libre, en función dos prezos dos factores e a distribución da propriedade |

Confederación Intersindical Galega
ÚLTIMA REVISIÓN: 6/2/99