Análise da evolución do emprego, paro e precariedade laboral en Galiza durante o Governo Fraga Volver a Novas

Desde a CIG argumentamos teimosamente, e desde sempre, que a solución ao problema do desemprego ten unha relación directa coas políticas macroeconómicas, a investigación-tecnoloxia e o poder político, e praticamente nengunha, coas medidas de flexibilización e desregulación laboral, tal como unha análise dos dados salienta, despois de 20 anos de medidas neoliberais.


Evolución da povoación ocupada


Povoación ocupada

A evolución do número de traballadoras e traballadores ocupados foi negativa en Galiza durante os últimos 22 anos, tal como salientan os dados seguintes:

Perderon-se, nestes 22 anos, 290.240 empregos!

E desde que está no governo Manuel Fraga hai 129.790 persoas ocupadas menos.

Durante os últimos dous anos, cunha economia na Unión Europea en plena expansión, o emprego en Galiza medrou dun xeito cativo, pasando de 910.920 postos de traballo en 1996, a 902.350 en 1997 e a 913.770 en 1998.

Segundo os últimos dados do INE, do mes de xuño de 1998, o crecimento do emprego por autonomias respeito do mesmo mes do ano anterior, era o seguinte:

Cantábria, 6,76%; Castela-A Mancha, 5,84%; Madrid, 4,74%; Múrcia, 4,25%; Andalucia, 3,68%.... A média era dun 3,66% no Estado, e Galiza quedaba nun 2,25% por debaixo da média.


O emprego na indústria


O noso país chega á transición cun sector industrial cativo, mália contar con abundantes matérias primas e enerxia, polo que resultaba máis doado, para un governo que contase cun proxecto autocentrado e disposto a defender os sectores produtivos, acrecentar o emprego. Pero non sucedeu deste xeito, e perdemos postos de traballo na indústria durante este período, tal como se reflecte no seguinte cadro:

Operários na Industria

Mália a recuperación de emprego no sector industrial durante os últimos dous anos, o medre non compensou a caída anterior, mantendo a Galiza como unha nación subdesenvolvida dentro do Estado español. Por outra banda, a caída da ocupación na indústria desmente o argumento de que o medre do paro se debe exclusivamente á modernización do agro.

O emprego na indústria galega respeito do total do Estado español segue a ser praticamente o mesmo que hai 9 anos, e menor que o de 1976. Concretamente era o 6,05% en 1976; do 5,75% en 1979; do 5,76% en 1986;d o 5,7% en 1992; e do 5,89% en 1998. E ainda máis, en agosto de 1998 o medre do sector industrial era dun 5,8% respeito do mesmo mes do ano anterior, pero a média do Estado chegaba a un 6,6%, salientando Navarra cun 9,5% e o País Basco cun 8,9%, polo que se está aproveitando menos que outras autonomías a onda expansionista da economia na Unión Europea, desmentindo as gabanzas que se fai a el mesmo o Governo galego.


Evolución e características do paro


En 1976 o desemprego en Galiza era de 19.190 persoas; hoxe esta cifra multiplica-se por 10, xa que atinxe a 196.180 traballadores/as. Unha de cada 5 das persoas que están no chamado mercado laboral non ten emprego.

A caída da povoación no agro foi en gran medida a afortalar as cifras de desemprego, pero tamén aos ocupados/as por conta allea que non teñen contrato, e aos operários/as cun contrato eventual. Son a base social que fornece a precariedade laboral.

A evolución do desemprego en Galiza é a que se ve no seguinte cadro:

Evolución do paro

Durante o governo Fraga, o paro medrou en 53.090 persoas!

Estas altas porcentaxes de desemprego dan-se mália haber un aceso máis seródio da povoación ao traballo (estuda-se até máis tarde), medrou a povoación maior de 65 anos, e hai miles de obreiras e obreiros prexubilados en empresas e sectores desmantelados (por exemplo, na indústria naval), e ainda temos que sumar as baixas definitivas por acidentes laborais.

Nos últimos anos reduciu-se o número de parados/as, pero continuou baixando a povoación activa, polos motivos antes apontados, ao que temos que engadir un crecimento negativo da natalidade. En 1998, por vez primeira desde hai duas décadas, medra a povoación activa, pero dun xeito tan cativo que só indica un estancamento. De se manter no tempo esta tendéncia, pode consolidar unha inflexión. Pero isto depende ante todo da xeración de emprego suficiente, especialmente nas actividades produtivas.

Do paro en Galiza temos que salientar:

  • Que o paro é dun 12,8% entre os homes e dun 23,1% entre as mulleres.
  • Que afecta moito máis á mocidade, xa que entre os 16 e os 19 anos é dun 40,3%, e entre os 20 e 24 anos do 29,3%.
  • Que, contra o que se di, as máis altas taxas de desemprego dan-se naquelas persoas que teñen estudos médios, nomeadamente un 24,7%.
  • Un 41,11% dos 189.200 desempregados/as que habia no 2º trimestre de 1998 levaban máis de dous anos buscando traballo.
  • A protección económica por desemprego atinxia en marzo de 1998 ao 42,5% do paro rexistrado (inferior en 30.000 persoas ao da EPA).
  • En 1997 houbo 494.177 ofertas de traballo, pero as demandas de emprego foron de 663.945. Non hai paro porque non se desexe traballar!


A precariedade laboral


A precariedade laboral aparece reflectida en Galiza de vários xeitos:

  • Contratos eventuais.
  • Traballo sen contrato, sobre un 11% do total da povoación ocupada (Estudo da Sociedade Galega 1996, Xunta de Galiza).
  • Asalariados/as con contrato, que realizan máis horas das pactadas, polas que a empresa non cotiza e/ou paga salário.

Evolución da eventualidade

A precariedade laboral afecta especialmente aos traballadores e traballadoras que viven no rural e semirrural, ás mulleres e á mocidade, ou sexa, aos sectores sociais máis castigados polo paro e a pobreza.

A eventualidade laboral medrou significativamente nos últimos anos. Pasou de representar un 12,23 que reflectia o censo de 1981 ao 33,57% no segundo trimestre de 1998 (EPA).

Mália as importantes subvencións ás empresas para que fixesen o novo tipo de contrato fixo (con menor indemnización en caso de despedimento), a eventualidade mantén-se en taxas moi altas, amosando que o problema da xeración de emprego pouco ten que ver coa flexibilidade laboral e a desregulación.

Os últimos dados reflecten que no que vai de ano, até setembro de 1998, se fixeron 34.568 contratos indefinidos sobre un total de 433.838, ou sexa un 7,87% do total.

A este ritmo farian falta 30 anos para eliminar a eventualidade. Pero, asi mesmo, hai unha tendéncia a que medre de novo, xa que mentres no 1º trimestre de 1998 era do 32,52%, no 2º atinxiu ao 33,57%.

Non hai un cálculo exacto sobre os obreiros e obreiras que non teñen contrato e fan traballo por conta allea, pero, tendo en conta que diversos estudos da Unión Europea falan dun 23% de economia mergullada, o 11% que aventura a enquisa realizada pola Xunta en 1996 pode achegar-se á realidade.

Os asalariados e asalariadas que teñen contrato e fan máis horas das pactadas en convénio, polas que non se paga nen cotiza, aumentan cada dia. Unha parte significativa da patronal aproveita as altas taxas de desemprego e a inexisténcia (na prática) de inspección para forzar estas situacións de sobreexplotación, que son algo normal especialmente entre os traballadores e traballadoras eventuais e con xornada a tempo parcial.


Rotación


Pero non só se mantén alta a taxa de eventualidade, senón que cada vez hai unha maior rotación, ou sexa, que os contratos son máis curtos, unha tendéncia que se afortalou coas ETTs.

Colocacións por contrato eventual

O número de colocacións de traballadores/as eventuais foi en aumento nos últimos anos.

Traballadores/as eventuais:

1994158.975
1995170.450
1996178.000
1997194.775


Este traballo foi realizado pola CIG a partir de dados do Instituto Nacional de Estatística (INE), Instituto Galego de Estatística (IGE) e Instituto Nacional de Emprego (INEM).

Galiza, 9 de novembro de 1998.

Volver a Novas


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega

ÚLTIMA REVISIÓN: 6/1/99