Documentos Economía Volver a BoletinsVolver a Actualidade

Situación laboral da muller en Galiza
 

CIG-Gabinete de Economia-

cig.tecnico-vigo@galizacig.com

 
 

Emprego e oportunidades para as mulleres

A desigualdade social máis evidente que existe hoxe en día é entre quen ten emprego e quen non o ten; aínda que entre quen ten emprego poderiamos destacar varias categorías con fortes desigualdades entre elas. O feito de non ter un traballo remunerado deixa a persoa moi vulnerábel no presente, e con moita incerteza futura.

Neste senso, a Secretaría da Muller da CIG acordou adicar este 8 de Marzo, día da muller traballadora, a denunciar a falla de emprego e oportunidades que padecen, especialmente, as mulleres en Galiza.

Dicimos falla de oportunidades, porque a cativa taxa de actividade feminina só se explica por iso, por falla de oportunidades. No ano 2004 a taxa de actividade feminina situouse no 45,5%, é dicir, soamente o 45,5% das mulleres galegas con máis de 16 anos están traballando ou dispostas a traballar se atopan un emprego (paradas). Esta cantidade a pesar de ser moi baixa é a máis alta dos últimos anos; só temos que ir dous anos para atrás e a taxa de actividade feminina estaba en torno ao 40%.

A carencia de postos de traballo explica en parte esta situación, xa que as altas taxas de paro desaniman a busca de emprego, pero a falla dunha rede de servizos sociais que protexan e permitan a conciliación familiar e laboral é, sen dúbida, tamén, determinante.

Se comparamos a situación da muller galega coa media comunitaria os resultados son devastadores. Os últimos datos dispoñíbeis son do ano 2003, pero son perfectamente válidos xa que as diferenzas dun ano para outro non son significativas. Para este ano, a taxa de actividade feminina en Galiza é 5 puntos inferior á media da Unión Europea, e é o ano en que as diferenzas son menores. Só dous países da Unión Europea (Grecia e Italia), presentan taxas inferiores.

A media europea estaba no 48,1%, con taxas en torno ao 60% nos países nórdicos, onde os sistemas de protección social son máis xenerosos e tamén onde as taxas de paro femininas son máis baixas, por debaixo do 5%.

Os países do Sur: Italia, Grecia e España (coa excepción de Portugal, que sempre tivo unha taxa de actividade alta), teñen as taxas de actividade feminina máis baixas, as taxas de paro máis altas (neste caso a maior é no Estado español), e a menor porcentaxe de gastos en protección social en relación ao PIB.

O Estado español é o segundo da UE con menor gasto en protección social (20,2% do PIB), só por diante de Irlanda, que unicamente destina o 14,1% do seu PIB. A media da UE está no 27,3%. Os países nórdicos, xunto con Francia e Alemaña, en torno ao 30%.

As diferenzas aínda son maiores se nos cinximos aos gastos sociais en familia. O Estado español soamente destinaba o 0,3% do PIB a estes fins no ano 2002, unicamente por diante de Italia, que destina o 0,2%. A media comunitaria está arredor do 1,8%.

Hai autores que afirman que o principal factor explicativo das desigualdades de xénero son as políticas familiares desenvolvidas polos estados. Non sabemos se é o principal factor, pero si un moi determinante, xa que o feito de dispor de servizos deste tipo non só permite conciliar familia/traballo, senón tamén que crea emprego, postos de traballo especialmente para as mulleres, dignos e de calidade.

A baixa taxa de actividade feminina non é só un problemas para as centos de mulleres que a padecen; é un problema social que afecta ás mesmas bases do "estado do benestar", ou do pouco que queda del.

Un dos principais problemas do sistema de pensións, segundo algúns experto/as, é a relación futura de persoas activas/inactivas; quen vai soster o sistema? Soamente cun incremento de 5 puntos na taxa de actividade feminina inverteríase a proporción de persoas activas/ inactivas.

Taxas de actividade, ocupación e paro
 

Homes

Mulleres

Total

2003

2004

2003

2004

2003

2004

Taxa de actividade

63,4

63,8

43,8

45,5

53,1

54,2

Taxa de ocupación

58,1

58,1

35,8

36,8

46,4

46,9

Taxa de paro

8,3

9,0

18,3

19,1

12,6

13,5

Fonte: EPA, IGE. Medias anuais.

As diferenzas, dentro de Galiza, por sexos son considerábeis; mentres o 63,8% dos homes con máis de 16 anos están en activo, no caso das mulleres esta porcentaxe é só do 45,5%, 18,3 puntos menos.

Estas cativas taxas de actividade feminina conviven en Galiza cunhas baixas taxas de ocupación. Neste caso a distancia cos homes é de 21,3 puntos. Son poucas as que atopan emprego; soamente 36,8 mulleres de cada 100 con máis de 16 anos en Galiza están ocupadas, fronte a 58,1 homes, 21,3 puntos de diferenza.

Isto a pesar de que no último ano o medre da ocupación beneficiou especialmente ás mulleres:

Persoas ocupadas por sexos
 

2003

2004

Evolución

   

Absoluta

Relativa

Home

659,8

660,8

1,0

0,001

Muller

445,7

459,5

13,8

3,000

Total

1.105,4

1.120,3

14,9

1,000

Fonte: EPA. Datos en millares. Medias anuais.

O emprego entre as mulleres medrou un 3%, 13.800 empregadas máis que hai un ano, até acadar as 459.500; mentres entre os homes só se incrementou en 1.000.

Non cabe dúbida de que é importante e nada desprezábel o incremento do emprego feminino no último ano, pero non podemos esquecer a calidade deste.

Comentabamos ao principio deste documento que a maior desigualdade social que existe hoxe é entre ter emprego remunerado e non o ter; pero entre as persoas que reciben ingresos tamén hai categorías:

  • Traballo fixo e ingresos medios altos.
  • Traballo temporal pero con acceso a certa protección social.
  • Traballar na economía somerxida, sen ningún tipo de protección social, nin presente nin futura.

No que atinxe á terceira das categorías non se pode cuantificar, pero sabemos que en Galiza é abundante e afecta especialmente ás mulleres. As outras dúas son cuantificábeis, especialmente no que atinxe ao tipo de contrato, non tanto ao nivel de ingresos.

No último ano ao emprego feminino que se creou no 2004 foi asalariado fundamentalmente (o número de empresarias/autónomas descendeu nun 3%):

Ocupadas por categorías profesionais
 

2003

2004

Diferencias

   

Absolutas

Relativas

Asalariadas

323,4

338,1

14,7

5,0

Empresarias/autónomas

101,0

97,7

-3,3

-3,0

Axudas familiares

20,9

23,2

2,3

11,0

Outros

0,3

0,5

0,2

66,6

Total

445,7

459,5

13,8

3,1

Fonte: EPA. IGE. Medias anuais. Datos millares.

Ao igual que ocorre cos homes, a medida que o sector primario foi perdendo peso en Galiza -a favor fundamentalmente do sector servizos- foron descendendo tanto as empresarias como as axudas familiares (aínda que neste último ano subiu o emprego nesta categoría lixeiramente), e medrando o número de asalariadas. Neste momento o 73,5% das mulleres con traballo en Galiza son asalariadas.

En 2004 en concreto, dáse un medre moi importante da taxa de salarización en Galiza, 1 punto, pero é fundamentalmente emprego temporal.

Taxas de actividade, ocupación e paro
 

2003

2004

Homes

Mulleres

Total

Homes

Mulleres

Total

Contrato indefinido

67,7

63,1

65,9

68,5

62,2

65,9

Contrato temporal

32,2

36,8

34,1

31,4

37,7

34,1

Fonte: EPA, IGE. Medias anuais. Datos en %.

En conxunto, a taxa de temporalidade mantense no 34,1%, pero producíronse variacións segundo se trate de homes ou mulleres.

Entre os homes descende o emprego temporal en case un punto; pola contra, entre as mulleres medra desde un 36,8% no ano 2003 a un 37,7% no 2004, preto dun punto. A temporalidade media é moi alta, pero a feminina é escandalosa.

Comparándonos novamente coa media europea, as diferenzas son abismais. O Estado español é o país da UE que presenta a taxa de temporalidade maior. Para o ano 2003 a media comunitaria estaba no 12,8% (11,8 entre os varóns, 13,9 entre as mulleres), no Estado español no 30%: 28,6 os homes, 33,5 as mulleres. O seguinte país coa maior taxa de temporalidade entre as mulleres é Portugal cun 22,3%.

Non só as distancias na taxa media son alarmantes, 17,2 puntos; tamén entre sexo son importantes: a diferenza entre a temporalidade no emprego das mulleres e dos homes é de 2 puntos na media comunitaria; en Galiza son 6 puntos.

Á inseguridade que supón o non ter estabilidade no emprego, temos que lle engadir os baixos salarios que na maioría dos casos acompañan os traballos temporais.

Salarios segundo tipo de contrato
 

Total

Indefinidos

Temporais

Total

17.406,81

19.679,29

12.567,05

Homes

19.256,63

21.861,99

13.791,06

Mulleres

13.998,69

15.712,66

10.244,61

Fonte: INE. Enquisa de estrutura salarial. 2002.

Hai fortes diferenzas salariais por sexos e hai diferenzas por tipo de contrato:

  • As mulleres cobran de media un 27% menos que os homes.
  • Un asalariado con contrato temporal gaña un 36% menos que o seu homólogo cun indefinido.
  • As mulleres cun contrato temporal son as que menos cobran:
    • Un 26% menos que un home cun contrato temporal.
    • Un 34% menos que unha muller cun contrato indefinido.
    • Un 42% menos que o salario medio galego.
    • Case a metade (un 48% menos), do salario dun home cun contrato indefinido.

As diferenzas entre ter un traballo fixo ou temporal van máis alá da inestabilidade ou non no emprego. As diferenzas salariais vemos que son moi importantes e que fragmentan aínda máis o mercado laboral.

Non debemos esquecer que a precariedade e a fragmentación do mercado laboral foi resultado dun proceso de desregulación laboral por parte do estado, que non está xustificado na inmensa maioría dos casos polas características do posto de traballo (recordemos as diferenzas coa media comunitaria), nin por estar expostos á competitividade (caso das administracións públicas, en que a temporalidade está por riba do 23% e medrando); e que polo tanto lle corresponde ao estado reducila.

Quédanos falar das paradas, daquelas mulleres que estando en activo non atopan un posto de traballo. En Galiza son abundantes, e en aumento; cada vez que se producen medres da taxa de actividade feminina, medra o desemprego feminino. O último ano non foi unha excepción.

Ocupadas por categorías profesionais
 

2003

2004

Diferencias

   

Absolutas

Relativas

Homes

59,7

65,5

5,8

9,7

Mulleres

100,1

108,8

8,7

8,6

Total

159,8

174,3

14,5

9,0

Fonte: EPA. IGE. Medias anuais. Datos millares.

Produciuse un importante medre do desemprego; rematou 2004 cun 9% máis de persoas paradas que o ano anterior, aínda que en termos relativos foi maior o medre entre os homes que entre as mulleres, en valores absolutos medrou máis o paro feminino. Máis do 62% das persoas desempregadas en Galiza son mulleres.

Con estes novos datos, a taxa de paro entre as mulleres sitúase no 19,1% e entre os homes no 9%, máis do dobre.

Novamente o Estado español "lidera" o ranking da Unión Europea en taxas de paro. Para o ano 2003, a taxa media de paro feminino situábase no 8,8%, no Estado español no 15,8% e en Galiza no 18,3%.

Cómpre unha aposta dos poderes públicos para rematar con esta lacra que está minando á sociedade galega. A falla de oportunidades que sofren as mulleres, obriga a un número nada desprezábel a seguir emigrando (prodúcense maiores movementos migratorios de mulleres que de homes) cos conseguintes efectos demográficos que isto xera; tamén é certo que sen emigración as taxas de paro serían maiores.

En "Emprego e oportunidades para as mulleres" intentamos resumir este 8 de Marzo, desde a Secretaría da Muller da CIG, todo un feixe de demandas que cremos necesarias e que está na man dos poderes públicos realizalas.

Investir en protección social, especialmente en políticas de familia é apostar por reducir as desigualdades de xénero; sen esquecermos que a división social do traballo no seo da familia condiciona e limita as posibilidades de inserción da muller no traballo extra-doméstico.


Gabinete Técnico Confederal.
Confederación Intersindical Galega.
Marzo de 2005.

 
Volver a BoletinsVolver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/03/2005
cig.informatica