Artigos Volver ao índice


Funcionarios mirando á parede
Manuel Mera (publicado en Faro de Vigo o 27 de setembro de 2000)


Hai que recoñecer que na nosa Terra temos algúns alcaldes duros, deses que son capaces de pelexar contra vento e marea. Non estou a falar do ate hai ben pouco alcalde de Ponteareas que, manifestándose admirador da etapa franquista foi capaz de chegar ate os nosos días, anque agora inhabilitado por unha sentencia xudicial deixa nas mans da súa filla a continuidade da saga familiar, de xeito tal que estamos ante unha especie de realeza local electiva. Pero, como decía, non pretendo centrarme nos problemas da fermosa vila do Tea, senón naqueles que padecen os traballadores do concello de Dozón, e moi especialmente unha funcionaria delegada sindical.

Pode servir como mostra un comunicado do Alcalde, Adolfo Campos Panadeiros, do mes de marzo e dirixido á funcionaria na que lle comunica que "terá un horario flexibel de entrada e saída a estas dependencias -o concello-, como o crea convinte -o alcalde- pra o benestar dos cidadáns e as visitas dos mesmos" (en perfecto castelán, ¿descoñecerá o galego? ¿non saberá que a lingua oficial do país e a que falan todos os seus veciños?). No mes de xaneiro deste ano o Xulgado do Contencioso Administrativo de Pontevedra xa fallara a favor de catro funcionarios do Concello, porque o alcalde trasladou de despacho a un deles e obrigou a outros tres a coller o tempo de bocadillo cando lle pareceu oportuno. Seica as cousas non quedan nestes traslados e modificacións horarias unilaterais e arbitrarios, senón que castigou a varios funcionarios mirando cara a parede e que mesmo traladou a unha delas a un colexio nas aforas do povo, en pleno inverno soa e sen calefación (Dozón está un pouco alto e vai un frío de rabear, arrepía só de pensalo).

Parece que o alcalde en cuestión optou por poñer a súa vontade por riba da lei, conta ó seu favor coa lentitude da xustiza (amosa ser esta a tónica nos casos que afecta ós traballadores), e seguramente espera cos funcionarios se cansen e pidan o traslado. Se esto fose así, sería unha demostración de que a forza, o poder político e económico (xa que ademais de alcalde é un forte empresario na comarca) está por riba das regras de xogo democráticas mínimas. Resulta aínda máis grave que esto pase nunha institución e co partido ó que pertece (o PP) non mova un dedo, anque entre bastidores non avale estes comportamentos (quen os pode defender).

Cando se fala de que estamos nunha sociedade democrática, un non pode menos que pensar neste caso e en moitos máis que se dan todos os días. Son situacións que amosan en carne viva ca democracia, entendida como governo das maiorías e o respeto á pluralidade, aínda está por gañar, que só houbo unha inflexión coa queda do franquismo e permanecen daquela longa noite de pedra xeitos de pensar e actuar. Dozón terra boa e xenerosa, no corazón de Galiza, amosa estas contradicións,... segundo sexa a saída deste conflicto teremos unha sinal máis de pra onde camiña o futuro de todos e todas nestes temas.

Manuel Mera é presidente da CIG.

Volver ao índice


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 27/09/2000