Manifesto: Con Aminetu Haidar na súa loita pola Soberanía do Sahara Occidental

Os traballadores e traballadoras, seccións sindicais, comités de empresa e sindicatos que asinamos este manifesto facémolo polas seguintes consideracións:

1.- Hai varias semanas que Aminetu Haidar se declarou en folga de fame no aeroporto de Lanzarote protestando pola súa expulsión do Sahara Occidental e reclamando exercer o dereito de regresar ao seu País.

2.- Aminetu Haidar é unha activista saharui que ten sufrido anos de prisión e torturas nos cárceres marroquinos por defender de maneira pacífica o dereito do Sahara Occidental á constituírse en Estado Soberano.

3.- A loita de Aminetu Haidar a prol dos dereitos humanos e políticos da poboación saharui que vive nos territorios ocupados militarmente por Marrocos, ten sido recoñecida, mediante premios e nominacións de carácter internacional, por numerosas organizacións e institucións de Europa e América.

4.- Marrocos invadiu o Sahara Occidental en novembro de 1975 e desde esa data o Reino de Marrocos ven aplicando sistematicamente unha política continuada de ocupación militar, explotación dos recursos económicos, colonización humana con poboación marroquí e asimilación política, administrativa e cultural.

5.- O Reino de Marrocos leva vinte anos boicoteando todas as disposicións e resolucións das Nacións Unidas tendentes á realización de un Referendum de Autodeterminación entre a poboación saharaui.

6.- O Estado español, incumpriu vergonzosamente as súas obrigacións como potencia colonizadora do Sahara Occidental e no canto de impulsar a súa independencia, repartiu Sahara Occidental entre Marrocos e Mauritania no ignominioso Tratado de Madrid.

7.- Para as Nacións Unidas, o Estado español segue a ser a potencia responsábel da descolonización do Sahara Occidental e ano tras ano lle recorda as súas obrigas para con o Pobo Saharaui, único territorio africano sen descolonizar.

8.- Os sucesivos gobernos españois veñen apoiando de maneira explícita ou implícita as teses e as políticas de ocupación e dominio defendidas e aplicadas por Marrocos. Máis aínda, España vende armamento lixeiro e pesado a Marrocos ao tempo que explota os recursos naturais saharauis. A última mostra deste apoio é a colaboración, connivencia e actuación conxunta dos Gobernos de Rabat e Madrid para desterrar a Aminetu Haidar cara as Illas Canarias.

9.- En Europa, Francia lidera un numeroso grupo de Países que apoian a ocupación marroquí por intereses económicos, políticos e xeoestratéxicos. En concordancia con esta posición, a UE considera a Marrocos socio económico e político preferente.

10.- Coa súa loita, Aminetu Haidar está a romper o muro de silencio construído arredor do seu Pobo; está a deixar en evidencia a co-responsabilidade dos gobernos español e marroquí no seu sufrimento individual como persoa e colectivo como pobo. O Pobo Saharaui ten dereito a existir, a expresarse, a ser libre e soberano, a exercer o dereito de autodeterminación.

Galiza, decembro de 2009.

_________________________________________________________________________

sahara.png   Sinaturas: 768   galega.png
 

_________________________________________________________________________