18/3/2010
Hedegasa (Autobuses de Calo) despediuna tras solicitar a redución de xornada para coidar da súa filla, dereito recoñecido pola Lei de Igualdade
Delegados e delegadas da CIG de Compostela concentráronse esta mañá na parada de Autobuses de Calo para exixir a readmisión da condutora Nélida Pisco. Durante a concentración repartíronse panfletos nos que se informaba a traballadores/as e usuarios/as sobre as causas que provocaron o despedimento desta traballadora, que non son outros que solicitar unha redución de xornada, dereito recoñecido por Lei, para poder coidar da súa filla. Antes da concentración tamén se fixo un reparto polas paradas de autobuses do Milladoiro.
17/3/2010
Afecta a máis de 40 concellos e a arredor de 500 traballadores/as
Os traballadores e traballadoras de Aquagest e as centrais sindicais CIG e UGT veñen de anunciar, en rolda de prensa, a convocatoria de folga indefinida a partir da Semana Santa para exixir a paralización da política de despedimentos que vén de pór en marcha a empresa, a readmisión dos traballadores despedidos até o de agora e o desbloqueo da negociación colectiva. A folga afectará a arredor de 500 traballadores/as e a máis de 40 concellos como Santiago, Pontevedra, Ourense, Barbanza, Carballo, Laracha, Betanzos, Sada, Ribadeo ou Ribeiro, entre outros.
26/2/2010
Exixen o cobro dos seus salarios e que se rescinda a concesión á empresa
As traballadoras de Limpezas Ames, en folga desde o pasado día 9 de febreiro, concentráronse diante do concello de Ames e asistiron ao pleno para manifestar o seu malestar polo mantemento da concesión do servizo de limpeza a esta empresa e para exixir o cobro dos salarios que se lles adebedan.
26/2/2010
Sufriu durante os últimos meses acoso e discriminación laboral
Nélida Pisco, condutora de Autobuses de Calo (Hedegasa), foi finalmente despedida pola empresa, logo de ter sufrido un rosario de discriminacións e ameazas por exixir o cumprimento da lei de Igualdade. Pisco solicitou, logo da baixa por maternidade, unha redución de xornada por coidado de fillos, as horas de lactación e o desfrute das vacacións que tiña pendentes, todos dereitos que lle foron denegados. A cambio conseguiu, antes de ser despedida, que a empresa a deixara sen traballo efectivo, que se lle prohibira o uso dos lugares comúns dos condutores e verse obrigada a pasar a xornada laboral no seu coche particular no exterior da nave. Todo isto, ás portas do 8 de marzo.
24/2/2010
Quen denegou a licenza foi o Director Territorial de Correos, alegando o informe dos servizos médicos da propia entidade
O traballador de Correos que se reincorporou onte ao se posto de traballo e que se viu obrigado a repartir paquetes malia ter que usar muletas, tiña a correspondente baixa médica emitida polo seu médico de cabeceira, pertencente ao cadro facultativo de MUFACE.
23/2/2010
A empresa deulle a alta médica malia non estar completamente recuperado das súas doenzas
CIG-Correos denuncia que a empresa deu a alta médica a un carteiro de Santiago, malia non estar recuperado das doenzas provocadas por dous accidentes laborais anteriores. O traballador incorporouse esta mañá (día 23 de febreiro) ao traballo e desde a dirección de Correos enviárono a repartir paquetes sabendo que para camiñar depende dunhas muletas. Por iso, desde CIG-Correos convocouse unha concentración este martes diante da Dirección territorial de Correos en Galiza, na Rúa Pitelos, en Santiago de Compostela.