10/2/2012
Exixiron, tanto na Mesa, como na concentración, a inmediata retirada do anteproxecto co que o PP pretende recortar as súas condicións laborais e salariais
Centos de empregados/as públicos/as
participaron este venres na concentración convocada ante a Escola Galega de Administración Pública,
coincidindo coa celebración da Mesa Xeral da Función Pública. Tanto as persoas
concentradas, como os representantes sindicais que participaban na Mesa exixiron
a retirada do “Anteproxecto de medidas no emprego público na Xunta de Galiza”. Denuncia
que se trata dunha proposta que se limita a introducir recortes nas condicións
laborais e salariais dos empregados e empregadas do sector público.
10/2/2012
Denuncia que o PP “prégase ás demandas da banca e da grande patronal”
A Confederación
Intersindical Galega considera que todas as medidas recollidas na reforma
laboral van dirixidas a flexibilizar e abaratar o despedimento e as condicións
laborais e proporcionar man de obra barata á patronal. A reforma pretende
ademais debilitar a negociación colectiva, dividir aos traballadores e individualizar
as relacións laborais. O secretario
xeral, Suso Seixo, afirma que “vai provocar unha caída xeneralizada
dos salarios, o empobrecemento da clase traballadora, máis desigualdades
sociais e a exclusión social dos máis desfavorecidos”. Ante isto, a CIG considera
que con todas as medidas que se veñen aplicando e agora con esta reforma
laboral, a única resposta posíbel é a folga xeral.
10/2/2012
Durante 2010, o 27% das persoas asalariadas en Galiza percibiron como máximo o SMI e un 15% apenas a metade deste
A crise, que Galiza padece con especial virulencia, está a provocar que
as diferenzas de renda existentes entre a clase asalariada se agudicen,
chegando a ser “escandalosas”. Así se recolle no traballo realizado por
Natividade López Gromaz, responsábel do Gabinete Técnico de Economía, a partir
dos últimos datos feitos públicos pola Axencia Tributaria, correspondentes ao
ano 2010. Destes datos tírase ademais que a mocidade é a máis prexudicada,
porque alén de baixos salarios, soporta unhas taxas de paro intolerábeis e
contratos de escasa duración. Reproducimos, de seguido, esta análise.
10/2/2012
A CIG convoca unha asemblea de traballadoras e traballadores, este sábado ás 11:30 horas en Compostela
O Xerente do Consorcio Galego de Servizos de
Igualdade e Benestar, nunha reunión coas delegadas e delegados, anunciou a
integración do organismo na Axencia Galega de Servizos Sociais. O proceso de
integración faríase en dúas fases: primeiro os Servizos Centrais e as Escolas
Infantís (Galiñas Azuis) e, despois a Área de Benestar. A CIG denuncia que todo
isto está previsto que se faga sen garantir, en ningún momento, os postos de
traballo do persoal do ente, unha vez finalizado o proceso de integración.
10/2/2012
A Sección Sindical da CIG denuncia esta “escandalosa e arbitraria distribución” e demanda que estes cartos se destinen a contratar persoal para reforzar servizos
A Sección Sindical da CIG na Axencia Tributaria rexeitou a distribución do complemento de produtividade na AEAT, xa que se basea en criterios arbitrarios e inxustos que favorecen aos altos cargos. Por iso, demandan un cambio no criterio de reparto que permita que as cantidades deste complemento variábel se inclúan nas retribucións fixas. Ademais, sinalan os delegados/as da CIG, coas cantidades destes pluses poderíanse contratar máis traballadores/as para reforzar un servizo tan escaso de persoal como o da Vixilancia Aduaneira.
9/2/2012
Novagalicia Banco presenta o seu plan de medidas tras do que se agocha o novo ERE, seguindo mesmo os trámites necesarios para efectivizalo
A dirección de Novagalicia Banco
achegou, na xuntanza do 7 de febreiro, o “Plan de
medidas de acompañamento social”. A primeira parte denominada “Memoria de
Causas Económicas, organizativas e produtivas”; a segunda “Medidas extintivas
de contratos de carácter inmediato” e a terceira “Medidas de aforro de custos e
xestión gradual do excedente dirixidas a reducir ou paliar os efectos da
extinción de contratos”. A documentación forma parte, segundo a
CIG-Banca, da que legalmente deben presentar as empresas en caso de ERE, aínda
que incompleta. Por iso, xa convocou una protesta no Parlamento de Galiza o día 15.
9/2/2012
Convocan outra concentración, este venres 10 de febreiro, diante da EGAP, a partir das 13:00 horas, coincidindo coa celebración da Mesa Xeral do emprego público de Galiza
Máis de 3.000 traballadores e traballadoras do
sector público déronse cita esta mañá diante de San Caetano, coincidindo coa
celebración do Consello da Xunta. O que inicialmente estaba previsto como unha
concentración de delegados e delegadas converteuse finalmente nunha masiva
mobilización á que se sumou todo o persoal que por proximidade ou por quendas
puido ir a manifestar o seu máis rotundo rexeitamento aos recortes propostos
polo goberno do PP. O persoal, que participou masivamente nas asembleas
convocadas polas organizacións sindicais, chegou a fletar autobuses desde
diversos puntos de Galiza para sumarse a esta mobilización convocada con
carácter de urxencia.